
Pablo, nun momento do curso sobre poda de castiñeiro impartido no souto das Gándaras, en Lugo
A instalación de sistemas de rega é algo que xa se está levando a cabo por sistema nas novas plantacións de castiñeiro que se fan países como Francia ou Portugal, pero que non está aínda interiorizado en Galicia.
Pablo Antonio Fraga Gontán, que traballou durante anos na maior empresa de transformación de castaña que hai en Galicia como técnico de campo e que hoxe segue ligado ao sector a través de CampoLab, coa que presta asesoramento a propietarios, é un firme defensor da instalación de rego por goteo no cultivo de castiñeiro.
No transcurso dun curso de formación sobre poda de castiñeiro para froito levado a cabo en Lugo, deu ademais outros consellos prácticos a ter en conta á hora de realizar novas plantacións para garantir o seu éxito nun momento de condicións alteradas polo efecto do cambio climático. “Nos últimos anos estanse vendo xa dúas floracións no castiñeiro”, evidencia.
Penso que as condicións edafoclimáticas de Galicia en xeral son aínda boas ou moi boas a día de hoxe para o castiñeiro
Aínda así, asegura que Galicia é un lugar idóneo para o castiñeiro e defende a súa rendibilidade. “Penso que as condicións edafoclimáticas de Galicia en xeral son boas ou moi boas a día de hoxe, aínda que é certo que fai 20 anos eu diría que eran máis idóneas, sobre todo polas precipitacións. Pero vistas no contexto global seguen sendo boas”, asegura.
Exemplo extremo: o polvorín das Gándaras
Durante a súa etapa na Universidade, Pablo foi un dos responsables da plantación dun souto no antigo polvorín do Exército nas Gándaras, onde se fixo un desterre para facer o polígono industrial.
“Era unha zona de recheo, unha sorte de escombreira. O castiñeiro de froito necesita máis solo, polo que se fixo un burato de 1 metro de fondo por 1 metro de ancho e de longo e recheouse con terra vexetal. A segunda medida foi instalar rego localizado mediante sistema de goteo. Non se fixo en todas as parcelas nin en todas as árbores e o tempo demostrou que houbo diferenzas notables na implantación e crecemento debido a este motivo”, asegura.
Necesitamos aportar auga aos castiñeiros ao inicio da plantación
A necesidade do rego por goteo faise máis evidente nun contexto de cambio climático. “Agora non chove nun mes e o que tiña que chover nese mes chóveo despois todo xunto nun día. En Lugo chovía de media uns 2.200 mm de precipitacións ao ano, pero a día de hoxe está chovendo menos da metade. Necesitamos aportar auga aos castiñeiros ao inicio da plantación”, di.
Agora non chove nun mes e o que tiña que chover nun mes chóveo despois todo nun día
En zonas de Francia ou Portugal xa non se plantexan novas plantacións, di, sen iren acompañadas de rego por goteo, polo que unha parcela sen acceso a auga non se vería xa como viable nestes lugares para plantacións de castiñeiro de froito.
“En Galicia aínda temos que cambiar o chip. Cando cheguei a Monterroso fai anos dunha viaxe de Francia e lles empecei a falar do rego por goteo, a metade do auditorio levantouse e marchou. Dicían, este rapaz está tolo, regar en Galicia. O tempo está a dar a razón a aquela proposta”, asegura.
En Francia teñen moita máis tecnificación e recollida mecanizada ca aquí, pero se non hai auga descartan a parcela; é o factor determinante
A plantación realizada nas Gándaras, a 440 metros de altitude, conta ademais con varios hándicaps: dunha banda un solo pobre e por outro lado unha zona que non está protexida, de brisa constante, que reduce a humidade do chan e reseca o solo por evapotranspiración. “Se se reseca o chan polo vento e non regas, a supervivencia e crecemento da plantación está en entredito ”, afirma. A maiores diso, a orientación da parcela non é a máis idónea.
Momento da plantación
“A plantación do souto das Gándaras fíxose en abril de 2017 de cepellón. De abril de 2017 a outubro de 2017 houbo que regar todos os días, sábados e domingos incluídos, porque senón a plantación non ía para adiante. É mellor agardar un ano ou uns meses antes que ter que facer iso”, asegura Pablo.
