Reny Picot, a industria asturiana con sede en Navia, descarta “actualmente” a compra da planta do Grupo Santé en Outeiro de Rei (Lugo), a antiga fábrica de Pascual. A empresa sinala que “a complicada situación patrimonial de Tegestacín, actual dona das instalacións, e do grupo ó que pertence, en situación de preconcurso, fai inviable a operación”.
No sector lácteo dábase estos días por case feita a compra da planta por Industrias Lácteas Asturianas (Reny Picot), pero a empresa precisa que esa operación non é posible: “Os contactos mantidos non pasaron da fase preliminar pola dificultade de consensuar unha solución na actual situación de moratoria concursal, que a normativa Covid lle otorgou ás empresas en crise ata o próximo 30 de xuño”.
A venda a Reny Picot, segundo apuntan fontes do sector, frustrouse, entre outras cuestións, polas incertezas que había en relación ás débedas do Grupo Santé. Sobre a mesa estivo a posibilidade de que Reny Picot aboase parte das débedas do Grupo Santé cos gandeiros, pero esa operación crearía unha situación de inseguridade xurídica para Reny, pois podería enfrontarse a reclamacións doutras débedas que arrastra a planta, polo que finalmente decidiu desmarcarse da operación.
A entrada de Reny en Galicia era vista con bos ollos polo sector, pois trátase dunha industria que ten desde hai anos acordos estables de compra con granxas e cooperativas galegas, que xa en varias ocasións lle teñen reclamado que invista nunha planta industrial en Galicia.
Así as cousas, todo apunta a que a venda da planta terá que resolverse xa co Grupo Santé en concurso de acreedores. O Grupo Santé, participado por Tegestacín e a castelá LCG Fruits, entre outros socios, atópase en situación de preconcurso de acreedores e é previsible que entre en situación concursal nos próximos meses. Se se chega a esa situación, a venda da planta teríase que facer cando menos con autorización da administración concursal.
A parte de Reny Picot, hai outras industrias que tamén amosaron interese pola planta, polo que, a pesar de que se frustrase agora a súa venda a Reny, espérase a súa volta á actividade no medio prazo.