Requerimentos de madeira da industria galega de taboleiro

Finsa consume máis do 20% da madeira que se corta na comunidade, a maior parte adicada a taboleiros de fibra MDF. A industria salienta a importancia do piñeiro para a súa cadea de produción e apunta dificultades para un maior consumo de eucalipto

Requerimentos de madeira da industria galega de taboleiro

A madeira de piñeiro é a principal materia prima empregada por Finsa.

A industria do taboleiro é unha das grandes consumidoras de madeira en Galicia. Finsa, a principal referencia, destaca a nivel europeo como especialista en taboleiro de fibras de media densidade (MDF), que se pode considerar como o produto de gama alta do sector. A empresa galega tamén elabora taboleiros de partículas (aglomerado), adícase ao aserrado -en menor volume-, e integra valores engadidos e solucións en madeira a partir desa primeira transformación: recubrimentos melaminicos, rechapado, solos, mobles e compoñentes, papel decorativo, etc. De cara ós próximos anos, que requerimentos de madeira ten Finsa para as súas liñas de taboleiro?

As necesidades actuais de Finsa sitúanse en 3,1 millóns de toneladas de madeira anuais, dos que 1,9 millóns de toneladas transfórmanse nas catro plantas galegas do grupo. Do volume utilizado en Galicia, 1,4 millóns de toneladas son madeira de piñeiro, 200.000 toneladas de eucalipto, 200.000 de frondosas diversas e 100.000 de madeira reciclada para unha segunda transformación.

Finsa produce o 90% do seu MDF galego con piñeiro, en tanto o 10% restante elabórase con eucalipto

A empresa, que tamén conta con unidades produtivas en Portugal, Francia, Teruel e Barcelona, elabora en Galicia o 77% da súa produción de MDF, arredor de 750.000 metros cúbicos dun total de case un millón; así coma o 47% da súa produción de taboleiro de aglomerado, case 450.000 metros cúbicos dun total de 900.000. A firma tamén produce arredor de 200.000 toneladas de madeira aserrada ao ano na comunidade.

Se deixamos a un lado a liña de aserrado, as principais esixencias de calidade de Finsa na compra de materia prima céntranse na súa gama alta de taboleiro, no MDF, pois o aglomerado elabórase en boa medida con madeiras recicladas, procedentes de usos diversos (palés, caixas, mobles desbotados, etc.), con pólas de restos de corta e con frondosas (bidueiros, ameneiros, etc.).

Necesidades para taboleiros de fibra
O 90% do MDF de Finsa en Galicia é producido con madeira de piñeiro, tanto de piñeiro do país como de insigne e silvestre. Outro 10% faise con eucalipto, un 6% con eucalipto globulus na planta de Padrón e outro 4% con eucalipto nitens na planta de Rábade.

Taboleiro de MDF.

Taboleiro de MDF.

O técnico de I+D de Finsa, Carlos Rial, detalla os parámetros que debe cumprir a madeira para taboleiros de fibra: “A madeira ideal é branda e de fibra longa, como a do piñeiro. Coa madeira dura e de fibra curta -como a do eucalipto-, temos un maior consumo de enerxía e, sobre todo, temos peor adhesión das fibras, maior consumo de resinas e aditivos e un produto final con peor moldurabilidade e estabilidade dimensional, o que é unha cuestión importante nos usos dos taboleiros en carpintería”.

O uso de madeira de eucalipto para MDF é “máis complexo e custoso”, segundo sinalou Rial nunhas recentes xornadas técnicas organizadas por Lourizán para valorar os requerimentos de madeira da industria forestal galega. “Ata o ano 2008 tivemos unha planta que producía preto do 100% do MDF con madeira de eucalipto, desenvolvendo un enorme esforzo de mellora no procesado de eucalipto para MDF, pero os resultados non foron suficientes, así que a partir do ano 2008, decidimos reorganizar a nosa produción”, explica.

“O uso de eucalipto para MDF é máis complexo e custoso. En Finsa seriamos felices se tiveramos coníferas por moitos anos” (Carlos Rial)

As preferencias de Finsa para a produción de taboleiro de fibra sitúanse claramente coas madeiras de coniferas, representadas polo piñeiro. Consume indistintamente piñeiro do país, radiata e silvestre. En canto ó piñeiro do país (‘Pinus pinaster’), funciona ben en xeral, pero en Galicia presenta o hándicap de ter unha cor máis escura, unha cuestión penalizada en certos mercados e aplicacions de taboleiro. “O ‘Pinaster’ das Landas, o piñeiro silvestre, ou a pícea, por exemplo, presentan unha cor máis clara, posiblemente por unha menor presenza ou diferente reparto de extractos na madeira, ademáis de por posibles razóns ligadas ó tipo de solo onde medran, climatoloxia e silvicultura” valora o técnico de I+D de Finsa.

Carlos Rial, nas xornadas organizadas polo Centro de Investigación Forestal de Lourizán.

Carlos Rial, nas xornadas organizadas polo Centro de Investigación Forestal de Lourizán.

Resultados co eucalipto
En eucalipto, os resultados mais desfavorables para MDF rexístranse co globulus, en tanto o eucalipto nitens logra un nivel de calidade final intermedio entre o piñeiro e o globulus. Preguntado por se Finsa pode aumentar o consumo de nitens, unha especie con plantacións en expansión en Galicia, Rial amósase relativamente escéptico, dados os maiores custos e peores características técnicas desa madeira para os taboleiros de fibras. Rial advirte de que sería preciso profundar en investigación e desenvolvemento tecnolóxico para poder absorber máis nitens no MDF, con calidades e custos mais axeitados.

“Que a superficie do piñeiro vaia para abaixo en Galicia é un problema para nós. En Finsa seriamos felices se tiveramos coníferas por moitos anos”, recoñeceu Carlos Rial nas xornadas do Centro de Investigación Forestal de Lourizán.

O consumo de madeira de piñeiro para MDF céntrase en trozas cun diámetro de entre 10 e 18 centímetros, non propicias para o aserrado, e preferiblemente de madeira que non sexa xuvenil, pois ese tipo de materia prima presenta menor resistencia mecánica. Finsa destaca que a demanda de piñeiro para MDF foi en ascenso nos últimos anos en Galicia.

O problema do mercado de piñeiro radica no seu uso para aserrado, pois nin os prezos nin a demanda recuperaron os niveis anteriores ao inicio da crise da construcción, en torno ó 2008.

Datos xerais de Finsa

– A orixe de Finsa remóntase ó 1931, da man de Manuel García Cambón. Na actualidade dirixe a empresa a terceira xeración da familia.

– A sociedade conta con catro plantas en Galicia (Padrón, Santiago, Ourense e Rábade), dúas en Teruel, unha en Barcelona e sendas unidades en Portugal e Francia. Tamén ten unha división química, con centros en Caldas (Foresa), Portugal (Bresfor) e Francia (Foresa France).

– A facturación de Finsa no 2016 foi de 800 millóns de euros. Ese mesmo ano investiu 60 millóns de euros e tiña 3.100 empregados en plantilla.

– Finsa produce máis de 2 millóns de metros cúbicos de taboleiro ó ano.

– A empresa procesa 3,1 millóns de toneladas de madeira anualmente, dos que 1,8 millóns son cortadas en Galicia. Ese volume de cortas representa máis dun 20% do total da comunidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información