O castiñeiro é unha árbore de semisombra, polo que acostuma ter unha resistencia elevada á humidade aínda que se plante en pleno inverno. Sen embargo, tolera mal terreos onde apoza a auga. Nese caso unha solución sería facer canles de drenaxe na parcela.
Zonas de vagoada, máis sombrías e protexidas, manteñen mellor a humidade
“A mellor época para facer unha plantación de castiñeiro é no inverno, con plantas coa raíz desnuda e sen folla, é dicir desde decembro a febreiro”, explica. “En marzo planta xa se tes unha garrafa de auga ao lado de cada castiñeiro para botarlles e en cepellón eu non o recomendo, porque a planta acostúmase a estar no testo e despois non desarrolla ben”, di.
Os castiñeiros enxertados a partir de patróns híbridos, usados fronte á tinta en zonas de costa ou altitudes inferiores a 500 metros, en ocasións poden recepar. “Hai clons de híbrido que recepan moi fácil. É un problema do patrón e obriga a ter que estar cortando continuamente até que se aburra de rebrotar. Non é un problema de incompatibilidade”, indica.
Marco de plantación

Competencia entre un castiñeiro e un freixo
“O castiñeiro ten sempre unha dobre actitude, froito e madeira, e o erro de moita xente é pensar nel só para unha das dúas cousas. Por exemplo, hai persoas que o poñen pensando en obter madeira, e cando lle empezan a dar castañas e lles saca un rendemento a esas castañas vólvense tolos e empezan a rarear neles para poñelos a 10×10. E despois hai outra xente que os pon para castañas a 3×3 e fai poda en vaso. Iso dá moitos problemas. Nin unha cousa nin a outra”, resume Pablo.
Para min 10×10 é un marco de plantación excesivo; o máis axeitado sería 8×8
No souto das Gándaras os castiñeiros están plantados a 10×10 metros, que é o marco de plantación recomendado tanto pola Xunta como pola IXP. En Portugal mesmo plantan a 12×12, pero Pablo indica que marcos de 9×9 ou 8×8 son axeitados. “Para min 10×10 é un marco de plantación excesivo; hoxe por hoxe o que se está vendo como máis axeitado é 8×8”, afirma.
Á hora de definir o marco de plantación deben terse en conta factores como a composición e calidade do solo, a dispoñibilidade de auga ou a disposición da parcela e non tanto a variedade elixida.
Titores e protectores

Unha vez que a árbore vai medrando, faise necesario retirar os protectores
Pablo recomenda colocar arredor da planta protectores tipo rede para protexer a árbore fronte a roedores ou fronte a corzos e xabaríns. Debe ser un protector de malla que deixe respirar á planta.
“Hai uns tipos de protectores, que actúan como tubos invernadoiros e que non son axeitados para castiñeiro. Son bos para viña ou para oliveiras, pero non serven para castiñeiro porque non medra ben dentro e pode mesmo darlle un golpe de calor e queimar a planta”, di Pablo.
Os tubos invernadoiros que se venden para viñedo non serven para castiñeiro
Existen tamén mallas biodegradables de cartón, pero son bastante tupidas e tampouco funcionan ben en plantacións de castiñeiro.
Todos estes protectores debe ser retirados a medida que medre a planta, xa cando non lle permita o crecemento, pero non antes, xa que evitan cortes á hora de desbrozar, por exemplo.
Abonado
En canto á fertilización de novas plantacións, Pablo recomenda empregar un abono para eucalipto na fase de implantación e despois un abono para frutais cada 1 ou 2 anos, en función das necesidades da planta e os nutrientes existentes no solo.
O abonado inicial cun granulado NPK 11-22-9, o usado nos eucaliptos, favorece o arranque e enraizamento, porque contén elementos como boro, pero usado en coberteira ten un problema, que é que atrae ao xabarín, polo que se recomenda facer uns buratos duns 15-20 cm de profundidade aos lados para depositalo.
