A maioría das granxas galegas continúan a aplicar o xurro do xeito en que o viñan facendo, á espera de que se aclare a normativa. O problema é que a día de hoxe non teñen base legal para aplicar o xurro co sistema de prato invertido, co que potencialmente quedan expostas ó criterio das inspeccións de turno. O Sindicato Labrego insta á Xunta a tomar medidas inmediatas para solucionar a situación.
En marzo do pasado ano, o Ministerio informou ó sector de que estaba disposto a permitir en Galicia a aplicación de xurro co sistema de prato invertido, sen necesidade de inxectores e tubos colgantes, pero sempre que a Xunta así o solicitara e o xustificara. Días despois, a Consellería do Medio Rural anunciou que tomaría as medidas pertinentes para habilitar tal posibilidade, pero a día de hoxe nada máis se soubo daquela intención.
O Real decreto de nutrición sostible de solos agrarios vense de modificar, pero nel non se incorpora ningunha excepcionalidade adicional que permita o uso xeralizado do prato invertido para a aplicación de xurros. Por ese motivo, o Sindicato Labrego demándalle á Xunta que explique as medidas que vai tomar ao respecto.
A gandeira, economista especializada en Política Agraria Común e membro do Sindicato, Ana Rodríguez, considera que dende a Xunta lle “venderon ao sector” que o problema estaba arranxado.
Ante esa situación, xa no pasado mes de xuño, urxiron a Medio Rural que indicase como estaba a situación do prato invertido, “pero non tivemos resposta”. En xaneiro do 2025, hai unha nova modificación do Real Decreto e “as cousas seguen semellantes, confirmándose, polo tanto, a inacción da Consellería”, valora a organización agraria.
O Real Decreto de nutrición sostible dos solos agrarios é unha das normativas que a organización considera que máis afecta ás granxas galegas: “Aquí, hai moitas ganderías de carácter familiar, que non son capaces de cumprir este Real Decreto en cuestións como a maquinaria a introducir, o plan de aboado, o plan de fertilización ou o asesor de fertilización, entre outras”, destaca Rodríguez.
O Sindicato Labrego cuestiona que as modificacións que se propoñen para a xestión burocrática consisten en atrasar a entrada en vigor das distintas esixencias, non en adaptarse á realidade dos distintos tipos de granxa. “O Real Decreto segue a ser unha norma moi complexa, que require de coñecementos especializados e que nos toca asumir a todas as granxas con superficie, sexa cal sexa a súa dimensión, a carga gandeira ou a orixe da fertilización orgánica”.