Resoltas as axudas de boa gobernanza nos montes veciñais

Medio Rural aprobou 504 expedientes, na súa maioría de montes veciñais en man común, con predominancia das provincias de Pontevedra e Ourense

Publicidade
Resoltas as axudas de boa gobernanza nos montes veciñais

Monte veciñal. / Arquivo.

Medio Rural vén de resolver as axudas destinadas ao impulso da boa gobernanza nas entidades de xestión dos montes veciñais en man común e dos montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo. Así, destinaron case 2,37 millóns de euros para beneficiar a 504 expedientes.

A elevada demanda que tivo a convocatoria foi mostra do interese e da necesidade que teñen as comunidades en adoptar medidas que melloren a súa gobernanza. Entre as actuacións subvencionables destacan as revisións de esbozos das carpetas-ficha e as actuacións para os deslindamentos parciais.

En relación cos montes veciñais en man común, aprobáronse un total de 501 expedientes, o que supón 2,35 millóns de euros. A territorialización reflicte unha distribución equilibrada das axudas entre as provincias galegas, cunha lixeira maior concentración en Ourense (177 solicitudes) e Pontevedra (181 expedientes), que suman o 70,23 % dos expedientes totais. Estas provincias tamén rexistran os maiores importes asignados, destacando Ourense con máis de 914.500 euros, preto dun 39 % da dotación total.

Deste xeito, Ourense é a provincia que lidera o número de quilómetros obxecto de actuación, cun total de 1.619,89, do total de 3.688 quilómetros. En Pontevedra serán 1.116,84 quilómetros; en Lugo 774,17 e na Coruña 177,49.

En relación cos montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo aprobáronse todas as solicitudes presentadas cunha asignación total de 21.288 euros nas provincias de Lugo, nos concellos de Ribeira de Piquín e Becerreá, e Ourense, no concello de Entrimo.

Estas axudas enmárcanse no Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia (PRTR) de España, máis concretamente na compoñente 4, enfocada na “conservación e restauración de ecosistemas mariños e terrestres e a súa biodiversidade”. Ao mesmo tempo, están vencelladas co Eixo III da Primeira Revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”.

Consultar anuncio do DOG

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información