Resementan por terceira vez parcelas de millo de Boimorto polos danos do xabarín

Unións Agrarias reclama accións para frear as perdas. Este ano por primeira vez permítese en Galicia o control de danos do xabarín mediante a práctica do axexo

Resementan por terceira vez parcelas de millo de Boimorto polos danos do xabarín

Danos do xabaril nunha parcela sementada na parroquia de Andavou, en Boimorto.

Unións Agrarias está a recibir na súa oficina comarcal de Arzúa (A Coruña) numerosas queixas dos seus afiliados de Boimorto polos danos que este ano está a producir o xabaril nas parcelas sementadas de millo. Os produtores víronse obrigados a volver a sementar, ata tres veces, para tentar sacar a colleita adiante, co incremento de custes que supón facelo en decenas de hectáreas de plantación.

“Este é un problema reiterado, pois xa o ano pasado houbo queixas xeneralizadas ante a pasividade do tecor local, existindo incluso reunións coa Consellería, onde chegou a barallarse a alternativa de traer cuadrillas de caza de fora de Boimorto”, indican dende Unións. Esta opción está contemplada na propia Lei 13/2013 de Caza de Galicia. Finalmente, o ano pasado esta intervención non se levou a cabo, tralo compromiso do Tecor de Boimorto de xestionar axeitadamente o malestar dos agricultores e reducir os danos. Segundo apuntan dende a organización agraria, o compromiso non se cumpriu na práctica durante a última tempada de caza, “onde continuaron coas ineficaces prácticas precedentes”.

Estiman que pode haber unhas 80 hectáreas de millo con danos causados polo xabaril

Os danos da fauna salvaxe non se limitan á sementeira do millo, senón que tanto no outono coma no inverno xa se rexistraron cuantiosos danos nos prados, afectando á posibilidade de ensilar herba con rendementos normais. No que levamos de primavera, contabilizáronse danos en parcelas de millo de gran extensión e gravidade en parroquias como Cardeiro, Andabao, Arceo, Brates, Sendelle ou Boimil.

As estimacións manexadas por Unións apuntan a que poden superarse as 80 hectáreas con danos causados polo xabaril na sementeira do millo, con diferentes graos de afección. “Atópaste impotente ante as perdas e non hai solucións por parte da Administración”, indica Abelardo Seoane, de SAT Ilman, unha das ganderías afectadas. No seu caso ten que volver sementar por terceira vez o millo nalgunhas parcelas de Andavou. Tivo que volver sementar nunhas 8 hectáreas, aínda que estima xa unhas perdas de produción do 30%, posto que tamén se ve afectada a densidade da planta noutras zonas das parcelas nas que non chegou a resementar.

“Vémonos impotentes ante as perdas e a Administración non ofrece ningunha solución” (Abelardo Seoane)

Implicación da Consellería

Dende Unións piden unha firme implicación da Consellería de Medio Ambiente para lograr unha xestión de danos que sexa eficaz, que permita rematar a presente campaña de sementeira e evite a repetición destes danos no millo a partires de finais de agosto, momento en que volve a ser obxectivo para o xabaril.

Na organización agraria reiteran que existe gran preocupación entre os produtores de cara aos meses da colleita, de seguir a pasividade e a falta de medidas. Igualmente demandan do tecor unha actitude seria para controlar os danos. Recordan que a Orde de Vedas 2020-2021, aprobada a finais de maio, permitiría por vez primeira o axexo de xabarís en control de danos, unha cuestión que fora solicitada polo sector.

Esta práctica, coñecida tamén como de recechos, atópase a medio camiño entre as esperas e as batidas e combina as vantaxes de ambos sistemas. Así, poden levarse a cabo por dous cazadores e no entorno das parcelas con danos, pero con maior mobilidade que nas esperas. “Esta modalidade de caza sería moi efectiva se existira interese no tecor para protexer os cultivos dos que depende a economía local”, apuntan.

Unións incide, ademais, na importancia de dar parte dos danos ao 012, coa finalidade de que exista constancia oficial dos mesmos, e se poidan autorizar pola administración medidas excepcionais de control dos danos, para o cal estes teñen que constar oficialmente.

Asemade recorda que sempre existe a posibilidade de reclamar os danos nos cultivos por vía xudicial ás Sociedades de Caza que actúen de xeito neglixente no exercicio das súas responsabilidades na xestión das poboacións de xabarís e dos danos que producen. Unións demanda igualmente da Xunta de Galicia un esforzo na xestión das axudas por danos do xabaril, de xeito que este ano funcionen con eficacia e axilidade, e se garanta a colaboración co persoal de Medio Ambiente para que informen aos afectados e se involucren na busca de solucións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información