A segunda sesión das Xornadas Revitaliza, centradas este ano na agrocompostaxe, puxo sobre a mesa algunhas das vantaxes que pode proporcionar o tratamento conxunto dos biorresiduos urbanos e os procedentes da gandería e a agricultura. Ana García Ráncez, representante da Universidade Miguel Hernández de Alicante foi unha das ponentes que destacou a utilidade da agrocompostaxe para mellorar a produtividade da terra e axudar a mitigar o cambio climático.
“Reintegrar os biorresiduos urbanos á terra eliminaría máis CO2 da atmósfera que pasar todos os coches a eléctricos. Serían medidas complementarias, mais aí vese a importancia de recuperar os biorresiduos”, sinala García Ráncez nas xornadas organizadas pola Deputación de Pontevedra e o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental (Ceida).
A agrocompostaxe busca dar un uso útil aos residuos urbanos de carácter orgánico, que hoxe se queiman e dos que poderían obterse abonos e emendas orgánicas de calidade para os solos. Neste senso, o profesor Inazio Irigoien, da Universidade de Navarra, apuntou o beneficio de introducir materia orgánica na terra, polo secuestro de CO2 da atmósfera que permite, sendo unha das poucas ferramentas para mitigar o cambio climático. En base a distintos estudos, Irigoien destaca que as emendas orgánicas son as que máis carbono acumulan no solo, e a aplicación de compost non só mellora a fertilidade senón o balance neto de emisións de gases de efecto invernadoiro.
Liña de axudas
Nesta liña, dende a Deputación buscan fomentar estas prácticas de xestión, coas novas axudas que preparan para concellos e axentes agrogandeiros. Así, haberá axudas para as cooperativas e empresas agrogandeiras que se involucren na recepción e tratamento dos biorresiduos urbanos para xerar abonos orgánicos que despois poderán ser empregados para a fertilización do solo. A liña de axudas contempla tamén aportacións para os concellos que realicen unha correcta xestión dos biorresiduos, de xeito que sexa máis económico o seu aproveitamento no canto de queimalos.
Nas Xornadas Revitaliza coñecéronse casos prácticos sobre agrocompostaxe nos que se inspirou o proxecto provincial, como o do Priorat en Barcelona. Tamén se abordou a normativa que se está a aplicar noutros territorios, como en Navarra, onde está en marcha unha nova lexislación que fomenta a compostaxe, grávase mediante un imposto o verquido de residuos, e foméntase unha tramitación sinxela para utilizar o compost que se xera nas plantas de compostaxe no territorio próximo.