No souto das Gándaras abonouse un ano con 11-24-9 e dous anos máis con 8-24-16
Nos anos seguintes, para favorecer o crecemento e desenvolvemento da planta, o recomendable sería facer unha fertilización de mantemento con pouco nitróxeno, por exemplo un abono químico NPK 8-24-16, que favorece a produción de froito e evita un crecemento desmedido das polas de madeira. “Se alguén lle bota triple 15, que compre tesoira de podar, porque o castiñeiro non necesita tanto nitróxeno e desmádrase”, alerta Pablo.
Como colocar o rego?

Exemplo de maior vigor no enxerto que no patrón
O rego por goteo non debe estar moi pegado ao pé do castiñeiro, senón separado del entre medio metro e un metro. “Na vertical de onde acaba a copa é onde acostuma chegar a raíz. Aí é onde debe estar o rego para axudar a que a raíz se expanda. O interesante é poñer todo arredor da árbore 3 ou 4 goteiros, pero se iso non se pode porque encarece a instalación do rego deixaríanse dous goteiros na liña, un en cada lado da árbore.
Enterrar o rego é moi caro e ademais non permite localizar de xeito doado as posibles fugas, polo que Pablo recomenda deixado en superficie. A medida que os castiñeiros van medrando mesmo se pode colgar a tubería de rego das primeiras ponlas, de maneira que quedaría suspendido e facilitaría limpar ou desbrozar arredor da árbore. Substituíndo nestes casos os goteiros por microaspersores lógrase un rego máis uniforme arredor do castiñeiro cubrindo unha área maior.
Cando non é posible instalar rego pode facerse un alcorque cun saco das patacas cheo de carbón vexetal para manter a humidade e aproveitar a auga da chuvia
En zonas onde non hai posibilidade de colocar rego por goteo, por exemplo por distancia ou pendente, outra posibilidade son os chamados solos infiltrados, que consiste en facer un alcorque no que enterrar un saco con carbón vexetal a unha distancia dun metro ou metro e medio da árbore e a unha profundidade tamén dun metro (deixando unha zona de grava na parte superior) para logo regar aí cunha cisterna, por exemplo, pe a pe, pero só no lugar onde se atopa o infiltrador, que retería esa auga e iría dosificándoa segundo as necesidades de absorción da raíz do castiñeiro.
O carbón vexetal ou biochar actúa coma unha esponxa e a auga vai directamente á raíz do castiñeiro, sen estar regando a herba, como acontecería no caso do rego en superficie. O infiltrador facilitaría tamén o aporte de fertilizante líquido, bioestimulantes e mesmo de micorrizas. Dispón dunha patente deste sistema a Universidade de Granada e estase a usar moito no sur de España en plantacións de oliveiras, pero podería adaptarse tamén ben ao castiñeiro.
Canto regar?

A rega en exceso pode provocar que a pel da castaña fenda e perda valor comercial
O rego debe poñerse de inicio, no momento de facer a plantación, para garantir a supervivencia das plantas e un maior crecemento nos primeiros anos. “O castiñeiro necesita solos profundos, pero non ten unhas necesidades nutricionais moi altas; o que si precisa é auga”, asegura.
A cantidade de auga necesaria dependerá da capacidade de retención que teña o terreo. No caso do souto das Gándaras, comezouse cunha dose de 5 litros por castiñeiro e día para que os castiñeiros non secaran. Logo, unha vez establecida a plantación, pasouse a 8 litros unha vez á semana e na semana que chove non se rega.
Eu máis de 8 litros por castiñeiro á semana non regaría, porque corres o risco de que fenda a castaña
“Este é un caso especial polo tipo de terreo, pero nun terreo normal nun souto xa establecido sería suficiente con 5 litros por castiñeiro cada semana ou 10 días”, afirma. “O rego ten un risco grande, porque se se rega de máis pode fender a pel da castaña, polo que perdería o seu valor comercial. Máis que regar é aportar a auga necesaria para que sobreviva a plantación e lograr un 10 ou un 15% máis de produción de froito”, insiste.
Se queremos un aumento maior de produción, pódese incrementar a cantidade de rega antes do callado do froito, é dicir, desde o 15 de maio até o 15 de setembro, reducindo despois esta cantidade até o 15 de outubro, tendo sempre en conta as predicións meteorolóxicas á hora de regar para non pasarse en conxunto da cantidade total e evitar o fendido das castañas.
