Requerimentos das instalacións para vacún de leite en ecolóxico

Elena Fernández Rodríguez, doutora en Enxeñaría Agrícola, fai un repaso polos puntos máis importantes a ter en conta no deseño das granxas para garantir a crianza sostible

Requerimentos das instalacións para vacún de leite en ecolóxico

Nas granxas en ecolóxico, os animais deben estar soltos, con abundante ventilación e con entrada de luz natural.

No marco da Semana da Gandería Ecolóxica organizada polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), a doutora en Enxeñaría Agrícola Elena Fernández Rodríguez fixo un repaso polas características das instalacións a ter en conta nas granxas en ecolóxico.

“Unha instalación ben pensada facilita o traballo e contribúe a garantir o benestar dos animais”

A experta apunta a 5 aspectos relacionados con diferentes espazos da granxa ós que prestar especial interese para lograr o benestar das vacas nas instalacións. Garantir un tempo e unha zona de descanso apropiada é unha das cuestións claves a ter en conta. Contar con comedeiros e bebedoiros axeitados é outro dos piares, pois permitirá proporcionarlle ó animal unha alimentación correcta. Condicións ambientais, zona de muxidura e confort no traballo completan os principais factores a valorar. “Unha instalación ben pensada facilita o traballo e contribúe a garantir o benestar dos animais”, subliña a técnica.

Zona de descanso

No deseño do espazo dedicado ó descanso do animal é fundamental ter presente o comportamento da vaca, posto que pasará unhas 12 horas ó día deitada, das cales case 4 horas estará durmindo e o resto remoendo. “Hai que ter en conta tanto as posturas que o animal vai ter mentres descansa como os movementos da vaca para levantarse e garantir que as instalacións os permitan”, indica.

Un mal deseño dos cubículos, zona de alimentación ou unha sobreocupación reducen o tempo de descanso dos animais

As dúas normativas que regulan os requirimentos das ganderías en ecolóxicos, o regulamento 834 do ano 2007 e o 889 de 2009, fixan xa algunhas das pautas que deben cumprir estas zonas de descanso, ben sexan con cubículos individuais ou en cama colectiva. Así é que en ambos casos, os animais deben estar soltos, con abundante ventilación e con entrada de luz natural. Tamén se ha de controlar a densidade de animais, en función da raza e a idade. É preciso que conten con solos lisos, sen que rematen sendo escorregadizos, e que a zona onde as vacas estean deitadas sexa cómoda e estea limpa e seca, ó tempo que debe incluír un leito amplo.

Fernández apunta a que un mal deseño dos cubículos ou da zona de alimentación, así como unha sobreocupación poden reducir o tempo de descanso dos animais. Ter máis vacas das que serían recomendables para as instalacións coas que se conta leva tamén a unha maior competencia, agresións, así como maior permanencia de pé e suciedade.

O tempo que tarda en deitarse unha vaca é un indicador do confort que ten no cubículo

O cubículo debe adaptarse ó tamaño do animal, así como á secuencia de movementos que fai tanto ó erguerse como ó deitarse. Tamén ten que permitirlle á vaca adoptar unha posición cómoda mentres está deitada e ter liberdade de movementos e un espazo social axeitado.

Dimensions-cubiculos-gando-Afriga-

Dimensións dos cubículos. // Fuente: A Callejo Ramos y M.A. Majano Gamarra.

O tempo que tarda en deitarse unha vaca é un indicador do confort que ten no cubículo. Estímase que o tempo medio para deitarse é de 5,20 segundos e de incrementarse podería indicar que o espazo non se adapta ás necesidades das vacas.

Ademais, hai outros signos no gando vacún que poden indicar que algunhas características dos cubículos non son axeitadas, como poden ser a aparición de feridas e lesións, os problemas de conduta ó erguerse e deitarse ou na posición do cubículo. Así, os esvaróns do animal ó levantarse, realizar varios intentos ou que a vaca permaneza deitada ou de pé metade dentro e metade fóra son algúns indicadores de que o espazo non resulta cómodo.

