“A rendabilidade económica e a sostibilidade do monte poden ir da man”

Sandra Vázquez, técnica forestal, explica neste vídeo de Fearmaga o seu traballo diario na xestión silvícola dun monte, no que manexan variedade de especies forestais para a obtención de madeira de calidade, deixando un 20% do monte como reserva

Sandra Vázquez (A Coruña, 1987) leva 10 anos traballando no mundo forestal e na actualidade dirixe a explotación forestal dun monte privado. Trala crise do ladrillo, e para acadar o seu soño de “contribuír á natureza e facer dela a súa oficina”, compaxinou os seus estudos de técnico forestal en Valencia co traballo nesta explotación forestal, que agora dirixe.

A súa filosofía de traballo é a de conseguir un beneficio ambiental para a contorna e que a xestión forestal permita obter madeira de calidade. No monte que dirixe, xestionan todo tipo de especies, tanto coníferas (piñeiro, sequoia) como eucalipto e frondosas (carballos, bidueiros, etc.). Sandra defende un monte con diversidade de especies e diferentes destinos para a madeira (aserrado, pasta de papel, bateas, barcos, construción, etc.).

O seu obxectivo é obter madeira de calidade, á vez que se manten a biodiversidade e a función ambiental do monte. “Temos un 20% do monte destinado a reserva, sobre todo nas beiras de ríos e áreas de frondosas ou de interese paisaxístico. Esas zonas de reserva, tal e como figura no noso plan de xestión, non se cortarán, salvo casos de árbores mortas ou problemas similares”, salienta.

Esta peza audiovisual foi realizada pola Federación de Aserraderos y Rematantes de Galicia (Fearmaga) no marco dun conxunto de audiovisuais que está a facer, nos que a construción dun barco é o fío condutor para presentar o impacto da industria forestal no territorio, explicando todo o proceso da madeira, desde o aproveitamento forestal ata a súa transformación. É unha serie desenvolta en colaboración con XERA, Axencia Galega da Industria Forestal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información