O proxecto Comedores Responsables KM 0 dá un novo paso na promoción dunha alimentación máis saudable, sostible e vinculada ao territorio coa incorporación das residencias de maiores ás súas accións formativas. A iniciativa, impulsada por oito Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) de Galicia, amplía así o seu ámbito de actuación para acompañar tanto a centros educativos como a colectividades sociais na adaptación aos novos modelos de alimentación colectiva.
Desde o seu inicio, o programa chegou a 57 centros educativos, residencias, vivendas comunitarias e un servizo de cátering, ademais de implicar a máis de 110 profesionais e empresas agroalimentarias, consolidándose como unha referencia na promoción do consumo de produtos frescos, de tempada e de proximidade.
A primeira fase de formación nas residencias desenvolveuse en sete centros de atención a persoas maiores situados en seis concellos das provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra. En conxunto, estes centros suman unha capacidade potencial superior ás 350 prazas residenciais, permitindo testar a iniciativa en realidades territoriais e modelos asistenciais diversos.
As sesións abordaron aspectos como a planificación de menús, a nutrición adaptada ás necesidades das persoas maiores, a seguridade alimentaria, o abastecemento de proximidade e a incorporación de produto local. O obxectivo é ofrecer ferramentas prácticas aos profesionais responsables dos servizos de comedor para avanzar cara a un modelo alimentario máis responsable e sostible.

A iniciativa cobra especial importancia no actual contexto normativo. O Real Decreto 315/2025, que regula os criterios mínimos de calidade nutricional e sustentabilidade dos comedores escolares, entrou en vigor este ano e marca unha liña que o Goberno prevé estender tamén ás residencias, hospitais e outros centros sociosanitarios mediante unha futura regulación actualmente en preparación. Neste escenario, o proxecto facilita formación e asesoramento para que os centros poidan anticiparse ás novas esixencias.
Desde a coordinación de Comedores Responsables KM 0 subliñan que os comedores colectivos son espazos clave para coidar da saúde das persoas, fomentar hábitos alimentarios saudables e apoiar o tecido produtivo local. Ademais de mellorar a calidade dos menús, o proxecto fortalece as relacións entre produtores, empresas agroalimentarias, colectividades e administracións, favorecendo as canles curtas de comercialización e xerando novas oportunidades para o medio rural.
Coordinado polo GDR Terras de Compostela e desenvolvido en oito territorios que agrupan 86 concellos e preto de 710.000 habitantes, Comedores Responsables KM 0 continúa consolidándose como unha iniciativa estratéxica para conectar alimentación, saúde, sustentabilidade e desenvolvemento rural en Galicia.
Galego









Control OJD