O mercado da madeira en Galicia estase a reactivar nas últimas semanas, logo do parón vivido no sector o ano pasado. O incremento da demanda por parte das fábricas e a lixeira suba de prezos deste verán, de entre 2 e 3 euros por tonelada, están a animar as compras no monte e a aumentar a competencia entre as empresas forestais por facerse con lotes de piñeiro e eucalipto.
“Segue habendo tensión aínda nas cortas, hai moita competencia neste momento, estámonos pelexando pola madeira”, admiten. “Animouse o mercado nos últimos 4-5 meses e a nivel de fábrica non nos podemos queixar neste momento, o que compras pódelo mandar”, destacan.
Hai moita competencia neste momento, estámonos pelexando pola madeira
O mercado interior en Galicia leva meses movéndose lentamente, mentres que a demanda de madeira para a exportación tamén está tirando. O ciclo ascendente para a madeira comezou esta primavera, pero até este verán non se trasladou ós prezos.
Ence pide eucalipto
No caso da madeira de eucalipto, os prezos movéronse en fábrica no que vai de ano 2-3 euros para arriba, trasladándose esa revalorización tamén ao monte. O glóbulus pelado supera agora os 40 euros a tonelada, chegando mesmo, en grandes volumes, aos 42 euros nalgúns casos (prezo final a cobrar polo propietario forestal, xa con IVE e descontado o 2% de retención fiscal). No caso do nitens, ronda os 35-36 euros a tonelada, 6 euros menos que o glóbulus. Segundo as tarifas vixentes de Ence, a esa madeira con casca hai que descontarlle 4 euros / tonelada, co cal os prezos estarían no entorno dos 30 euros tonelada o nitens e arredor de 36 euros tonelada o globulus.
O prezo da madeira en pé de eucalipto no monte supera os 40 euros no caso do glóbulus pelado
Unha das razóns da alza de prezos é o aumento da demanda por parte de Ence, xa que as plantas de Navia e Pontevedra son o principal destino para o eucalipto que se corta en Galicia. “Ence está demandando máis cantidade, estanos apurando e primou estes meses bastante o subministro a fábrica”, recoñece unha empresa forestal subministradora habitual da pasteira.
“Hai déficit de madeira en pé, porque até final de ano Ence garante o prezo e mete presión aos compradores locais; hai bastante competencia neste momento”, admiten noutra empresa. A maiores do aumento de compras en Galicia, Ence está traendo tamén na actualidade para a súa planta de Pontevedra madeira en barco desde Colombia, que descarga polo porto de Marín.
Entre os madeireiros galegos había medo a que a entrada en funcionamento de novas plantas de pasta de papel en países como Brasil, Chile ou Uruguai puideran facer caer a demanda de celulosa en Europa, pero polo de agora non están alterando significativamente o mercado. Tanto Ence como as pasteiras portuguesas (Navigator e Altri) están mantendo os pedidos, o que está a servir para tirar dos prezos. “Se imos a fincas grandes estamos comprando por enriba de 42 euros. A pasta segue alta pero a madeira non subiu o que o fixo a pasta”, matizan as empresas forestais compradoras.
Evolución do prezo da pasta de papel
A cotización da pasta de papel BHKP en Europa sitúase neste momento en 1.383 dólares a tonelada, logo de ter baixado no mes de agosto uns 60 dólares desde os máximos acadados en xullo (1.439$), superando mesmo os niveis da segunda metade do 2022. A previsión de futuros marca un leve descenso da cotización até comezos do ano que vén, cunha estabilización en 2025 no entorno dos 1.170 dólares.
Había medo á entrada en funcionamento da nova planta de Suzano en Brasil pero polo de agora non alterou o mercado
En 2023, a produción global de celulosa alcanzou os 180,1 millóns de toneladas. Deste total, o 50% correspondeu a fibra curta (BHK) e o 31% a fibra longa, de coníferas, (BSK) e o resto a outras fibras. O principal destino desta produción foi o mercado de papel tissue (41%), seguido por papeis gráficos (28%), cartóns e papeis especiais (27%), e corrugados (7%).
O principal destino das exportacións de pasta de papel producida nos países de América do Sur é China (47%), seguida da UE (17%). China, o maior importador de celulosa a nivel mundial, está a investir tamén fortemente no crecemento da súa capacidade produtiva de fibra curta (proxecto de Liansheng Pulp & Paper en Zhangpu).
Demanda de rolla de piñeiro e suba de 3€ nos aserradoiros
A demanda de madeira de piñeiro tamén está aumentando neste momento. “Nos aserradoiros hai demanda e non hai problema para colocar o material”, sinalan as empresas de corta consultadas.
O volume de cortas incrementouse no posible, pero a falla estrutural de coníferas nos montes galegos, sobre todo de madeira de calidade, limita as operacións en moitos casos.
En función das condicións de saca e transporte, os maiores diámetros poden chegar aos 48 ou 50€
A rolla de piñeiro volve situarse neste momento no entorno dos 45€ a tonelada de madeira en pé no monte, podendo chegar a 48-50 euros nalgúns casos, despois da suba aplicada o mes pasado nos aserradoiros, que foi de 3 euros. O puntal segue a mesma tónica ascendente, entre os 26-28 €, podendo chegar mesmo aos 30 € dependendo da situación da finca.
