Relevo na fábrica de leite condensado de Nestlé en Galicia

Damián Fernández substitúe no cargo a Júlio Diniz, que estivo á fronte da factoría desde 2022 e que pasará a dirixir a fábrica de Nestlé en Avanca (Portugal).

 Damián Fernández, novo director da planta de Nestlé en Pontecesures. Foto: Cedida

Damián Fernández, novo director da planta de Nestlé en Pontecesures. Foto: Cedida

A factoría de leite condensado de Nestlé en Pontecesures (Pontevedra) conta desde as últimas semanas cun novo director: Damián Fernández, quen substitúe no cargo, desde o pasado 1 de marzo, a Júlio Diniz, que pasará proximamente a dirixir a fábrica de Nestlé en Avanca (Portugal).

Doutor en Química pola Universidade de Santiago de Compostela, Damián Fernández, suízo de nacemento, aínda que galego de corazón -xa que se criou en Fene (A Coruña) onde os seus pais inmigrantes regresaron cando el tan só tiña ano e medio-, conta con preto de 20 anos de experiencia en Nestlé.

Así, iniciou a súa carreira profesional na compañía dentro da área de Vendas e Nutrición Infantil en Galicia. Tras catro anos en dito departamento, o novo director da fábrica desempeñou diferentes posicións na área fabril tanto dentro deste centro produtivo como noutros. Así, exerceu, por exemplo, como Xefe de Produción da propia factoría de Pontecesures, así como Xefe de Produción de obleas, lácteos e confeitería na factoría de Nestlé na Penilla de Cayón (Cantabria), entre outros cargos. 

O novo director confesa que con este novo cargo marcouse como obxectivo “seguir mellorando as eficiencias da fábrica galega de Nestlé para asegurar a súa competitividade. Para iso, continuaremos avanzando na dixitalización do centro produtivo. Ademais, queremos seguir captando volumes e avanzar en novas exportacións dos produtos producidos na nosa fábrica a outros países”, destacou.

Fábrica referente

Damián Fernández substitúe no cargo a Júlio Diniz, que estivo dirixindo a factoría desde 2022 e que nas próximas semanas asumirá a dirección da fábrica de Nestlé en Avanca (Portugal).

Durante estes anos á fronte da factoría, Diniz consolidou as exportacións da fábrica de leite condensado LA LECHERA “Podemos estar orgullosos en exportar, a través dos nosos produtos, o leite galego dos gandeiros cos que colaboramos aos cinco continentes”, sinalou.

Nos últimos anos, a factoría experimentou melloras na capacidade produtiva, así como na modernización da planta, levando a cabo a adecuación ás mellores prácticas industriais e novas tecnoloxías. Así, por exemplo, o centro de produción renovou e ampliou os seus peiraos de carga co que mellorou a capacidade de resposta da súa operativa loxística, entre outras melloras.

Más de 80 anos producindo leite condensado

A fábrica de Nestlé en Pontecesures é unha das máis veteranas da Compañía en España. Aínda que a planta inaugurouse en 1939, ten a súa orixe na constitución de Ilepsa (Industria Lechera Peninsular, S.A.), empresa propiedade de Nestlé que se fundou o 1 de febreiro de 1938. A pesar diso, non foi ata o 16 de agosto de 1939 cando saíu da planta galega o primeiro bote de leite condensado que se produciu.

En 1983, esta planta de Pontecesures converteuse na única fábrica do grupo en España dedicada á fabricación de leite condensado. Ademais, desde 2012, esta factoría é tamén a única de Nestlé en Europa, Oriente Medio e Norte de África que se dedica á produción deste produto.

Na actualidade, este centro conta cun persoal medio de máis de 200 traballadores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información