
Equipo de sementeira do parque de maquinaria da cooperativa Clun na Mariña
Cooperativas, empresas de servizos e granxas particulares encaran esta semana os últimos días da campaña de sementeira do millo nas distintas zonas leiteiras de Galicia. Os parques de maquinaria traballaron sen descanso no último mes para ensilar a herba e facer a rotación de cultivo nas parcelas.
A estabilidade climatolóxica das últimas semanas permitiu recuperar en parte o tempo perdido no inicio da campaña. Aínda así, a sementeira remata en moitas zonas máis tarde do habitual, pero mesmo antes en comparación co ano pasado, no que tamén se retrasara moito polo mal tempo.
O retraso acumulado no inicio facía prever unha campaña aínda máis complicada
As fincas labradas este ano no mes de abril foron mínimas, o que obrigou a prescindir dos ciclos máis longos, habituais nas zonas costeiras das provincias da Coruña e Lugo, apostando máis por ciclos medios e curtos para non dilatar o momento do ensilado, máis trala experiencia da última campaña de recollida o outono pasado, condicionada polo mal tempo e con moitas dificultades para entrar nas fincas máis molladas.
A redución de ciclos podería deixarse notar tamén no rendemento final da colleita
O retraso no momento da sementeira favorece tamén a aparición de pragas e un maior desenvolvemento das malas herbas, tendo en conta sobre todo a suba das temperaturas prevista para esta semana. O calor é un aliado da rosquilla, un inimigo a temer máis aínda cando o millo está nunha fase tan inicial do seu crecemento vexetativo.
A nascencia tamén se podería ver prexudicada por unha presenza excesiva de herba, obrigando nalgúns casos a realizar un dobre tratamento para controlala, sobre todo mentres a planta non logra cubrir os regos coas súas follas.
Coñecemos cal é a situación a día de hoxe nas provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra:
José Ramón Loza (Clun, A Mariña)
“Esta semana vén calor e vai haber que estar atentos á rosquilla”
Ao parque de maquinaria de Os Irmandiños (Clun) aínda lle quedan unhas 100 hectáreas por sementar para esta semana. En total, labraron unhas 1.300 hectáreas, lixeiramente por enriba das sementadas o ano pasado, das que unhas 750 hectáreas son para o CAVI, o Centro de Alimentación que a cooperativa ten en Barreiros.
Clun comezou a campaña de sementeira este ano o día 7 de maio, unhas dúas semanas máis tarde do habitual. “Normalmente a última semana de abril xa se labraba. Con respecto a un ano medio imos un pouco máis tarde pero con respecto ao ano pasado imos mellor”, detalla José Ramón Loza, responsable de cultivos e maquinaria da cooperativa na Mariña.
Este ano empezamos a sementar o 7 de maio, cando normalmente na última semana de abril xa se labraba
O retraso na sementeira non fixo sen embargo variar significativamente as variedades labradas habitualmente. “Non nos condicionou os ciclos, estivemos empezando nun 600 e nos últimos baixando a ciclos 200 pero en zonas moi concretas, por exemplo zonas altas”, detalla.
Á espera dalgunha resementeira que poida xurdir máis adiante, José Ramón indica que “polo de agora foi todo ben e non houbo ningún ataque salientable de ningunha praga, nin rosquilla nin verme do aramio, unicamente en certas zonas puntuais algún problemas con fincas levantadas polo xabarín, pero como vén sendo habitual, non máis ca outros anos”, aclara.
Con todo, a respecto das pragas advirte de que “as temperaturas até agora tampouco foron elevadas, pero esta semana vén calor e vai haber que estar máis atentos”, recomenda. “Nas fincas nas que faga falta tratar procuraremos combinar o insecticida co herbicida para facer todo nun único pase”, avanza.
Estamos a facer sementeiras estreitas, con regos a 60 cm, co que o millo pecha antes; iso danos uns días de vantaxe que gañamos para facer fronte ás malas herbas
“Nós non facemos pre-emerxencia, salvo que se dean condicións ideais de humidade para a herba e haxa previsión de chuvias, o que impediría tratar despois. Pero foron só unhas 150 hectáreas en total as que se trataron en pre-emerxencia; no resto tratamos de ir en post-emerxencia para cun único tratamento, cubrir todo. Nós esperamos sempre a que o millo teña 3-4 follas verdadeiras para facer unha post-emerxencia temperá efectiva e agardamos que con iso sexa suficiente este ano tamén. Nas primeiras fincas que tratamos o millo xa está pechando o rego, polo tanto, xa escapou das malas herbas e non vai haber que volver entrar”, explica.
