“Reducimos máis da metade a produción por hectárea para apostar pola calidade”

Entrevista Miguel Ángel Viso Diéguez, presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro.

Publicidade
“Reducimos máis da metade a produción por hectárea para apostar pola calidade”

Botellas coa imaxe da DO Ribeiro.

Miguel Ángel Viso é dende o ano 2012 o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe, Ribeiro. Afirma que o relanzamento da DO máis antiga de Galicia, pasa dende o punto de vista da produción pola aposta pola calidade máis que pola cantidade, e dende o punto de vista da comercialización  pola exportación e por unha relación de transparencia co consumidor. “No Ribeiro temos todos os elementos para ser referencia vitivinícola mundial”, subliña.

Cal é a situación actual da Denominación de Orixe Ribeiro?
Neste momento contamos con 109 adegas, incluíndo tanto a colleiteiros como adegas. O colleiteiro é característico do Ribeiro, e defínese por ter un límite de 60.000 litros de viño para comercializar e por ser elaborado con uva propia.

Ademáis, estanse incorporando adegas novas e iso é moi positivo. Estamos con preto dos 6.000 viticultores con aproximadamente 3.000 hectáreas de viña.

En canto á produción de uva, a media dos últimos anos é de 15 millóns de quilos -12,5 millóns no 2014- e o 95% desa cantidade é uva branca, e dentro dela destaca principalmente a variedade Treixadura.

No Ribeiro temos viños monovarietais, coa Treixadura como raíña, pero temos a posibilidade de facer coupages con Torrontés, Lado, Loureira…etc. Iso leva a que cada botella de viño Ribeiro é unha experiencia, porque en base ás porcentaxes das distintas variedades o viño cambia.

Cada vez hai unha maior profesionalización dos viticultores e das adegas e isto leva a que as cousas se fagan cada vez mellor

Finalmente, o CRDO Ribeiro presentou e aprobou seu Plan Estratéxico 2014 – 2016 no que se fixan as liñas de desenvolvemento para as áreas de Control e Desenvolvemento de negocio e determínanse os obxectivos cuantitativos e cualitativos a alcanzar á par que os investimentos estruturais a desenvolver.

Isto supón un punto de inflexión na D.O. Ribeiro para afrontar con éxito o Século XXI.

Como se comportou o 2014 en canto a vendas? Segue notando o crise o sector do viño?
Vimos dunha situación complexa en canto ao consumo de viño xa que estamos por debaixo dos 16 litros por persoa e ano en España, un consumo moi pequeno con respecto a outros países da Unión Europea. Isto débenos levar a facer campañas para que a xente nova consuma viño, loxicamente con moderación.

O 2014 foi para a DO un ano de inicio de múltiples proxectos para o desenvolvemento de negocio eficiente das nosas bodegas e seus viños no mercado vocacional galego como en outros mercados nacionais de vital importancia para O Ribeiro coma Barcelona, Madrid, Pais Vasco,Levante, etc..E por suposto no ámbito internacional, onde vimos de plantexar un xiro respecto aos mercados de actuación

A proactividade comercial do Ribeiro e a adecuación da imaxe de marca están a provocar unha revolución para amosar que estamos facendo os mellores viños brancos de España e, posiblemente do mundo, e que apostamos pola calidade. Neste sentido, estamos facendo campañas de comunicación para adecuar o posicionamento de marca aos obxectivos marcados no Plan Estratéxico.

En canto á comercialización, o ano 2014 foi bo xa que as vendas estanse recuperando e tamén está mellorando a percepción por parte do consumidor da marca Ribeiro.

Cales son os mercados do viño Ribeiro?
Maioritariamente é un viño de consumo en Galicia e despois a nosa demanda tamén está en Madrid, Barcelona, Pais vasco, Levante…. Pero a situación económica obríganos a buscar novos mercados no exterior.

Neste sentido, grazas ao apoio do IGAPE, desembarcamos hai 4 meses no mercado de Puerto Rico cunha recepción moi positiva. Tamén estamos cun plan, posiblemente das cinco denominacións de Galicia, de exportación a Alemaña. E tamén queremos entrar no mercado de Suíza, para o que estamos nun plan a catro anos.

Estamos exportando o 10% da produción, é un dato baixo e aspiramos a duplicar esa porcentaxe de aquí ao 2016

A exportación é a única forma de manter un prezo superior para os viños galegos que compense os maiores custes de produción?
Non, como en calquera sector empresarial, a exportación é unha vía máis. O importante é que se defenda a marxe que permite o reinvestimento na mellora constante da cadea de valor. A marxe debe existir en todos os mercados, pero cando algún se resinte compre buscar compensación nos outros, en pro da marxe obxectivo global.

Isto é estratéxico para defender o posicionamento e a sustentabilidade da calidade. O prezo é o que os mercados,canles de distribución ou tipoloxías de clientes están dispostos a pagar. O Ribeiro estará onde sexa valorado segundo a achega de valor que presente na categoría dos viños brancos.

Agora mesmo a DO Ribeiro exporta arredor do 10% da súa produción. É un dato moi baixo e un dos obxectivos do noso Plan Estratéxico é duplicar esa porcentaxe.

