Relevo xeracional na horta galega: “O que facemos non é un traballo, é unha forma de vida”

Entrevistamos a un dos membros máis novos de Horsal, a cooperativa de agricultores galegos máis relevante da comarca do Salnés

Publicidade

O amor que sente Iván Mariño pola agricultura vén de moi lonxe. A súa avoa, Regina Castro, foi unha das agricultoras fundadoras de Horsal Cooperativa Galega. Esta agrupación foi creada a finais de 1985 por 16 agricultores e agricultoras visionarios que apostaron por sacar adiante un proxecto ilusionante con poucos medios, pero con moito tesón. Querían dignificar a horticultura como medio de vida e, buscando na asociación baixo a fórmula cooperativa, un medio para desenvolver económica e socialmente a comarca do Salnés. Agora, case corenta anos despois, poden asegurar con orgullo que o conseguiron.

Este agricultor, un dos máis novos da comarca, non só herdou parte da infraestrutura que historicamente viña traballando súa avoa. Tamén herdou a paixón polo agro e o que é máis importante, a sabiduría de toda unha vida adicada a agricultura. “As lembranzas da miña avoa están moi vencelladas ao campo, mais daquela as cousas eran moi diferentes. Imaxina que regaban a pé, algo que para nós xa é inconcebible. Traballaban arreo, de sol a sol. Cando era época de colleita, tamén traballaban polas noites encaixando todas as hortalizas que apañaran polo día e que tiñan que ir vender á mañá seguinte”, explica Mariño facendo un repaso por toda a transmisión de coñecemento que absorbeu na casa.

Agricultor Horsal 3

Aínda que, nun principio, Iván ía adicarse ao sector das montaxes e automatismos, ao pouco de estar a traballar, decatouse de que no agro tiña unha oportunidade laboral que lle satisfacía moito máis e na que era máis feliz: “Daquela tiña que traballar moitos días fóra da casa sen ver á familia e aos amigos. Agora como tódolos días na miña casa e goberno en min mesmo. Distribúo o meu tempo de traballo como quero sen que ninguén ande atrás miña nin me meta présa. Dende logo animo á xente nova a que, se ten a oportunidade, o intente”, explica con paixón.

A día de hoxe, Iván traballa arredor de tres hectáreas de terreo. Unha metade ao aire libre e, a outra, en invernadoiros. A súa produción céntrase na leituga, nos pementos de Padrón e máis grelos e a través de Horsal, abastecen a grandes cadeas de distribución como Vegalsa, Mercadona, Lidl ou Día. “Estar asociado a Horsal suponme grandes beneficios como agricultor. Por unha banda a tranquilidade da venda e distribución e, pola outra, o asesoramento técnico que recibimos en tódalas fases do cultivo”, engade Iván Mariño.

Agricultor Horsal 2

Iván Mariño acompañado polo presidente de Horsal Cooperativa Galega

Con todo, malia estar asociado con outros moitos agricultores da comarca, hai certas guerras de prezos nas que lles resulta moi complexo competir. Unha delas é a do pemento de Padrón: “Nos prezos imos moi axustados, especialmente polas competencias internacionais. Estamos asistindo a unha ocupación do mercado do pemento por producións de países como Marrocos de especies similares ás nosas en aspecto e que están a substituirnos na hostalaría. Pero só se parecen en aspecto. Ningún pica e ademais o sabor e moito máis suave. O que pasa é que os seus prezos están polo chan e, ao final, hai moitos bares e restaurantes que só miran iso e nós saímos moi perxudicados”, remata.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información