Aínda que nas sementeiras tardías, a medida que se aproximan máis ao verán, a calor favorece o desenvolvemento das malas herbas, “ao haber máis temperatura o millo medra tamén antes e coas sementeiras estreitas que estamos a facer logramos cubrir antes o solo; iso danos vantaxe porque son uns días que lles gañamos ás malas herbas”, argumenta.
Clun labrou a 60 cm de separación entre regos aproximadamente o 50% do millo que sementou na Mariña. “Para as herbas vai ben, e o que facemos para compensar é aumentar a distancia entre plantas a 18 cm entre planta e planta”, aclara José Ramón.
Luis Castro (Forxabar, Mazaricos)
“O tempo agora está perfecto para as pragas e para a herba”

Unha finca de millo nacido da cooperativa de gandeiros do Xallas e A Barcala
En Forxabar, a planta de forraxes para alimentación conxunta que a cooperativa Gandeiros de Xallas e A Barcala ten en Mazaricos, acabaron de labrar o millo a principios de xuño. “Nós empezamos a sementar fincas a finais de abril nunha semana boa que houbo e tamén aramos. Despois veu mal tempo e tivemos que parar, pero pasados eses inconvintes iniciais, tan pronto puidemos, démoslle seguido”, conta o xerente das instalacións, Luis Castro.
Por iso, están contentos de cómo se desenvolveu ao final a campaña, na que labraron unhas 1.000 hectáreas de millo, das que entre 150 e 200 quedarán para gran húmido, aínda que “iso vaino marcar o tempo”, aclara. Forxabar traballa con empresas de servizos contratadas que apoia con maquinaria propia e tamén dos socios.
Están centrados neste momento en ensilar o segundo corte de raigrás inglés, unhas 150 hectáreas, nas que fixeron un primeiro corte os días 6 e 7 de maio. “As mesturas e os híbridos que ían en rotación con millo foron os primeiros que liquidamos, na herba foi iso o que priorizamos para poder labrar, metémolo no silo os días 25 e 28 de abril”, di.
O millo é un cultivo que require estar pendente del, sobre todo nestas fases iniciais
Unha vez levantadas esas pradeiras, empezaron a preparar a terra e a labrar, empezando por un ciclo 600 ao inicio e finalizando cun ciclo 300 nas últimas parcelas sementadas, as máis molladas, nas que tiveron que agardar aos últimos días de maio e os primeiros de xuño.
Aínda que teñen posto un ollo no raigrás italiano, non quitan o outro das fincas de millo porque, razoa Luis, “o millo é un cultivo que require atención, hai que estar enriba del, sobre todo nestas fases iniciais, porque dun día para outro a rosquilla faiche un desastre”, asegura.
Para o control das malas herbas, a diferenza de Os Irmandiños, en Fonxabar prefiren facer os tratamentos nas fincas de xestión directa da propia CUMA en pre-emerxencia, cun pase de herbicida máis insecticida. “Normalmente o que facemos é ir diante coa sulfatadora e detrás coa grada rotativa, que xa vai incorporando o produto á terra e así funciona moito mellor”, explica Luis.
Tratar en pre-emerxencia dáche máis marxe en caso de ter que volver entrar despois desde que o millo está nacido
“Tratando en pre-emerxencia o que che dá é máis marxe, porque se non fas iso para ir só en post-emerxencia, estás obrigado a ir no momento xusto, porque se deixas avanzar a herba despois xa non a dás controlado; cando está moi grande é máis difícil matala, atóntala un pouco, pero volve revivir”, razoa.
Na comarca do Xallas houbo até o momento só algún caso puntual de rosquilla e o cultivo avanza con bo aspecto. “Até agora non houbo moito ataque nin tampouco problemas doutras pragas nin malas herbas. Tan só tivemos que volver entrar nalgunhas fincas en post-emerxencia por rosquilla. O tempo agora está ideal para ela”, recoñece.
Como finalmente lograron sementar máis cedo o millo ca noutras zonas de Galicia, o crecemento da planta é bo e iso axuda a controlar as malas herbas e evita a competencia. “En moitas fincas o millo xa pechou”, di Luis.