Ao aumentar as cortas de rolla no monte, tamén se incrementa a oferta de materia prima para trituración, polo que cando algunha das dúas partes non tira acaba condicionando á outra, como aconteceu o ano pasado, cando Finsa freou a produción e limitou as entradas de puntal nas súas fábricas.
O puntal depende sempre do prezo da rolla, porque ao cortar rolla sempre hai tamén máis puntal
A situación é diferente á de entón neste momento, pois tanto os aserradoiros como as empresas de taboleiros están a coller toda a madeira que lles chega. “Até final de ano vaise aguantar así, prezos e demanda estables”, preven fontes do sector, tanto para a madeira con destino ás principais fábricas en Galicia (Finsa e Tableiros Hispanos, entre outras) como con destino á exportación.
Desde o porto de Burela está saíndo estela de piñeiro cara Francia
A nivel de exportación, a maioría do que segue saíndo é tronco, pero desde o porto de Burela estase cargando estela de piñeiro. As fábricas de taboleiro onde teñen normalmente o pescozo de botella é na zona de estelado, polo que a realización deste proceso en orixe é un valor engadido que algunhas empresas forestais que cortan madeira de conífera nos montes galegos ofrecen aos seus clientes.
A madeira é estelada no porto e cargada nos barcos (co estelado facilítanse tamén as labores de carga e transporte e increméntase a capacidade dos fletes), e cando chega a destino ese material vai xa directo ao dixestor da fábrica.
Medo ás compras a longo prazo
O volume de cortas está mellorando, pero con lentitude e con certo medo. No verán sempre se reactivan as compras, que se teñen incrementado nestes últimos meses, pero con moita calma polas dúas partes, tanto por parte dos propietarios como das empresas compradoras. “Ninguén contaba coa caída brusca da demanda do ano pasado; o susto foi importante”, recoñecen nalgunha empresa.
Os ciclos acurtáronse moitísimo, non podes contar que vas estar en subida tres anos, isto agora é unha montaña rusa continua
As compras a longo prazo, para cortas a 6 meses vista, que podía ser o stock histórico de madeira comprada en monte co que traballaban a maioría de empresas forestais galegas, reduciuse. “Intentas que a madeira que compras darlle saída en 2 ou 3 meses para non arriscar tanto. Tes que xestionar o stock óptimo e o prezo medio de compra nun mercado cada vez máis inestable, desde que foi a pandemia isto é impredecible”, aseguran.
A oferta por parte dos propietarios forestais segue a ser escasa, o que está a motivar unha maior competencia entre as empresas en busca de lotes de eucalipto e piñeiro, o que podería axudar a consolidar a alza de prezos cando menos para o último trimestre do ano.
Losán, na corda frouxa
A empresa galega Losán, que produce distintos tipos de taboleiros e madeira aserrada, atópase inmersa nunha difícil situación económica que podería acabar en Concurso de Acreadores, logo de que a SEPI, que inxectara 35 millóns de euros na compañía a través do Fondo de Solvencia para Empresas Estratéxicas, rexeitara en agosto o plan de restruturación presentado pola empresa, que leva meses tratando de refinanciar a débeda que arrastra cos bancos (Santander, BBVA e Abanca) e vendendo os seus activos no exterior para lograr liquidez.
A empresa, con sede social en Galicia e presidida por Luis López Rico, entrou na primeira metade deste ano en fase preconcursal, cun pasivo duns 200 millóns de euros, e o prazo para negociar cos organismos públicos acreedores (a SEPI, dependente do Ministerio de Hacienda, a Xunta de Galicia e a Junta de Castilla y León) remata no mes de outubro.
A fábrica de Curtis foi fundada en 1964 e está adicada á fabricación de taboleiros e contrachapados
No sector valoran que desde o punto de vista tecnolóxico, as plantas coas que conta a empresa en España poderían ser apetecibles para algunha outra empresa do sector, “ao final eliminarían competencia”, valoran fontes do sector consultadas que especulan sobre o futuro do Grupo.
Losán acometeu nos últimos anos importantes investimentos nas súas principais plantas de fabricación e diversificou cara a produción de enerxías renovables nos seus centros produtivos, coa posta en marcha de catro plantas de coxeneración con gas natural e dúas plantas de biomasa, pero a caída da demanda trala covid e o incremento de custos de produción acabaron por afogar á compañía, pois a empresa arrastra xa débedas con empresas proveedoras.
Losán conta cun cadro de persoal de 1.500 empregados e facturou 345 millóns de euros en 2022, comercializando os seus produtos a máis de 3.000 clientes en 88 países.
A compañía propiedade da familia López Sánchez é un dos principais grupos madeireiros españois (o segundo galego tras Finsa) e conta con 6 centros de produción en Curtis e Vilasantar (A Coruña), Benavente (Zamora), Soria, Fuentes (Cuenca) e Pedro Muñoz (Ciudad Real) e 4 centros de distribución en Europa e América Latina (Romanía, Países Baixos, Chile e EEUU).