
A Sociedade Galega de Pastos e Forraxes (SGPF) celebrou os seus dez anos de traballo nunha nova xornada formativa e divulgativa que tivo lugar na Escola Politécnica Superior de Lugo (EPS). O nomeamento de socios de honra foi un dos actos da segunda xornada, na que tamén se deu a coñecer a experiencia da Escola de Pastors i Pastores de Catalunya, falouse do relevo xeracional nas explotacións gandeiras e abordáronse os lumes do pasado verán en Galicia. Tamén se falou do traballo da Cooperativa A Carqueixa, da Fundación TerrEO e da propia Escola Politécnica.
Laia Batalla, bióloga e directora da Escola de Pastors i Pastores de Catalunya foi a encargada de abrir a segunda xornada. Falou dos diferentes proxectos nos que traballa a Escola e do seu impacto nas zonas rurais nas que opera, especialmente no que se refire a relevo xeracional e re-gandeirización de áreas nas que se perdera a actividade.
Tamén deu conta dos programas cos que traballan en colaboración coas diferentes administracións públicas. E disertou sobre a importancia que alumnos e ex alumnos dan á diversificación dentro das explotacións e á venda directa das producións gandeiras como modelo sustentable e rendible economicamente.
Ibán Vázquez, profesor na EPS, relatou a evolución das explotacións de vacún, tanto de carne como de leite, no que vai de século en Galicia e en Cantabria. Posteriormente abriuse un coloquio entre os asistentes e titulares de explotacións gandeiras para analizar os retos de futuro do sector.

Isabelle Gómez, presidenta da SGPF, fixo entrega dos agasallos os socios de honra
Neste décimo aniversario, a SGPF nomeou como socios de honra a Nieves Fernández Vidueira, gandeira de ovino en Viana do Bolo; Koldo Osoro, veterinario xubilado e Francisco Sineiro, profesor emérito da USC e ex conselleiro de Agricultura.
Xavier Fernández, biólogo e gandeiro, impartiu unha charla sobre os lumes acontecidos este verán no concello de Chandrexa de Queixa -do que é oriundo- e das súas causas e consecuencias. Fernández fixo un chamamento a cambiar radicalmente a xestión do territorio para evitar que volvan producirse lumes desa magnitude.
Román Sánchez, xerente da Cooperativa A Carqueixa detallou o traballo de produción e comercialización que a entidade desenvolve nos concellos da alta montaña luguesa, nun contexto de perda de poboación e orografía complexa.
Similar foi a intervención de Roberto Fernández, da Fundación TerrEO, que informou do labor de apoio que desenvolven para pequenos proxectos vencellados coa produción agrogandeira e que se desenvolven no concello lugués de Ribeira de Piquín.
A segunda xornada rematou cun relatorio sobre a actividade que a EPS leva desenvolvido en accións e actividades de apoio, investigación e acompañamento do sector agrícola e gandeiro en toda Galicia.
Galego









Control OJD