
Carlos, na súa explotación na parroquia de Santa María de Bóveda, en Lugo
A rendibilidade non está no tamaño da explotación nin en producir litros a toda costa, senón na lonxevidade das vacas e en producir calidades. É a premisa coa que traballa Carlos Vázquez á fronte de Granxa Vázquez, unha gandería de vacún de leite ubicada en Luxilde, na parroquia de Santa María de Bóveda, pertencente ao Concello de Lugo.
Carlos moxe unhas 30 vacas, que atende el só, e sumando a recría e as vacas secas chega ás 47 cabezas totais. A media de produción móvese entre os 31 e os 33 litros. “Varía un pouco dependendo dos días en leite, pero iso é no que me movo todo o ano”, explica.
A media da granxa sitúase en 11.200 litros por vaca en cada lactación, cun 4,87% de graxa e un 3,75% de proteína
A media por lactación sitúase en 11.200 litros por vaca e a produción vitalicia media supera os 50.000 litros. En canto ás calidades, a media anual dos últimos 12 meses desta granxa nas análises do Ligal está en 4,87% de graxa e 3,75% de proteína.
Unha granxa resiliente
Carlos entrega a Inleit e as boas calidades que ten permítenlle cobrar entre 8 e 9 céntimos só de calidades. “Agora todas as empresas baixaron o prezo base, pero as calidades non baixaron, polo que ter calidades é unha garantía, porque fai que o impacto da baixada sobre o prezo total do leite sexa menor”, argumenta.
Unha granxa coma esta non a tumban tan fácil as empresas do leite; as que están no fío da navalla son as explotacións que investiron moito
Por iso, a granxa de Carlos resiste mellor unha baixada puntual do prezo do leite, coma a que acaba de producirse na última renovación o día 1 de abril. “Unha explotación coma esta non a tumban tan facilmente as empresas do leite por moito que o queiran baixar, porque eu non debo nada, teño todo pago. As que o pasan peor e están no fío da navalla son as explotacións que investiron moito”, di.
Reducir os investimentos para incrementar o beneficio

Un tractor e un carro mesturador foron as únicas compras en maquinaria desde o ano 2012
Carlos comezou coas vacas de leite fai xa 35 anos. “Os meus pais tiñan vacas de carne e eu empecei daquela cunhas poucas vacas de leite e fun aumentando e cambiando as de carne polas de leite”, conta.
A nivel de instalacións, Carlos reformou a nave vella, na que colocou ventiladores para que o gando estea máis a gusto no verán e fixo unha ampliación para unha ducia de vacas máis fai 7 anos. Tamén preparou unha zona de cama cuberta para vacas secas. “E de maquinaria comprei un tractor normaliño”, explica.
Desde o 2012 merquei un tractor normaliño, un remolque e un carro mesturador; non houbo máis gasto en maquinaria
“Eu vexo rapaces novos que se meten a unha nave de 50×80, dous ou tres robots e 4 tractores grandes. Cando pasen 15 anos daranse conta que o único que fixeron foi traballar para pagar todo iso”, compara.
Agora, con 56 anos e sen relevo, Carlos recoñece que a súa premisa de aquí á xubilación consiste en “encher o que se poida a conta do bancol”, bromea. “Desde o 2012 a hoxe fixen poucos investimentos: cambiei o tractor, comprei un carro mesturador e un remolque e fixen unha ampliación para 12 vacas”, detalla.
Lonxevidade

Ilia, unha das primeiras fillas de Brook da granxa, que en 4 partos deu 67.142 litros de leite, con 2.928 kg de graxa e 2.417 kg de proteína
Un dos puntos fortes de Granxa Vázquez e unha das bases da rendibilidade da explotación está na lonxevidade do gando. A media da explotación sitúase en catro partos, con moitas vacas de 5 e 6 partos en plena forma, empreñando e dando leite coma se fosen unha primeiriza.
