Regina Viarum, a viticultura heroica das ribeiras de Amandi

Asentada en Doade, Sober, esta adega segue a vendimar dun xeito manual e artesanal nos socalcos centenarios pendurados da Ribeira Sacra, onde cabe moi pouca mecanización. Entre a súa produción contan cun dos primeiros viños tintos ecolóxicos criado en barrica de Galicia

Publicidade
Regina Viarum, a viticultura heroica das ribeiras de Amandi

Viticultura na Ribeira Sacra, nos viñedos da adega Regina Viarum.

Situada en Doade (Sober, Lugo), en pleno corazón da Ribeira Sacra, a adega Regina Viarum, é un proxecto familiar que dende un principio, hai xa case 20 anos, quixo manterse fiel á tradición vinícola da zona. Boa parte dos seus viñedos sitúanse en socalcos centenarios localizados na subzona de Amandi, onde cabe moi pouca mecanización e a vendima realízase de xeito tradicional e artesanal, en zonas cun gran desnivel nas ribeiras dos Canóns do Sil.

Os seus viños dan conta deste esforzo que, nalgúns casos, se complementa con maceracións en barricas de carballo francés. Ademais, na súa produción contan tamén cun dos primeiros viños ecolóxicos desta denominación de orixe e acaban de sacar ó mercado unha homenaxe a este xeito de vendimar heroico.

Tanto o seu selo, como as súas instalacións ou os seus procedementos manteñen ese apego pola viticultura que os romanos desenvolveron nesta zona. “Antigamente os romanos chegaron a esta zona e foron os primeiros en desenvolver un proxecto vitivinícola e nós sempre tratamos de recordar ese pasado tanto coa nosa marca, coma co respecto polos socalcos ou incluso na nosa propia adega, que tentamos recorde a unha auténtica domus romana”, apunta Iván Gómez, director xeral da adega.

A vendima realizase dun xeito manual e salvando un importante desnivel, o que a converte nunha "viticultura heroica".

A vendima realizase dun xeito manual e salvando un importante desnivel, o que a converte nunha “viticultura heroica”.

Vendimar cun desnivel de máis do 45% 

A adega dispón de 18 hectáreas de viñedos propios situados na subzona de Amandi, pertencente á Denominación de Orixe Ribeira Sacra. As cepas están orientadas ó sur-suroeste para conseguir unha maior insolación e protección das baixas temperaturas. Para lograr un maior aproveitamento da auga, as viñas están asentadas en bancais de pedra que abarcan a ribeira e que amosan un desnivel que, en ocasións, supera ó 45%. Por todo isto, os traballos nesta zona resultan laboriosos, de aí que se chegue a denominar como “viticultura heroica”, dado o esforzo que supón, en xeral, vendimar e coidar dos viñedos na zona da Ribeira Sacra.

A maior parte dos viñedos da adega son de uvas tintas, centrados en Mencía (70%) e cunha mínima parte de Tempranillo (5%). “Atópanse na zona de Amandi, a de maior excelencia dentro da Ribeira Sacra, onde non cabe a mecanización e todos eles son traballados de xeito artesanal e manual: é a viticultura heroica”, comenta o responsable da adega. Actualmente contan cunha produción de entorno ós 280.000 quilos entre os seus viñedos e uva que adquiren a viticultores desta zona.

Contan con novas plantacións de Godello e Treixadura para a implantacións dos viños brancos nesta zona

Recentemente tamén plantaron uva branca de Treixadura e Godello, preto de 4,5 hectáreas, nunha aposta pola implantación destes viños na zona e que supón unha produción actual duns 20.000 quilos. Aínda que estas plantacións, tamén en socalcos, dispoñen xa dunha certa mecanización que facilita as labores.

Un viño heroico

Precisamente acaban de sacar ó mercado un viño xove bautizado como Heroico nunha clara homenaxe a esta particular viticultura da Ribeira Sacra. “Quixemos recoñecer a labor de todas esas familias que levan tanto tempo vendimando ó xeito tradicional, co esforzo que supón facelo nunhas zonas tan complicadas e que son parte da familia de Regina Viarum”, apunta Iván.

Ó longo do ano, a adega conta cuns 8 traballadores que se encargan do coidado das viñas e no tempo da vendima o cadro de persoal aumenta ata arredor dos 30 empregados.

Un Mencía ecolóxico e en barrica

uvas-Regina-Viarum-

Viñedos da adega Regina Viarum.

