A Central Agropecuaria de Galicia (Silleda) rexistrou este martes un total de 1.184 animais, dos cales 1.125 foron adxudicados, unhas cifras similares ás da semana pasada.
En canto aos prezos medios, en todas as categorías de becerros de recría das razas frisoa e cruce industrial se presentan subas, mentres que no vacún maior e becerros carniceiros houbo baixadas nalgunhas das categorías.
Prezos do gando
A continuación, facemos un repaso polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos, aínda que convén ter en conta que se trata de prezos medios, de carácter orientativo, pois as subas ou baixadas teñen tamén que ver coa calidade media dos animais presentes en cada poxa.
Nos becerros de recría da raza frisoa, os de 15 a 20 días cotizáronse a 164 euros, 16 euros máis que na semana pasada; os de 21 a 50 días soben 27 euros e quedan en 190 euros de media e os de máis de 50 días a 192 euros, incrementado o seu valor en 18 euros. En canto aos de cruces industrial, os máis novos quedaron cun valor medio de 421 euros (+4 euros), mentres que as femias vendéronse a 255 euros (+16 euros). Os de 21 a 50 días chegaron aos 446 euros, cunha suba de 12 euros, e as femias incrementaron tan só un euro o seu prezo medio, que quedou nos 271. Finalmente, os máis adultos alcanzaron un prezo medio de 641 euros (+51 euros) e as femias de 442 euros (+32 euros).
Nos becerros carniceiros, os machos de cruzamento industrial incrementaron o seu valor medio en 6 euros e fixaron un prezo de 1.166 euros, mentres que as femias baixaron ata os 896 euros (-139 euros). Pola súa banda, os de Rubia Galega vendéronse a 1.325 euros de media os machos, o que supón un aumento de 91 euros, e as femias incrementaron o seu valor medio en 23 euros, ata os 1.169 euros. Os animais comercializados baixo o selo de Ternera Gallega Suprema quedan cun valor medio de 1.147 (-45 euros).
No vacún maior houbo suba de prezos nas categorías extra e primeira. Así, na extra o incremento foi de 159 euros e quedou nos 2.187 euros de media e na primeira o aumento foi de tres euros e fixou un valor medio de 1.162 euros. Na categoría segunda baixaron 9 euros os prezos e quedaron nesta semana nos 770 euros de media e na de desfeito caeron ata os 478 euros (-40 euros). Os animais poxados baixo o selo de Vaca y Buey de Galicia descenderon o seu valor en 198 euros e fixaron un prezo medio de saída de 1.397 euros.
Mesas de prezos
As mesas de cotizacións do porcino baixan con respecto á pasada semana. Así, o porco selecto págase a 1,795 euros e o normal a 1,77 euros, ambos baixan 0,03. Pola súa banda, os de canle II páganse a 2,299 e baixan 0,039, mentres que os de desvelle quedan igual que a pasada semana, en 0,76/0,82.
Nos leitóns, os exemplares chegados dunha única granxa están nos 60 euros (cun prezo de 3 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 55 euros e cun prezo por quilo de 2,75 euros.
O mercado do ovo queda igual á pasada semana: os da XL pagáronse a 2,88, os da L la 2,28, os da M quedan en 1,95 e, finalmente, os da o S en 1,66.
O prezo do coello mantense igual e está nos 2,2 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).