O pasado día 23 celebrouse no marco do Atlante Wine Forum unha mesa redonda sobre “O enoturismo en Galicia, o enfoque necesario para desarrollar un diamante en bruto”.
Detrás deste título o que se tentou foi quitar conclusións para desenvolver un sector, o do enoturismo e o das rutas do viño, que en Galicia non está a funcionar como se prevía, malia os importantes investimentos de fondos públicos.
A mesa estivo moderada pola xornalista Cristina Alcalá e contou con tres expertos no mundo do viño: Rafael del Rey: Director xeneral da Fundación Observatorio Español del Mercado del Vino; Fernando Gallardo: xornalista e analista de tendencias e novos conceptos en turismo, e Ferrán Centelles: xefe de Sumilleres de El Bullí desde o 2000 ata a actualidade, onde colabora con El BulliFoundation.
Velaquí unha escolma das reflexións de cada un destes expertos:
Rafael del Rey:
“Como punto a favor do enoturismo en Galicia destacaría a historia, ter viños coñecidos e un entorno extraordinario. Hai, iso si, unha necesidade de profesionalización aplicada ao mundo do enoturismo”.
“As rutas do viño non funcionan porque non se plantean dende o punto de vista do cliente. Hai catro tolos que só vaian visitar adegas. O que si pode funcionar é unha zona onde se poda facer un plan de visita de 3,4, 5 días cun conxunto de ofertas: arte, cultura, gastronomía e, ademais, visitar adegas”.
“O planteamento que se fai das rutas do viño é moi institucional e pouco empresarial”.
“Ás adegas interésalles o enoturismo para mellorar o coñecemento da súa marca, con ou sen pernoctacións. Tamén lles interesa pola venda directa de viño na adega e porque se pode facer dos aspectos turísticos (restaurante, estancia no hotel da adega, visita guiada…) un negocio en si mesmo”.
“As zonas con mellores rutas do viño partiron de iniciativas privadas: Freixenet e Torres en Cataluña ou González Biass en Andalucía. Tamén e La Rioja estanse facendo as cousas ben”.
Fernando Gallardo:
“O gran punto a favor do enoturismo en Galicia é o Camiño de Santiago. Como debilidade diría que o sector turístico está moi atomizado e fai difícil xerar marca e achegarse aos mercados exteriores”.
“Un exemplo de enoturismo a seguir son as bodegas Marqués de Riscal, en La Rioja: miles de norteamericanos van alí para ver a arquitectura da adega”.
“O 90 % do turismo do mundo non é de rutas, por iso non vexo necesidade dunha ruta do viño. O turismo enolóxico é turismo industrial, e se non hai visitas a fábricas de Coca Cola non ten porqué habelas a fábricas de viño. Outra cousa diferente é facer do enoturismo unha experiencia sensorial a nivel da arquitectura das adegas e todos aqueles elementos que a convertan nunha experiencia sensorial en si”.
“Para potenciar as rutas do viño o ideal é que unha adega se fixe nos elementos básicos da industria turística. E a base está nas pernoctacións, se non hai estancias é difícil desenvolver unha industria turística. A adega debe fixar o hotel, a pernoctación como base. Neste sentido, o ideal sería darlle unha volta e converter as adegas en hoteis experienciais”.
Ferrán Centelles:
“A xente que vai visitar adegas son catro. O enoturismo é moi específico e minoritario. A xente fai turismo, e logo visita unha adega”.
“A experiencia enoturística pode desenvolverse no propio viñedo. Por exemplo, comer ou almorzar no viñedo. Nalgúns sitios estase facendo con moito éxito”.
“O enoturismo en Galicia hai que vinculalo á gastronomía, é o punto forte desta terra e hai que aproveitalo”.