Agora facía falta que chovera algo, porque nós xa lle metemos a urea protexida a todas as fincas
Que a planta teña xa un bo desenvolvemento axuda tamén a que os ataques de rosquilla teñan menores consecuencias. “Cando o millo xa vai grande á rosquilla xa lle é máis difícil atacalo porque se lle fai máis duro e nos casos nos que temos que tratar ás veces metémoslle tamén un abono foliar para que a planta note menos o estrés do produto fitosanitario”, indica.
Fai dous anos a colleita fora espectacular na zona, pero o xerente de Forxabar non se atreve a aventurar como será esta campaña. “Este ano de momento ten boa pinta en moitas fincas, pero pode depender aínda de moitos factores. Hai que agardar a ver como avanza a campaña pero agora facía falta que chovera algo, porque nós xa lle metemos a todas as parcelas a urea protexida cun inhibidor para que aguante máis de cara ao final do ciclo”, conta.
Suso Montes (O Rodo, Rodeiro)
“Os que máis se usaron este ano foron os ciclos medios e iso vai influír despois na produción das fincas á hora de recollelo”

A nova sementadora da cooperativa O Rodo, con corte de liñas para evitar os solapes
Esta semana quedará tamén rematada a campaña de sementeira na comarca do Deza, segundo explica o presidente da cooperativa O Rodo, de Rodeiro. Labraron este ano unhas 700 hectáreas de millo, porque na zona hai moitos socios que non botan millo, debido a que non sempre está asegurada unha boa produción.
“Rodeiro é moi dispar, pero estamos a 700 metros de altitude sobre o nivel do mar e non é unha zona ideal para a produción de millo. Somos unha zona con clima de interior que nos días de calor aperta e onde non entra ningunha borrasca con precipitacións no verán durante ao mellor dous meses, polo que hai que escoller moi ben as fincas”, recoñece Suso Montes, o presidente da cooperativa.
O Rodo comezou cedo este ano a labrar o millo, pero despois tivo que priorizar o ensilado da herba dos socios sobre a propia sementeira. “Temos a maquinaria xusta e houbo que atender á herba”, admite Suso.
Non é o mesmo botar un ciclo 400 que un ciclo 200, pero inflúen moitos outros factores
“Estamos acabando, esta semana quedará finiquitado pero vai con retraso, unhas 2 semanas de retraso ou máis nalgún caso, sobre todo nas fincas paradas que sempre se botaban cedo”, indica.
Un ano normal na zona de Rodeiro empezaban con ciclos 400 reducindo logo para acabar con ciclos curtos 200. Este ano, sen embargo, “o que saíu foi máis ciclo medio, entre 300 e 260. O ciclo 400 case non se botou”, explica.
É algo que vai influír despois na produción das fincas á hora de recoller, afirma. “En toneladas por hectárea non é o mesmo botar un ciclo 400 que un ciclo 200. A zona de Val de Camba dá moita produción pero nos sitios máis altos non é o mesmo. A media aquí pode estar entre 30.000 e 40.000 kg por hectárea, pero inflúen moitos factores, a climatoloxía é o principal e iso non o controlamos; podes facer as cousas moi ben pero se non che axuda o tempo non hai nada que facer”, admite.
Compramos unha máquina de precisión o ano pasado e foi a que nos salvou nesta campaña porque che permite labrar a moita máis velocidade
A cooperativa fixo a campaña con dúas unidades de sementeira traballando ao mesmo tempo, pero o rendemento dunha e da outra é moi diferente. “Compramos unha máquina de precisión o ano pasado e foi a que nos salvou. Fai corte por liñas e sementeira variable, aínda que este ano non a fixemos porque foi todo moi apurado, pero ao evitar os solapes permíteche labrar máis rápido. Se as fincas se prestan podes facer 20 e pico ou 30 hectáreas no día. Se tes que ir coa tolva botando o abono diante menos, pero se non botas mineral podes sementar a 20 km/hora. Ao non haber solapamentos nas esquinas ou en fincas que son irregulares, adiantas moito”, explica Suso.
A nova sementadora do Rodo é tamén moi útil para tratar preventivamente e evitar as pragas. “ Esta máquina bota o insecticida localizado xa coa semente. Iso é importante en anos coma este, porque o que pasa nas sementeiras tardías é que ao haber calor e humidade os ataques multiplícanse, sobre todo de rosquilla e verme de aramio. Tes moitas máis posibilidades de ter pragas deste tipo. Ao ir máis tarde sempre hai máis problemas de pragas”, recoñece.