Reducións de ata o 30% nas axudas da PAC para pastos arbustivos e baixo arborado

Gandeiros afectados pola decisión da Consellería de Medio Rural de suprimir as axudas da PAC para as superficies de pastos arbustivos e baixo arborado de menos de 0,3 hectáreas contan como lles está a afectar a medida.

Reducións de ata o 30% nas axudas da PAC para pastos arbustivos e baixo arborado

Pastoreo extensivo con cabras en Allariz

A decisión da Consellería de Medio Rural de suprimir este ano as axudas da PAC para as superficies de pastos arbustivos e baixo arborado de menos de 0,3 hectáreas está a xerar unha considerable afectación nun importante número de ganderías, especialmente as de ovino, cabrún e gando cabalar situadas en zonas de montaña.

Nalgunhas das explotacións consultadas a redución das axudas por pastos arbustivos e baixo arborado mesmo supera o 30% respecto ao anterior.

En Monte Cabalar (A Estrada) calculan que este ano perderon o 30% das axudas da PAC

Un dos casos máis graves é o de Monte Cabalar, na Estrada, unha proxecto de explotación en común do monte con gando vacún e cabalar que abrangue unas 600 hectáreas. “O tamaño medio das parcelas particulares é de 1.200 metros cadrados polo que nos vemos moi afectados por esta medida que parece feita contra o sector gandeiro en extensivo e que se adoptou a posteriori de que fagamos a declaración da PAC, o que é totalmente improcedente”, critica Fuco Barreiro, presidente de Monte Cabalar.

En concreto, das 112 hectáreas de pastos arbustivos e baixo arborado con que contan nesta gandería, calculan que o 92% desa superficie quedará fora da PAC debido á decisión da Xunta de Galicia, “o que se traducirá nunha perda de máis do 30% das axudas totais que viñamos recibindo da PAC por pastos”.

Alejandro, gandeiro da Pontenova: de 34,5 hectáreas case 25 foron penalizadas este ano cun CAP nulo

Outro caso similar é o de Alejandro de A Pontenova (Lugo), un gandeiro socio de OVICA, que leva destinando os seus últimos 10 anos da súa vida a tratar e recuperar terras abandonadas de monte e ir pouco a pouco implantando novas zonas de pasto, en base a moito esforzo e vontade, pero que viu como este ano do total de 34,5 has. declaradas, un total de 19,68 has. a pasto arbustivo e 4,12 has. a pasto sobre arborado fosen penalizadas cun coeficiente de admisibilidade nulo.

Esto conleva que en campañas anteriores a pesar de contar con algo menos de gando, puidese xustificar a admisibilidade sobre esa superficie, pero que na actualidade a pesar de aumentar o número e diversidade de animais (cabalos, vacas de raza autóctona limiá, ovella galega, cabras e algún exemplar de porco celta) lle sexa denegada a admisibilidade sobre esa superficie de monte que está volvendo a converter en agraria e rescatándoa do seu abandono despois de moitos anos. Ademáis, a súa carga gandeira pasou a un valor de 2,7 UGM/ha, o que implica a denegación da axuda de IC (indemnización compensatoria) na presente campaña.

Os gandeiros de ovino e cabrún séntense discriminados

Por outra parte, dende OVICA poñen de manifesto que “tamén se detecta unha discriminación con respecto a outros sectores como o vacún, xa que se evidencia un retraso no pagamento das axudas acopladas de ovino e cabrún fronte as axudas de vacas nutrices e de cebo que xa se comenzaron a cobrar nestas últimas semanas (e que son específicas dos gandeiros de vacún) polo que moitos gandeiros de ovino e caprino non teñen recursos suficientes para facer inversións nas súas granxas (cereal, forraxe, peches de parcelas, etc…) ata que perciban o resto de axudas solicitadas e ás que teñen dereito”.

A supresión das axudas da PAC para pastos arbustivos de menos de 0,3 ha afectará ata 2020

Terra agrícola recuperada por Alejandro na Pontenova

Terra agrícola recuperada por Alejandro na Pontenova

Desde OVICA tamén alertan de que “os gandeiros veranse afectados por esta medida ata o 2020, xa que a normativa non permite incorporar máis superficie que a declarada na primeira campaña para axudas de desenvolvemento rural, ao que hai que engadir que o período de modificacións da presente campaña tamén se atopa pechado”.

Ademais, advirten dende a asociación de que existen casos nos que a redución de pasto arbustivo fai que a superficie total baixe das 10 has. mínimas esixidas para a percepción destas axudas agroambientais, polo que a perda en percepción de axudas ás que inicialmente tiñan dereito aínda se verá máis agravada.

En este sentido, Carlos Rodríguez advirte de que “se non se lle da a oportunidade a estes gandeiros de introducir e xustificar o uso desa superficie na PAC, non van ter axudas para limpala e vai quedar como superficie abandonada, ou reforestada con eucalipto como está a pasar en moitas zonas, aumentando o despoboamento no rural e o risco de lumes forestais”.

Denuncian que nas fincas de máis de 0,3 hectáreas tamén caeron as axudas da PAC

Para as fincas maiores de 0,3 hectáreas dedicadas a pastos arbustivos e baixo arborado as axudas da nova PAC tamén están a sufrir un forte descenso en Galicia. Cando menos é o que aseguran gandeiros de zonas de montaña, como Lina García García, gandeira de vacún incorporada en Viana do Bolo (Ourense).

“Se antes por unha hectárea de pradeira e outra de pastos arbustivos pagaban o mesmo, 100 euros, agora coa nova PAC só pagan 36 euros por hectárea, e iso sen contar as reducións do Coeficiente de Admisibilidade de Pastos, que pode provocar que baixe a axuda ata un 50%, ao descontar as superficies sombreadas por árbores ou zonas de rochedo”, explica esta gandeira.

Lina García prevé un importante abandono deste tipo de pastos na montaña ourensá xa que “limpar unha hectárea de pasto arbustivo ao ano, algo que se esixe para cobrar a axuda da PAC, custa como mínimo 60 euros só para pagar o tractor”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información