“A media das granxas en Control Leiteiro en Galicia sitúase neste momento en 2,3 partos por vaca e 36.000 litros de produción vitalicia. Eu estou en catro partos e paso dos 50.000 litros a matadoiro”, compara.
A media de lactacións das vacas en Control Leiteiro en Galicia sitúase en 2,3 partos e 36.000 litros producidos; as miñas duran 4 partos e pasan dos 50.000 litros
“En moitas explotacións as vacas marchan con moita facilidade. Hai granxas que traballan cun 80% de reposición. Para min iso non é rendible. Que beneficio me dá a min unha vaca que dá 50 litros pero que a teño que mandar ao matadoiro no primeiro parto?”, argumenta.
Pola contra, Carlos ten vacas coma Ilia, unha das primeiras fillas de Brook nacidas na granxa, que en 4 partos fixo 67.142 quilos de leite, con 2.928 kg de graxa e 2.417 kg de proteína. “É unha vaca que fai lactacións moi longas, de entre 400 e 500 días. Aguanta moi ben os litros. No último parto estivo 15 meses dando leite; é como se fixera unha lactación máis”, asegura.
Como necesito moi pouca recría, poño moito seme de carne e vendo os xatos azul belga de tres semanas en 800 euros
Unha granxa destas características, que destaca pola lonxevidade dos seus animais e por facer lactacións prolongadas, precisa menos recría. “Eu con criar 3 ou 4 xatas ao ano teño dabondo. Por iso uso moito seme de carne, sobre todo azul belga”, conta Carlos.
Os xatos belgas véndeos ás 3 semanas e supoñen neste momento unha importante fonte de ingresos para a explotación a maiores do leite. “Teño vendido algo de xenética, pero agora prefiro poñer carne porque lle saco máis rendemento. Un xato de 21 días venme deixando 800€; o récord está en 31 días e 1.000 euros”, detalla.
10 anos traballando con xenética danesa
Carlos utiliza desde fai 10 anos xenética holstein danesa na súa granxa. “Antes inseminaba con touros americanos ou canadenses, pero empecei a traballar con Viking Genetics buscando aumentar as calidades e a lonxevidade dos animais e a verdade que é logrei sobradamente todo iso e a maiores encontrei a conformación, algo que foi unha sorpresa para min”, afirma.
“Fai 12 anos tiña 78 puntos de media na granxa e hoxe o rabaño total está en 82 puntos, con 84 puntos logrados na última cualificación. A introdución de seme danés pegou un impacto incrible na morfoloxía dos meus animais, foi algo que eu non agardaba”, reitera.
Dentro do rabaño da explotación, cóntanse catro vacas MB
Dentro do rabaño da explotación, cóntanse catro vacas MB con máis de 85 puntos de cualificación: dúas con 88, unha con 86 e outra con 85. “E varias máis que prometen, que están ás portas de entrar”, destaca Carlos.
O primeiro touro danés co que empezou a traballar foi Brook. Logo pasouse a Lineman, Nader e Sigvar, pero salienta sobre todo a linaxe de Brook. “Grazas a ese touro esta granxa pegou un salto espectacular”, di.
Os daneses traballan con liñas xenéticas diferentes, por iso a consanguinidade é moito máis baixa e o impacto de empezar a utilizar estes touros nunha granxa é inmediato
“Viking leva 35 anos traballando en rasgos de saúde e o que fixo para mellorar eses rasgos foi utilizar liñas xenéticas totalmente diferentes para reducir a consanguinidade. Un punto de consanguinidade réstache 60 libras en leite, pero hoxe hai touros que teñen un 10 ou un 12 de consanguinidade. Iso significa que che están restando 600 ou 700 libras en leite”, argumenta.
Carlos tamén salienta a “fiabilidade” das probas danesas. “Os touros probados recollen os datos das fillas de primeira, segunda e terceira lactación, cando no resto dos casos, tanto en España como no resto de países, só aparece a primeira lactación. Por iso os datos son máis fiables”, insiste.
