Os problemas nas granxas corresponden a cuestións de reprodución, enfermidades, nutrición, manexo ou ambiente, entre outros, por iso “é necesario aprender a escoitar ás vacas”, sinala a consultora veterinaria experta en reprodución Aurora Villarroel. Isto significa que a través da monitorización da actividade destes animais pódense detectar problema de forma temperá.
A disposición de programas e biosensores que mediante algoritmos permiten saber se unha vaca está comendo, está rumiando ou mesmo se está ou non en celo representa unha oportunidade para optimizar o manexo da granxa, sempre e cando “os sistemas de biosensores usen algoritmos que detecten cambios dentro do que fai cada vaca durante cada día, e non en comparación co resto da granxa”, destaca Villarroel.
Atención especial á reprodución animal
O uso de sensores biolóxicos, como podómetros, permiten monitorizar os celos das vacas e ter controlados os seus ciclos reprodutivos. A partir da medición de certos parámetros de reprodución e dos cambios que presentan as vacas pódense diagnosticar prematuramente problemas nas granxas. Para interpretar estes datos cómpre ter claro cal é o esquema de reprodución ideal posto que o animal que se desvíe del seguramente teña un problema, ven sexa algunha enfermidade ou fallo nutritivo, de manexo, etc.
“Unha vaca sa ten o primeiro celo cara os 10-15 días en leite, o seguinte uns 20-25 días máis tarde, e logo cada 20-25 días, e no seguinte é onde se empezan a inseminar” explica a consultora veterinaria. A pesar disto, é necesario ter en conta que a actividade normal moitas veces non se cumpre polo contexto do animal.
“A situación real é estrés por calor, por frío, déficits alimentarios, e demais cuestións que levan a que o esquema de celos dunha vaca ideal non se cumpra”, afirma Villarroel. Deste modo, “en moitas granxas vemos vacas en anestro aínda dous meses despois de parir, polo que eu fíxome en cantos animais saíron en celo durante o primeiro mes e o período voluntario de espera total”, comenta.
A consultora veterinaria pon o exemplo real de tres granxas con períodos de espera de 50 días, ou sexa que comezan a inseminar a partir da 8ª semana. Nesta comparativa a porcentaxe de anestro foi de entre o 3,07 e o 5,55%. Aínda así, pode haber anestros temperáns que se deben á multitude de casuísticas dentro das vacas; “por exemplo, tiven casos de vacas con celos aos 10 días, pero ás que lle falta o celo do día 30 e o dos 50 días, de forma que non teñen o segundo celo ata os 70-80 días e o terceiro ata os 90-100 días, a pesar de que se lle administraron tratamentos hormonais con prostaglandina. Pode ser problema dunha mala administración das hormonas ou algunha enfermidade das vaca”, exemplifica Aurora Villarroel.
“Durante a miña carreira teño probado que cantos máis ciclos teña unha vaca antes de inseminarse mellor quedan preñadas porque o nivel de proxesterona é maior. Segundo un meta-análise publicado en 2016, ter múltiples celos antes de inseminar mellora a concepción un 27% de promedio. Nas miñas granxas vin un aumento de entre 15 e 100 días ‘open’ cantos máis ciclos se salte unha vaca”, detalla Villarroel.
“Ter múltiples celos antes de inseminar mellora un 27% de media a concepción” (Aurora Villarroel)
Sen embargo, segundo a consultora veterinaria “o que algunhas granxas fan é poñer GnRH e facer ovular as vacas antes de comezar co protocolo de sincronización, incluso entre a 3ª ou a 4ª semana despois de parir”, agrega. Para evitar estes tratamentos é necesario ter un manexo axeitado para contar con ovulacións naturais, que, ademais ten mellor concepción.
Logo, unha vez que decidimos en que ciclo inseminar hai que aprender cando deemos inseminar. “En moitas granxas atópome con que as vacas están en celo entre as 6 e as 30 horas, e non todas saen á mesma, nin lles dura o mesmo”, afirma Villarroel. Partindo de que a única forma de que haxa concepción é se temos o espermatozoide e o ovocito vivos ao mesmo tempo no mesmo sitio, “se temos o ovocito vivo unhas 10 ou 12 horas, e o esperma ao redor dunhas 12 horas, a única forma de ter éxito é aproximar a inseminación máis á ovulación”, recomenda a veterinaria.
“A tendencia maioritaria para inseminar sitúase entre as 8 e 10 horas tras ver os primeiros síntomas de celo, cunha taxa de concepción que ronda o 35%; sen embargo, se retrasamos a inseminación chegamos ao 63% de concepción na primeira inseminación con vacas en primeiro parto, e por riba do 50% en vacas adultas”, sintetiza Aurora Villarroel.
En definitiva, “para min ningunha vaca debería inseminarse antes do día 90, con iso conseguimos que haxa varios celos antes. O recomendable é esperar a inseminar entre 80 e 100 días”, recalca Villarroel. Ademais, hai que ter en conta que “as vacas inseminadas entre 12 e 16 horas despois da última actividade son as que resultan en mellor concepción”, amplía.
“Para min ningunha vaca debería inseminarse antes do día 90, con iso conseguimos que haxa varios celos anteriores” (Aurora Villarroel)
Por outra banda, outros factores aos que prestar atención relacionados coa reprodución é o estrés por calor, as necesidades nutritivas das vacas leiteiras, a partición de enerxía ou as posibles enfermidades. Por iso, é necesario aclarar que “cando sube a temperatura baixan a intensidade dos celos” ou mesmo que “a vaca nova necesita enerxía para medrar e para reproducirse, e posta nas dúas opcións daralle prioridade ao crecemento, e se por riba están enfermas directamente esqueceranse de reproducirse”, concreta a consultora Aurora Villarroel.
En definitiva, pódese concluír con que o uso de monitores de actividade representa unha oportunidade para o diagnóstico prematuro de problemas de saúde a nivel do rabaño. “O uso de sistemas automatizados proporciónanos novos síntomas clínicos aos que non estamos afeitos prestar atención”, destaca Aurora Villarroel.