Trampeos
Os fungos e enfermidades que afectan ao castiñeiro van en aumento, polo que empeza a ser necesario facer trampeos nas parcelas para detectar posibles pragas, que tanto poden afectar ao froito como á propia árbore, e poder actuar sobre elas. “É un factor máis de merma da produción, porque se tes un 90% de bicho, non tes produción”, evidencia Pablo.
Estes trampeos realízanse colocando trampas de feromonas específicas que se deixan durante unha semana na finca e logo realízase un conteo dos individuos capturados. “Para facer un trampeo, 1 ou 2 placas por hectárea chéganche, pero se en 2 días están cheas de curculio e queres facer unha captura masiva son necesarias máis, case unha por castiñeiro”, explica.
A principal recomendación fronte ao verme é retirar todos os ourizos e castañas do chan para que non quede reservorio para o ano seguinte
A época de trampeo varía en función da temperatura e das condicións meteorolóxicas de cada zona. Como referencia pode dicirse que arredor de mediados de marzo sería o momento de colocar as trampas, tendo en conta que o efecto das feromonas pode durar uns 45 días.
Ademais do verme da castaña (Curculio elephas) outras pragas que afectan ao castiñeiro que sería necesario monitorizar en Galicia serían a Cydia splendana, unha larva blanquecina e alongada de mariposa que tamén estraga o froito, e insectos minadores como o taladro amarelo (Zeuzera pyrina) ou o barrenador da madeira (Xyleborus dispar).
Contra todos estes insectos existen trampas con feromona sexual sintética que pode reducir as poboacións. Unha das empresas que as producen e que garanten dispoñibilidade é Econex, xurdida como unha spin off da Universidade de Murcia e líder en solucións de biocontrol de pragas.
As trampas de feromonas serven tanto para medir o nivel de infestación dunha parcela como para redución da carga e erradicación da praga
Aínda que non existe costume en Galicia de facer monitoraxes deste tipo, “porque non facía falla”, aclara Pablo, na actualidade comeza a ser necesario adoptar este tipo de medidas. “Non estaba de máis trampear fronte ao barrenador, por exemplo, en plantacións novas de entre 3 e 5 anos porque pode estragala; despois en árbores adultas non acostuma afectar tanto”, aclara.
Tamén insiste na necesidade de recoller todos os ourizos e restos de poda para evitar a transmisión de pragas e enfermidades. “O curculio ataca mesmo antes de que se forme o ourizo pero se cando cae a castaña non limpamos ben e non retiramos todos os ourizos o verme pasa do froito ao chan, onde inverna para comezar o ciclo de novo o ano seguinte”, indica.
Escolla de variedades pensando no aproveitamento comercial
En Galicia hai 81 variedades de froito recoñecidas pola IXP Castaña de Galicia. Entre elas hai 8 consideradas variedades típicas, das que se coñecen sobre todo 4: Longal, Amarelante, Famosa e Xudía. “Chegará un momento que pase coma no viño, que pedirás unha variedade concreta de castañas, igual que no viño pides un mencía ou un godello”, prognostica.
Longal, Famosa e Amarelante son castañas máis grandes que a Parede
No caso do souto experimental das Gándaras, en Lugo, para escoller cales plantar, elixíronse en primeiro lugar as que corresponderían por altura e por zona. “Garrida e Ventura, a priori, deberían ser as máis idóneas para aquí”, explica Pablo.
“Logo necesitabamos un polinizador, Negral, que é sempre o polinizador por excelencia; non cabe dúbida nin discusión ao respecto, é o mellor polinizador que hai”, asegura. “A maiores plantouse tamén Parede, que é unha castaña máis pequena pero soe pasar que canto máis pequena máis doce e más saborosa. É ademais unha castaña que pela ben e que se conserva ben”, engade.
A variabilidade xenética entre a variedade Parede do Bierzo e a do Courel é mínima
O normal nunha plantación comercial sería plantar a metade da parcela cunha variedade e a outra metade con outra pero neste caso fóronse mesturando por filas seguindo a orde Garrida-Negral-Parede-Ventura, para poder estudar dentro de 20 ou 30 anos a variabilidade xenética da plantación.