Ademais, di, “en España a media de leite está en 10.000 litros, cando en Dinamarda as medias son de 11.000 litros de leite, un 4% de graxa e un 3,38% de proteína. Ese é o valor cero e é moi superior que en España”, compara.
Xovencas paridas aos 21 meses
Para acelerar a mellora xenética da explotación, Granxa Vázquez vén de mercar dous animais de recría a Mantoño Holstein, a granxa de Barreiros que acaba de ser elixida a gandería con mellor xenética frisona de España.
Carlos mercoulle unha xovenca roxa preñada cualificada con 84 puntos e ubre MB e unha xata pinta dun mes e a súa intención e facer embrións a partir delas. “Gústanme as vacas conformadas. Quero calidades e leite, pero a maiores gústanme as boas vacas”, admite.
Granxa Vázquez vén de mercar unha xovenca roxa e unha xata pinta á explotación con mellor xenética holstein de España para facer embrións
Grazas ao traballo coa recría, Carlos logra que as súas xovencas teñen de media 21,5 meses ao primeiro parto. Para iso, o manexo prioriza a alimentación e crecemento nas primeiras etapas. “Desteto entre os 2 meses e medio e os 3 meses. Pasan a comer entón a ración das vacas de leite até os 8 meses e a partir dos 6 meses teñen xa tamén acceso ao exterior. Insemino máis ou menos cando cumpren o ano e veñen a parir aos 21 meses ou 21 meses e medio”, relata.
Ao adiantar varios meses a inseminación, cada 5 xovencas sáeme unha gratis
“Eu considero que canto máis coides a xovenca e máis a alimentes, máis cartos gañas, porque se lles das as sobras para non gastar moito con elas e acabas inseminando aos 16 meses, estás perdendo 4 meses en cada unha. Eu considero que cada 5 xovencas sáeme unha gratis, venme unha de regalo”, argumenta.
A media de inseminacións de vacas e xatas é de 2,1 e a maior parte das doses son de seme sexado. “Arredor dun 80% do que uso é seme sexado e o outro 20% convencional”, explica.
Control individual dos animais

Vaca con alimentación diferenciada para favorecer o descenso de produción para o secado
Carlos sácalle o máximo rendemento a cada animal, cun trato individualizado que, recoñece, non poden dar as explotacións de maior tamaño. “A min non me fai falla ningún podómetro nin que me chegue ningunha alerta ao teléfono, porque con poucos animais se hai unha incidencia son capaz de detectala, pero entre 200 vacas escápanseche moitas”, asegura.
“Fai poucos días vin que a unha das xatas sobráballe moita comida. Chamei ao veterinario clínico e resultou ser unha enterite. Se estivese nun lote de 20 e tardara varios días en detectar o problema, perdería a xata”, exemplifica.
Malia ter poucas vacas, a granxa está en Control Leiteiro para dispoñer de información precisa de cada animal
Pon aínda outro exemplo: Fai 2 anos, unha das vacas da granxa enfermou de EHE preñada xa de 6 meses e Carlos sacouna adiante dándolle de beber durante 6 días cunha bomba de auga. Tras recuperarse, vén de completar a sexta lactación. “Xa fixo dous partos máis, que é a media de lactacións por animal de moitas granxas de leite sen mosquito”, compara.
Para o secado, tamén fai un tratamento individual das vacas, reducindo o aporte enerxético da ración para favorecer a caída do leite. “Aquí o secado é moito máis progresivo e moito menos arriscado. Eu xa teño visto vacas que collen unha hipocalcemia no proceso de secado”, argumenta.
300 gramos de concentrado por litro de leite producido
A alimentación do gando baséase no silo de millo e aínda que Carlos ten vacas grandes, destaca a súa eficiencia alimenticia. A ración de alimentación das vacas en produción está elaborada con 30 kg de silo de millo por vaca, entre 7 e 10 de silo de herba e entre 9 e 9,5 de concentrado.