“Unha boa cama facilita os movementos do animal, reduce os riscos de lesión e o tempo de pé no cubículo, á par de mellorar o tempo de descanso”

Outro factor que inflúe no éxito dos cubículos é a cama, que debe ter a cantidade suficiente e boas condicións, é dicir, sen humidades, buracos ou apelmazamentos. “Unha boa cama facilita os movementos do animal, reduce os riscos de lesión e o tempo de pé no cubículo, á par de mellorar o tempo de descanso”, indica a experta.

Naquelas ganderías con cama colectiva é fundamental ter presente as limitacións sobre o número de animais e a superficie real dispoñible. “Hai que ter en conta que, aínda que se dispoña de superficie suficiente pode haber aspectos que limiten o espazo que empregan as vacas”, explica Fernández. Correntes de aire, a proximidade a zonas moi frecuentadas como son os bebedeiros, ou zonas de paso como a muxidura, así como a posibilidade de que a cama se molle pola chuvia, poden reducir a superficie dispoñible e xerar problemas.

Comedeiros e bebedoiros

“Para lograr que os comedeiros cumpran coa súa función hai que ter en conta as dimensións, a terminación e o espazo por vaca”, comenta a experta. O comedeiro debera ter unha anchura de entre 1 e 1,2 metros. A colocación dunha barra simple a unha altura de 1,20, separada uns 20 -30 centímetros ou na parte superior dunha trabadiza, pode axudar a mellorar o acceso ó comedeiro.

No caso dos bebedeiros hai que ter en conta que a vaca consume de media entre 4 ou 4,5 litros de auga por litro de leite. Ademais, abeberan entre 7 e 12 veces ó día e teñen un consumo de 10 litros por minuto. A parte de valorar estes datos, para a colocación dos bebedeiros na granxa é preciso adaptalos ó número de animais, de maneira que polo menos haxa 2 puntos por cada grupo de vacas.

Cada grupo de 20 vacas debería dispoñer de 1,2 metros de bebedeiro

“Entre o 10 e o 15% do mesmo grupo de vacas deberían poder beber ó mesmo tempo”, detalla a enxeñeira agrícola. Así, cada grupo de 20 vacas debería dispoñer de 1,2 metros de bebedeiro. “Precisamos que os bebedeiros sexan fáciles de limpar para garantir que os animais teñan acceso a auga limpa”, detalla Fernández.

Recomendacións do espazo preciso para as vacas no bebedoiro.

Recomendacións do espazo preciso para as vacas no bebedoiro.

Os bebedeiros tampouco poden colocarse a unha altura que supere o 60% da alzada á cruz. A experta estima que a auga debe estar a entre 60 e 70 centímetros e deberán contar cunha profundidade de, polo menos, 7 centímetros, para que poidan somerxer o fuciño. Fernández insiste en que é moi importante proporcionar un espazo suficiente ás vacas na zona de bebedeiro.

No caso da produción en ecolóxico, ademais teñen que dispoñer de bebedeiros no exterior, que deberán proporcionar a auga precisa para as vacas, tendo en conta o consumo que realizan en cada fase. Así, mentres as vacas secas consumen arredor de 10 litros, cando o animal está en produción chega a precisar entre 60 e 110 litros. Ademais, entre o 30 e 50% da auga bébena no tempo próximo ó muxido.

Fernández recomenda que os bebedeiros exteriores se sitúen afastados da entrada da parcela

A enxeñeira agrícola recomenda que cada vaca teña 45 centímetros dispoñibles para poder beber, de maneira que entre o 5 e 10% do rabaño poida beber ó mesmo tempo. Tamén é importante a ubicación dos bebedeiros exteriores. “Recoméndase que as vacas non teñan que camiñar máis de 250 metros para chegar ó bebedeiro e que se sitúen afastados das entradas da parcela, procurando buscar o centro”, detalla.

