Os vogais da Mesa de Prezos da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega, reunidos na sesión deste mércores no mercado semanal de Amio, en Santiago de Compostela, decidiron por unanimidade manter os prezos da sesión anterior para todas as categorías e calidades de engraxamento da carne.
A Ternera Gallega Suprema pagouse nos machos de menos de 200 kg/canal entre os 6,26€/kg da categoría E aos 5,59 da categoría R e nas femias de menos de 180 kg/canal oscilou entre os 6,29€/kg e os 5,57, cun desconto progresivo até os 5,85€ nos machos de máis de 280 kg e até os 5,95€ nas femias de máis de 260 kg na categoría E e de 5,32 a 5,37 na categoría R.
Polo demais, as cotizacións deste mércores amosan unha pequena suba de 5€ por animal nos becerros de recría de cruce industrial, tanto nos xatos mamóns como nos xa destetados, e un lixeiro descenso das canais de vacún maior de peor calidade, clasificadas como O e P, de 10 céntimos en quilo.
O gando de abasto mantivo os valores da sesión anterior, cun pequeno aumento na afluencia de animais. En conxunto, asistiron ao recinto feiral 1.351 reses, 121 máis que o pasado 3 de maio.