Renda 2023: Así quedan as rebaixas do IRPF para gandeiros e agricultores

O Goberno publica a orde de módulos cunha rebaixa mínima do 25 % no IRPF 2022 para 800.000 agricultores e gandeiros .

Renda 2023: Así quedan as rebaixas do IRPF para gandeiros e agricultores

O Boletín Oficial do Estado publicou hoxe a orde do Ministerio de Facenda e Función Pública pola que se reducen os Índices de Rendemento Neto aplicables en 2022 no sistema de estimación obxectiva do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF), o denominado sistema de módulos, para agricultores e gandeiros.

Esta orde recolle a proposta do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) de minoración dos devanditos índices e ten en conta a incidencia da seca e outras circunstancias excepcionais que afectaron á rendibilidade de moitas explotacións agrícolas e gandeiras durante 2022, como a guerra en Ucraína, que causou un encarecemento dos custos de produción.

A orde establece unha redución xeral do rendemento neto do 25 % que poderán aplicarse os aproximadamente 800.000 agricultores e gandeiros que tributan polo sistema de módulos. Determinados sectores en situación máis vulnerable benefícianse ademais de reducións específicas, que son do 50 % no caso do oliveiral, a amendoeira e a apicultura, e do 30 % para cereais, oleaxinosas e leguminosas, castiñeiro, pexego, nectarina, albaricoque e os demais sectores gandeiros.

Estímase que o conxunto das reducións contempladas na orde publicada hoxe supón unha rebaixa da base impoñible da orde de 1.807 millóns de euros, e é a de maior alcance da última década.

Redución no rendemento neto do 35 % pola adquisición de gasóleo agrícola, e do 15 % pola compra de fertilizantes

A orde permite tamén que os declarantes en Estimación obxectiva agraria do IRPF poidan minorar o rendemento neto previo un 35 % por adquisición de gasóleo agrícola, e un 15 % por compra de fertilizantes, segundo o establecido na Orde HFP/1172/2022, de 29 de novembro, que desenvolve o método de estimación obxectiva do IRPF para 2023.

Ademais, mantéñense as reducións dos índices correctores que se estableceron o ano pasado por pensos adquiridos a terceiros e por cultivos en terras de regadío que utilicen enerxía eléctrica. Concretamente establécese nun 0,5 o índice aplicable ás actividades gandeiras que alimenten o gando con pensos e outros produtos adquiridos a terceiros, sempre que representen máis do 50 % do importe dos produtos alimenticios consumidos, e aplícase tanto aos sectores gandeiros intensivos como a extensivos. O índice corrector por cultivos en terras de regadío que utilicen enerxía eléctrica redúcese a 0,75.

As reducións dos índices de rendemento neto establecidas con carácter nacional para a declaración da renda 2022 son as seguintes:

Sectores agrícolas:

– Cereais, leguminosas e oleaxinosas de 0,26 a 0,18
– Produtos da oliveira de 0,26 a 0,13
– Albaricoque, pexego e nectarino de 0,37 a 0,26
– Améndoa de 0,26 a 0,13
– Castaña de 0,26 a 0,18

Sectores gandeiros:

– Avicultura de 0,13 a 0,09
– Bovino de leite de 0,20 a 0,14
– Bovino de carne de 0,13 a 0,09
– Bovino de cría de 0,26 a 0,18
– Cunicultura de 0,13 a 0,09
– Equino de 0,32 a 0,22
– Ovino e caprino de carne de 0,13 a 0,09
– Ovino e caprino de leite de 0,26 a 0,18
– Porcino de carne de 0,13 a 0,09
– Porcino de cría de 0,26 a 0,18
– Apicultura de 0,26 a 0,13

Ademais efectuáronse un elevado número de reducións a nivel autonómico, provincial ou municipal noutras producións, entre as que destacan as aprobadas para as froiteiras non cítricos en importantes áreas produtoras.

Deducións específicas para os agricultores e gandeiros de 112 concellos galegos

A orde do Ministerio de Facenda e Función Pública recolle, ademais, deducións maiores a nivel autonómico, provincial ou municipal noutras producións que están a sufrir especialmente as consecuencias da seca e do encarecemento de insumos. En Galicia poderán beneficiarse destas deducións os agricultores de 21 municipios de Lugo e de 91 de Ourense que se dediquen á apicultura, o bovino de carne, a castaña ou a viticultura

En concreto, na provincia de Lugo as gandarías de Carballedo, Chantada, Monforte e O Saviñao que cultiven millo terán un índice de rendemento neto do 0,19, mentres que para os de uva para viño será do 0,22. En Cervantes, aos de millo aplicaráselles un 0,26 e aos de castaña un 0,05, mentres que en Folgoso do Courel os produtores de castaña terán un índice do 0,13. Aos de millo de Guntín, Lugo, Láncara, Palas de Rei e Sarria aplicaráselles o 0,26, mentres que para os produtores de castaña de Navia de Suarna terán un índice do 0,05. En Negreira de Muñiz, A Pobra de Brollón e Quiroga reduciranse os índices para o cultivo de castaña (0,13) e para o de uva para viño con denominación de orixe (0,22). Este último será o mesmo que se aplicará aos viticultores de Patón, Ribas de Sil, Sober e Taboada, mentres que os que cultiven millo en Baralla e Pedrafita terán un índice de rendemento neto do 0,19.

Até un total de 68 municipios da provincia de Ourense poderán beneficiarse dunha redución na tributación se se dedican á apicultura. O índice a aplicar aquí é dos máis baixos, do 0,05, e del poderán beneficiarse os apicultores de Allariz, Amoeiro, A Arnoia, Avión, Baltar, Barbadás, Baños de Molgas, Beariz, Os Blancos, Boborás, A Bola, O Bolo , Calvos de Randín, Carballeda de Avia, O Carballiño, Cartelle, Castrelo do Val, Celanova, Cenlle, Coles, Cortegada, Cualedro, Esgos, Gomesende, O Irixo, Larouco, Laza, Leiro, Maceda, Maside, Melón, A Merca, Monterrei, Nogueira de Ramuín, Ourense, Paderne de Allariz, Padrenda, Parada de Sil, O Pereiro de Aguiar, A Peroxa, Petín, Piñor, Pontedeva, Porqueira, Punxín, Quintela de Leirado, Rairiz de Veiga, Ramirás, Ribadavia, Riós, A Rúa, San Amaro, San Cibrao das Viñas, San Cristovo de Cea, Sandiás, Sarreaus, Taboadela, A Teixeira, Toén, Trasmiras, Verea, Vilamarín, Vilar de Barrio, Vilar de Santos, Vilardevós, Xinzo de Limia, Xunqueira de Ambía e Xunqueira de Espadanedo.

O mesmo índice aplicarase aos apicultores de Bande, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Entrimo, A Gudiña, Lobeira, Lobios, Manzaneda, A Mezquita, Montederramo, Muíños, A Pobra de Trives, San Xoán de Río, A Veiga, Viana do Bolo e Vilariño de Conso. Nestas localidades tamén se reduce o índice do bovino de carne, que queda no 0,07. En O Barco, Carballeda de Valdeorras e Vilamartín aplicarase o mesmo índice para a apicultura que en todas as localidades anteriores, pero haberá tamén rebaixas para os cultivadores de castaña (0,05) e para os de uva (0,06). En Castrelo de Miño, Oímbra e Verín poderán beneficiarse de rebaixas na tributación os apicultores (0,05), e os viticultores (0,06). Por último, en Rubiá aplicarase o mesmo índice aos apicultores e o 0,06 para o cultivo da castaña.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información