O Observatorio do Mercado Lácteo da Unión Europea ven de publicar as cotizacións desta semana dos produtos lácteos así como do leite en orixe, destacando a recuperación da tendencia á alza nos prezos do leite en po e da manteiga, con respecto ás semanas pasadas. Un produción de leite estancada para satisfacer a unha demanda crecente parece estar detrás desta tendencia alcista.
En concreto, as últimas cotizacións dos produtos lácteos na Unión Europea quedan do seguinte xeito:
-Manteiga: 775 €/100 kg, +0,8 % nas últimas catro semanas.
-Leite desnatado en po (SMP) 260 €/100 kg, +2,8 % ,,
-Leite enteiro en po (WMP): 433 €/100 kg, +2,9 % ,,
-Queixo cheddar: 430 € /100 kg +1,7% nas últimas catro semanas
O prezo do leite spot en Italia subiu esta semana de forma notable e queda nos 0,685 euros o litro.
Situación internacional
A nivel internacional e con respecto aos principais países exportadores de produtos lácteos, hai unha suba xeral nesta semana do leite en pó, tanto enteiro como desnatado e a manteiga mantense en cotizacións de récord, especialmente en Europa, e en moita menor medida en Estados Unidos e Nova Zelanda.
Unha das razóns desta suba de prezos é o estancamento xeral da produción de leite para abastecer a unha demanda crecente de produtos lácteos. Así, de xaneiro a setembro deste ano as entregas de leite na Unión Europea só se incrementaron nun 0,5%, mentres que en Estados Unidos caeron un 0,3%. Só Nova Zelanda, cun sistema de alimentación do gando baseado no pasto, e polo tanto onde a produción de leite depende máis das condicións climáticas, se incrementaron de forma notable as entregas nos nove primeiros meses deste ano: un 5,6%.
Descarga aquí o informe completo