Sala de muxido

Para as ganderías en ecolóxico son posibles tamén alternativas á sala tradicional de muxido, como pode ser o robot de muxido ou as salas de muxidura portátiles. No caso do robot, o deseño das instalacións debe evitar que se produza unha saturación do paso do gando ata o robot. Ademais, hai que asegurarse de que as vacas poidan moverse con liberdade entre os pastos e o robot.

Mentres, as salas de muxido portátiles contémplanse en combinación ás instalacións fixas, de tal xeito que as fixas sexan usadas no inverno ou naquelas fincas próximas, e as portátiles para épocas de bo tempo e parcelas afastadas.

“Un acceso frontal á sala de muxido facilita a entrada dos animais e ademais, é xa necesario para algúns dos tipos de sala actuais”

O deseño das instalacións deberan permitir un manexo axeitado, de modo que o tempo de espera das vacas non sexa superior a 1,5 horas naquelas granxas que realizan dúas muxiduras. Fernández incide en que a organización deste espazo ten que facilitar a circulación do gando, de maneira que os percorridos sexan o máis curtos posible, sen xiros excesivos, cambios de direccións ou chanzos. “Un acceso frontal á sala de muxido facilita a entrada dos animais e ademais, é xa necesario para algúns dos tipos de sala actuais”, sinala.

Nos rabaños de vacas frisoas, cada animal precisa entre 1,3 e 1,5 metros cadrados, aínda que na época de calor convén maior espazo para cada vaca. Ademais, na sala de espera cómpre contar cunha boa iluminación na entrada da sala, para que o animal saiba a onde se dirixe, así como boas condicións ambientais que permitan unha adecuada ventilación.

Na sala de muxido cómpre que non haxa elementos nin bordes que poidan mancar ás vacas e na soleira das plataformas podería empregarse goma para facilitar o confort. Tamén a saída debe ser o máis recta posible e que se conduzan os animais á zona de comedeiros para evitar que se deiten ó acabar de se muxir, xa que a canle do teto permanece aberta e hai maior risco de entrada de xermes.

Condicións ambientais e hixiénicas

Para proporcionar un benestar ás vacas na granxa, as condicións ambientais como a temperatura, a humidade relativa, a suspensión de partículas no aire, a concentración de gases, a velocidade do aire ou o ruído xogan un papel determinante. “No caso da temperatura e a humidade relativa están moi relacionados con outros aspectos como é a velocidade do aire ou que o animal teña ou non o pelo mollado”, explica a experta. “A zona de maior confort está entre os 10 e os 20 graos, pero ata os -4 e ata os 22 graos os animais adáptanse de maneira fácil a esas condicións ambientais”, puntualiza.

condicions-ambientais-para-o-gando-

Unha boa ventilación natural é unha das claves para garantir unhas condicións ambientais axeitadas e o deseño das infraestruturas será determinante para logralo. Fernández Rodríguez apunta que se debe ter en conta a orientación da granxa con respecto ós ventos dominantes, así como a superficie de entrada e saída de aire ou o volume de aire por vaca, que estará tamén condicionado pola densidade de vacas. “A granxa debera orientarse de maneira que os ventos invernais queden de maneira perpendicular ó eixe lonxitudinal da nave”, detalla.

Tamén cómpre ter en conta que pode haber elementos externos, como a proximidade doutra nave ou dun noiro, que dificulten a ventilación da nave. Fernández especifica que para facilitar a ventilación, a cumieira debera ser duns 3 centímetros por metro de anchura da granxa.

direccion-dos-ventos-na-granxa-

A enxeñeira agrícola tamén incide na importancia de garantir as condicións hixiénico-sanitarias tanto dentro das instalacións, xa que proporcionan benestar e bioseguridade ás vacas; coma no exterior, onde poden facilitar a integración da granxa no entorno.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información