A orde publicada esta semana sobre as axudas da PAC e de Desenvolvemento Rural confirma unha redución das axudas agroambientais ás que poden optar as explotacións de vacún de carne. As antigas axudas agroambientais ou de Contrato de Explotación Sustentable cambian no novo periodo 2014-2020 as liñas subvencionables, de xeito que a maioría das explotacións de vacún de carne poderán optar a un máximo de 120 euros / hectárea pola xestión sustentable de pastos. O Sindicato Labrego estima unha caída dos apoios públicos en medidas agroambientais superior ó 30 %.
O problema radica en que co Contrato de Explotación Sustentable as explotacións podían inscribirse en varias liñas de medidas agroambientais, en tanto agora só poden ligarse a unha liña de axudas, segundo explica a organización agraria: “Antes unha explotación de vacún de carne podía acollerse a unha liña de pastoreo, a outra de control integrado da superficie, a medidas de apoio a unha maior extensificación e outras. Agora só quedan os apoios á xestión de pastos”, explica o responsable de Gandaría do Sindicato Labrego, Xabier Gómez Santiso.
“Hai explotacións que barallan pasar á agricultura ecolóxica para recuperar apoios” (Xabier Gómez, Sindicato Labrego)
En termos económicos, se antes unha explotación de vacún de carne dunhas 15 hectáreas podía ter uns apoios medios por axudas agroambientais duns 3.000 euros, agora recibirá menos de 2.000, segundo as estimacións do Sindicato Labrego. “Ante esta situación, hai explotacións que están pensando en pasarse á agricultura ecolóxica, xa que por esa vía poden recibir máis apoios. Moitas explotacións extensivas de vacún terían poucas dificultades para facer a conversión. O principal cambio sería o uso de pienso ecolóxico na ceba final”, valora Xabier Gómez.
Para optar para o ano ás axudas a agricultura ecolóxica, as explotacións terían que renunciar este ano ás axudas agroambientais, xa que obrigan a un compromiso de 5 anos, e iniciar a conversión á produción ecolóxica. As axudas para a agricultura ecolóxica sitúanse en 331 euros por hectárea para as explotacións en periodo de conversión e de 288 euros para os casos de mantemento en agricultura ecolóxica.
Esa carne criaríase en ecolóxico, aínda que habería que ver logo como se fai a comercialización posterior, xa que actualmente non hai industrias en Galicia que comercialicen vacún en ecolóxico, segundo indica Xabier Gómez. “A única experiencia é a da cooperativa Biocoop de Ourense, que traballa con razas autóctonas en perigo de extinción”, apunta.
As explotacións de razas autóctonas en perigo de extinción (cachena, limiá, etc.) son precisamente as únicas que poden optar a dúas liñas de axudas agroambientais, a propia de razas autóctonas en perigo de extinción e a de xestión sostible de pastos.
O Sindicato Labrego lembra que as explotacións de vacún de carne obteñen pola venda de carne uns ingresos que a penas cubren os custos de produción, polo que consideran que a redución de axudas supón un problema significativo.
Axudas para horta
O Sindicato Labrego tamén critica os requisitos para optar en horta ás axudas de produción integrada, un sistema a medio camiño entre a agricultura convencional e a ecolóxica. A convocatoria das axudas esixe un mínimo de 2 hectáreas de superficie, cando en Galicia é difícil que haxa produtores de horta con esa superficie, segundo a valoración da organización agraria.
acórdaacórdase o Slg que o CES era bo. Eles que foron os principais opositores,como a todas as políticas da consellería de Suárez Canal. O destes non ten nome,só o PP é comparable no dano feito ó rural,as duas grandes plagas.