Esta é unha xenética que está preparada para facer sólidos
“Podíase facer más leite a base de meter máis penso na ración, pero penso que chega un punto no que non é rendible porque forzas máis as vacas e o que gastas non se ve reflectido na produción de máis litros. Esta é unha xenética que está preparada para facer sólidos”, defende.
Granxa Vázquez traballa unhas 19 hectáreas, das que bota 11 a millo. A maior parte do traballo agrario, como botar o purín ou arar, faino Carlos directamente, agás picar o millo e ensilar a herba.
“Para min o sistema de estabulación libre é un matadeiro para as vacas; a min as que me gustan son as granxas canadenses”
Granxa Vázquez conta con instalacións trabadas para as vacas en produción porque Carlos afirma que “o sistema de vacas libres é un matadeiro”. “Nesas explotacións hai moitos accidentes, porque as vacas en celo montan nas outras, hai vacas dominantes, etc. Eu teño envexa das granxas canadenses, desas si, pero non de ningunha nave en estabulación libre, por moi bonita e moderna que sexa”, afirma.
Un dos hándicaps que ten unha granxa trabada como a de Carlos é a certificación de benestar animal. “Unha explotación libre que manda a metade das vacas ao matadoiro todos os anos cumpre co benestar animal mellor que unha granxa coma a miña na que as vacas duran 6 partos?”, pregúntase.
Cumpre mellor co benestar unha estabulación libre na que a metade das vacas se van ao matadoiro todos os anos que a miña na que as vacas duran 6 partos?
“Agora que me veñan a min os de Bruxelas a comparar un establo preso cun establo libre, porque nos establos libres tamén hai gandeiros que fan ben as cousas, pero sempre hai máis accidentes”, reitera
Eu abrín a nave polos laterais por confort para as vacas, non por cumprir coa normativa de benestar, pero tamén me axuda para a certificación
Até o de agora, non tivo problemas para superar as auditorías do protocolo Welfare e obtivo máis de 70 puntos na certificación de benestar animal da empresa que lle recolle o leite. “Ao ter máis do 40% da nave aberta teño máis puntos e tamén me conta que as vacas secas están fóra e que as xatas entran e saen cando queren.
Recuperación das vacas secas

Zona exterior para as vacas secas, onde pasan arredor de dous meses entre lactación e lactación
Mentres están en produción as vacas de Carlos non saen nunca fóra e están sempre presas. “Se me obrigasen a botalas unhas horas todos os días agora na primavera non me importaría, incluso me gustaría velas no prado, pero que non me digan a min que telas fóra en pleno inverno é benestar animal”, argumenta.
Para min un dos éxitos da granxa é a zona de vacas secas no exterior para recuperalas entre parto e parto
Sen embargo, as vacas secas recupéranse sempre no prado. “Cando seco unha vaca vai para fóra e bota dous meses fóra. Iso faille de marabilla para recuperarse. A vaca volve despois para parir moi ben. Eu non lle noto diferenza á arrincada dunha vaca de sexto parto con respecto á dunha de segundo parto; aquí arrinca igual a de sexto que a de segundo”, asegura.
11.000 xermes e 95.000 células somáticas muxindo en circuíto
En canto ao sistema de muxido, Granxa Vázquez segue muxindo en circuito, o que non lle impide dispoñer dunha excelente calidade hixiénico-sanitaria do leite. A media de bacterioloxía dos últimos 12 meses das análises do Ligal foi de 11.000 ufc/ml e 95.000 células somáticas.
A cama é de colchoneta con carbonato por enriba como produto secante e desinfectante. “Neste tipo de granxas pequenas coma a miña, eu chámolles caseteiras, téñenche que gustar moito as vacas para telas ben e sacarlles o máximo de beneficio, porque cómodas para traballar non están”, recoñece Carlos.
Reportaxe elaborada coa colaboración comercial de Global Genetics.
Galego









Control OJD