Negral repítese cada 4 veces por ser a variedade polinizadora. “Cando se fan plantacións dise que cun 10% de polinizadores chega, cando aquí temos un 25%. Non pasa nada por aumentar esa porcentaxe porque a negral é unha variedade comercial coma outra calquera”, di.
A Negral é a variedade polinizadora por excelencia
A variedade polinizadora debe poñerse sempre a favor dos ventos dominantes, para que deste xeito se polinicen o resto de árbores que hai na parcela. En caso de colocar tamén abellas na finca, deberían poñerse no extremo oposto, para que as abellas veñan en busca do pole e no camiño de volta cara as colmeas vaian polinizando tamén o resto dos castiñeiros. Por exemplo, nunha parcela dunha hectárea onde o vento dominante é o sur, colocaríanse 10 ou 15 castiñeiros da variedade negral no extremo sur e as colmeas irían na zona norte.
Parcelas demostrativas
Pablo insiste nas vantaxes de contar con parcelas experimentais demostrativas coma esta. “Se houbese un souto coma este coas 8 variedades típicas en cada concello de Galicia sería moi doado saber cal plantar en cada zona, porque só habería que ir alí e ver cal se dá ben nese lugar”, razoa.
Chile conta con parcelas deste tipo en distintas zonas. En todas se replican as mesmas variedades, tanto de castiñeiro como doutras especies forestais e de froito, para poder comparar o seu comportamento nos diferentes lugares. En todo caso, Pablo aclara que “en Chile xogan noutra liga porque xogan sen enfermidades”.
Se houbese un souto coas 8 variedades típicas en cada concello de Galicia sería moi doado saber cal plantar en cada zona
Un factor clave á hora de determinar o éxito dunha plantación é a produción e prezo acadado no mercado. “As plantacións de castiñeiro, se teñen rendibilidade non se abandonan e se non a teñen abandónanse. O 2025 foi un mal ano de castañas con mermas de produción de até un 90%”, explica Pablo.
Diversificar as variedades aporta unha maior garantía de colleita e facilita o seu manexo e a realización dos traballos. “Cun marco de plantación 10×10, nunha hectárea caberían 100 castiñeiros. Se non tes moito tempo para recoller as castañas, poñendo unha variedade de cedo e outra de tarde non che veñen todas xuntas”, razoa.
Desde o punto de vista do aproveitamento comercial, di, “hai que aproveitar as variedades que funcionan ben localmente, pero dentro delas tamén hai que ter en conta as que funcionan mellor comercialmente, porque é distinto que teña uns castiñeiros para consumir eu as castañas que para vendelas”, insiste.
As plantacións de castiñeiro, se teñen rendibilidade non se abandonan e se non a teñen abandónanse
A súa recomendación neste momento é plantar sempre algunha variedade de tarde, xa que as empresas que venden e transforman castaña demandan cada vez máis este tipo de castaña, dado que achegada do frío estase retrasar e o pico de consumo de castañas tamén. A variedade elixida tamén será diferente en función do uso do froito, ben sexa para consumo en fresco ou para uso industrial.
Tamén se deben adaptar as variedades elixidas ás condicións da zona e da persoa que vai atender o souto. “Na zona de Amandi, por exemplo, o único que lles preocupaba era que as castañas non viñeran mentres se estaba coa vendima, porque entón as castañas quedaban sen recoller. É dicir, naquela zona as castañas de cedo non son unha boa elección”, engade.
Os obxectivos da selección xenética que se fixo historicamente non necesariamente coinciden cos que temos hoxe
Con todo, e en función da superficie a plantar, non recomenda ter máis de 2 ou 3 variedades diferentes e nunca mesturadas entre si, senón distribuídas por zonas, para facilitar o seu manexo e a recollida do froito.
“Na montaña de Lugo, as familias máis pobres só tiñan un castiñeiro. Para que lles durara máis tempo a castaña, que era un produto básico para a alimentación da poboación no seu momento, enxertaban ese castiñeiro con 3 ou 4 variedades diferentes, para deste xeito ter castañas desde o mes de setembro até novembro. Hoxe, ese tipo de castiñeiros son moi difíciles de explotar”, di.
Galego









Control OJD