O Boletín Oficial do Estado publicou o pasado 19 de abril a orde de rebaixa fiscal para os agricultores e gandeiros en réxime de módulos do IRPF de cara á declaración da renda deste 2024.
A orde recolle as reducións fiscais para os agricultores e gandeiros acollidos ao método de estimación obxectiva, que suporá unha rebaixa da base impoñible duns 1.750 millóns de euros.
A medida beneficiará aos preto de 800.000 agricultores e gandeiros que tributan polo sistema de módulos. A redución xeral do rendemento neto será do 15%. Outros sectores, que sufriron especialmente a climatoloxía adversa de 2023, terán reducións maiores, como o 80% para a castaña, o 50% para cereais, leguminosas, oliveiral e apicultura, e o 30% para uva de vinificación e sectores gandeiros en réxime extensivo.
Outra das rebaixas máis interesantes será a do 35% do rendemento neto pola adquisición do gasóleo agrícola e do 15% pola compra de fertilizantes.
Ademais, como xa se estableceu na orde HFP/1172/2022, revísase para o exercicio 2023 o tratamento tributario das axudas directas desacopladas da Política Agraria Común, de maneira que a súa tributación en proporción aos ingresos da explotación condiciónase á obtención dun mínimo de ingresos na actividade distintos do da propia axuda directa, establecéndose a exención dos ecorreximes.
O índice corrector por cultivos en terras de regadío que utilicen enerxía eléctrica redúcese a 0,75. Ademais, mantense a redución do índice aplicable ás actividades gandeiras que alimenten o gando con pensos e outros produtos adquiridos a terceiros, sempre que representen máis do 50% do importe total da alimentación animal. O índice único para todos os sectores gandeiros será do 0,50.
Nalgunhas CC.AA. pode establecerse un índice inferior (ver detalle na orde) e outras reducións adicionais.
Reducións específicas para Galicia
En Galicia contémplanse reducións fiscais a maiores para as gandarías de vacún de leite da comarca da Mariña lucense, pola seca do pasado verán, que reduciu notablemente a colleita de millo forraxeiro.
Tamén hai rebaixas no IRPF para as gandarías dos Ancares, afectadas pola praga da ratatoupa, para as explotacións apícolas da provincia de Ourense e para os produtores de pataca da Limia.