Unha botella de Ribeiro no supermercado a 2 euros é unha boa imaxe para a denominación?
Dicía na pregunta anterior que o tema a tratar non é só o prezo, é a marxe e neste punto engado, a rotación como elemento crítico na eficiencia empresarial.

Un viño Ribeiro pode ir dende os 2 aos 20 € a botella en función do tipo de variedades de uva

Na DO Ribeiro atopamos viños dende 2 até 20 euros ou máis. Iso non é o problema. O que lle pedimos ao cliente é que valore a etiqueta para ver se ese viño é dunha mestura de variedades autóctonas preferentes ou se é un viño aceptable pero dunha variedade autorizada. Os nichos de mercado son distintos, e polo tanto os prezos difiren.

Calquera consumidor ten dereito, independentemente da súa capacidade económica, a gozar dos vinos do Ribeiro, amparados polo marchamo de calidade que a contraetiqueta do CRDO aporta e garante. A partires de aquí hai empresas amparadas no CRDO Ribeiro que segundo a estrutura e estratexia desenvolven o seu portfolio de produto e mercado.

O Regulamento da DO Ribeiro permitía até hai pouco un máximo de produción de 30 toneladas por hectárea. Habería que reducir ese límite de produción?
Dende logo. A nova aposta das adegas e de viticultores é pola calidade, e polo tanto por reducir ese límite de produción. O novo regulamento do Consello Regulador, aprobado xa pola Xunta e polo Ministerio, pero pendente da autorización da Unión Europea, xa se ven aplicando nas últimas campañas, baixando o rendemento a 12 toneladas de uva por hectárea. Con isto o que estamos facendo é apostar pola calidade.

E nesa aposta non está só o Consello Regulador, senón que tamén todo o sector: adegas, viticultores e colleiteiros.

Ribeiro_Miguel_Angel_Viso_01_standar

Miguel Ángel Viso, presidente do Consello Regulador da DO Ribeiro.

Cales son as castes autóctonas que teñen máis potencial de crecemento no Ribeiro?
Na última década, tanto adegas como viticultores veñen apostado polo desenvolvemento destas variedades autóctonas que actualmente xa son mais do 60 % da produción. O noso Plan Estratéxico contempla liñas de actuación para potenciar estas variedades que son as que aportan o valor diferencial que esixen e consecuentemente priman os mercados. Isto é crítico neste negocio e O Ribeiro ten una oportunidade histórica de posicionarse como una DO de referencia mundial pola súa tipicidade, historia e excelencia.

As variedades autóctonas no Ribeiro xa supoñen o 60% da produción e van a máis

Se falamos de viño branco a grande variedade que nos diferenza é a Treixadura, porque se expresa no Ribeiro como non o fai en ningún outro sitio de Galicia, ao ser unha rexión intermedia entre a costa, onde os viños son máis ácidos, e as comarcas máis próximas á Meseta, nas que sobe a graduación do viño.

A parte do viño xoven, que outro tipo de caldos se atopan no Ribeiro?
Cada vez están tendo máis éxitos os viños de garda a partir de variedades preferentes. Vimos de presentar viños de 2010 en Enofusión e tiveron unha moi boa acollida.

E logo temos o tostado, un tipo de viño que se recuperou e que están a comercializar catro adegas. É un produto delicatessen que sorprende e que forma parte da historia do Ribeiro.

O novo regulamento tamén permite a elaboración de viños escumosos, que constitúen un produto máis para ofertar ao mercado exterior, xunto co branco, o tinto e o viño tostado.

Segue sendo unha materia pendente mellorar as relacións contractuais e o prezo que lle pagan as adegas aos viticultores?
Se a adega consegue vender ben o viño e cun prezo satisfactorio, acabará mercando a uva a un prezo satisfactorio ao viticultor. Isto é unha cadea. O consello Regulador non pode entrar nas negociacións entre viticultor e adega, pero o que si facemos é promover a imaxe do Ribeiro e velar polo cumprimento do regulamento.

Se todos apostamos pola calidade e por novos mercados o viticultor recibirá mellor prezo pola uva

Se todos apostamos pola calidade e traballamos por buscar novos mercados que aporten rendibilidade, poderemos reinvestir na cadea de valor e obter un proceso de mellora constante que sorprenda aos mercados e consumidores, e estes, o primen. Deste xeito, iralle ben a todo o sector.

Que obxectivos se marca o Consello Regulador para este ano?
A aposta definitiva pola profesionalización do Ribeiro foi crítica en 2014, onde por resumir, escribimos e aprobamos no Pleno o noso Plan Estratéxico 2014-2016, e isto significa que xa no hai volta atrás nos obxectivos de calidade, posicionamento e desenvolvemento que se marcaron.

Este 2015 vai ser un ano de continuar explosionando novos proxectos tanto nas áreas de control como desenvolvemento de negocio nos que o I+D+i e o desenvolvemento tecnolóxico van ser actores principais. Por outro lado, a consolidación dos proxectos en marcha vai permitir que os piares do noso Plan Estratéxico podan sustentar a visión, misión e valores que a renovación do Ribeiro esta desenvolvendo para ser un actor de referencia no ámbito Galego, nacional e internacional, tal e como dende o Século X o ten feito esta histórica DO. Temos todos os elementos para ser referencia vitivinícola mundial e estamos traballando profesionalmente para pornos en valor e comunicalo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información