Reny Picot confirma subas xeralizadas do leite superiores ós 2 céntimos

A industria asegura que os seus novos contratos, vixentes desde o 1 de outubro, benefician a todas as súas granxas proveedoras. A empresa pasa a pagar o 80% do leite a un prezo A e o 20% a un prezo B, dependente da evolución do mercado do leite en po e da manteiga

Reny Picot confirma subas xeralizadas do leite superiores ós 2 céntimos

Reny Picot ten a súa sede central en Navia, no occidente asturiano.

Os tímidos movementos que se iniciaron no sector industrial para mellorar os prezos do leite teñen un dos seus principais expoñentes en Reny Picot. A firma asturiana confirma que desde o 1 de outubro está a aplicar subas xeralizadas de entre 2 e 3 céntimos para todas as súas granxas proveedoras.

Os novos contratos de Reny Picot aplican unha fórmula 80-20. O 80% do leite págase a un prezo A, de mercado, e o 20% restante a un prezo B, referenciado á evolución das cotizacións do leite en po e da manteiga no Observatorio Lácteo Europeo. En cifras, o prezo A sitúase nos 27 céntimos máis primas e o prezo B móvese actualmente tamén en torno ós 27 céntimos.

“O prezo A, tendo en conta as primas, pode chegar ata os 30 céntimos nalgúns casos; en tanto o prezo B previsiblemente subirá se continúan mellorando as cotizacións do leite en po e da manteiga”, resumen fontes da dirección da empresa.

Durante o último ano, Reny Picot estivera a ofrecer contratos coa fórmula 60-40%, cun 60% do leite a un prezo A e o outro 40% referenciado ós produtos lácteos industriais. A nova fórmula amplía a parte pagada a un prezo A ata o 80%, en tanto o prezo B benefíciase da mellora das cotizacións da manteiga e do leite en po nos últimos meses.

Leite en po
A industria caracterizouse tamén esta primavera pola compra en Galicia de cisternas spot a prezos de intervención do leite en po, no entorno dos 20 céntimos. Reny asegura que todo ese leite foi parar a leite en po.

“Enviamos máis de 2.500 toneladas de leite en po para intervención e aínda temos moita produción almacenada do último ano” -explican fontes da compañía-. “Non é certo que ese leite fose a parar a briks de leite líquido, como se ten dito” -aseguran.- “Simplemente buscamos unha saída para moito leite que estaba quedando sen recoller e que ningunha industria quería. Gustaríanos que o prezo de intervención fose máis alto, e así o pedimos públicamente, pero é o que é”, conclúen.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información