Ademais dos seus viños máis xoves, tanto en Mencía como en Godello, a aposta da adega está nas crianzas en barrica de madeira e nos viños máis diferenciados. Un deles é o seu Regina Viarum ecolóxico e en barrica, un proxecto que impulsaron hai xa uns anos. “Foi un proxecto persoal e xa non só por tendencias do mercado senón porque queríamos ver como se comporta esta variedade en ecolóxico. Os resultados son moi bos, aínda que son viños moi susceptibles ás inclemencias da anada”, recoñece Iván. Así, as chuvias a destempo ou a incidencia de pragas complican a produción deste viño e ocasionan colleitas moi dispares en canto ó volume pero cunha calidade asegurada, como apuntan dende a adega.

Á par dunha produción ecolóxica, este viño sométese a unha semicrianza de 6 meses en barrica de carballo francés. “É un viño co perfil da Ribeira Sacra pero cunha estrutura que o fai moi diferente do resto dos ecolóxicos que hai en Galicia, que ademais son moi poucos. Debemos de ser dos únicos que elaboramos tinto en ecolóxico e en madeira”, destaca.

Criomaceración e crianza en barrica

Na adega optan tamén por unha elaboración coidada con técnicas como o emprego do frío ou a fermentación e crianza en madeira para aportarlle identidade ós seus viños de garda así como ó Regina Viarum, o buque insignia da casa. Este viño, que é o máis representativo da adega, e o Regina Expresión son sometidos a unha criomaceración prefermentativa. Deste xeito, faise unha elaboración a moi baixa temperatura (2 ou 3 grados centígrados como máximo) durante tres ou catro días antes de que comece a fermentación, “o que nos permite extraer o máximo potencial de cor, estrutura, corpo e taninos”, concreta Iván.

Elaboran un dos seus viños máis especiais con uva Tempranilla, unha variedade moi pouco estendida na Ribeira Sacra

O viño máis especial da adega é, como recoñece Iván, o Finca La Capitana, que elaboran con Mencía e Tempranillo, unha variedade diferente e moi pouco estendida na Ribeira Sacra. Trátase dunha produción moi limitada dunha parcela concreta que da lugar a un viño de pago, que ademais fermenta en depósitos de madeira, o que se complementa cunha crianza en barrica de carballo francés novo durante 18 meses. “É un viño con corpo, con estrutura, diferente ós Mencías da zona e cunha presentación coidada e que sorprende ó público que non agarda que na Ribeira Sacra se produzan viños con estas características, máis típicas doutros viños como os que se elaboran en Ribera del Duero ou Rioja”, matiza o responsable da adega.

A madeira como baza para abrir mercados

A elección da madeira tanto para a crianza como para a fermentación dalgúns dos seus viños máis limitados está suxeita a poder ofrecer un produto diferenciado e de calidade, que lles permita competir nos mercados, tanto nacionais como internacionais, con outras denominacións de orixe de tintos que son máis coñecidos e que levan máis tempo asentados.

Polo do momento o seu principal mercado é o rexional e no que están depositando os maiores esforzos, se ben comezan tamén a ter presenza no mercado nacional, sobre todo en zonas do norte como Asturias, Cantabria ou País Vasco, pero tamén en Madrid, a Comunidade Valenciana ou Cataluña. “Ribeira Sacra é aínda unha Denominación de Orixe descoñecida que pouco a pouco se vai posicionando no mercado pero á que aínda lle falta un gran percorrido”, reflexiona Iván.

Tamén a nivel internacional teñen xa presenza, grazas en parte ó recoñecemento que recibiron algúns dos seus viños pola súa calidade, nos mercados do norte de Europa así como no Reino Unido, en Suíza ou mesmo nos Estados Unidos. Porén, apenas un 10% da súa produción está destinada á exportación.

Bodega_ReginaViarum_ext

O enoturismo, unha parte fundamental da adega

“Para nós o enoturismo é unha parte fundamental da adega á par que a produción ou a propia venta, xa que é o maior e mellor escaparate dos nosos viños”, recoñece Iván. Son conscientes do gran atractivo que supón para este enoturismo o enclave natural da Ribeira Sacra, polo que levan anos apostando e mellorando as súas instalacións para ofrecer experiencias arredor da viticultura. Así, o visitante non só coñece a adega e os seus viños senón que, atendendo á época do ano, mesmo pode formar parte dalgúns procesos da adega como a vendima ou mesmo catar os primeiros mostos.

Nas súas instalacións organizan un amplo abano de actividades pensadas para diferentes públicos. E aínda que levan dende un comezo organizando actividades, nos últimos anos redobraron a súa aposta polo enoturismo, non en van contan cunha media de 16.000 visitantes ó ano na adega.

Grupo HGA

A adega Regina Viarum leva colleitado ó longo destes anos numerosos recoñecementos polos seus viños e conta tamén co selo de Galicia Calidade. A adega intégrase no grupo HGA que agrupa tamén á adega Altos de Torona, cunha importante produción e plantación na Denominación de Orixe Rías Baixas, centrada nos viños brancos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información