Os gandeiros que lle entregan o leite a Reny Picot xa están recibindo a confirmación da industria dun aumento do prezo do leite nos pagos de xaneiro. A suba, que fontes do sector produtor sinalan que será próxima a un céntimo por litro, é consecuencia dos cartos a maiores que percibe desde decembro a industria pola venda de marcas brancas ás cadeas de distribución.
Tras os compromisos acadados en decembro entre gandeiros e distribución, Leche Celta foi a primeira industria en anunciarlle unha suba ó sector, de 0,5 céntimos. Lactalis, logo dunhas semanas de confrontación cos gandeiros, tamén anunciou unha suba para este mes, aínda que queda por concretar a canto ascenderá; e a estas empresas vén a sumarse agora Reny Picot, cunha suba que se achegará ó céntimo por litro. Queda pendente outra reunión do sector con Central Lechera Asturiana, unha das empresas beneficiadas polos acordos coa distribución.
Contactos da Plataforma cos grupos políticos
A Plataforma en Defensa do Sector Lácteo de Galicia vai iniciar a partir de hoxe unha serie de contactos con todos os grupos políticos en demanda dun programa de medidas urxentes de apoio ó sector lácteo. Desde a Plataforma entenden que, tanto a nivel galego como estatal, débense artellar medidas urxentes para garantir a recollida de todo o leite a prezos sostibles, o control ordenado de excedentes e a eliminación de impagos e contratos abusivos, así como o seguemento do leite que se paga a prezo de po, de xeito que se garanta que efectivamente ese é o seu destino.
As organizacións que compoñen a Plataforma consideran que a adopción de medidas debe realizarse de xeito urxente, a fin de non comezar a primavera coa actual situación de incertidume sobre os excedentes, segundo indican en nota de prensa.