Recuperarase o uso das frondosas autóctonas para madeira serrada?

A silvicultura para lograr madeira de calidade é unha das claves para conseguir un maior aproveitamento comercial de especies como carballos ou castiñeiros, cunha importante presenza no monte galego pero cun aproveitamento industrial residual

Recuperarase o uso das frondosas autóctonas para madeira serrada?

Madeira de castiñeiro serrada nun antigo serradoiro de Lalín (Pontevedra).

Carballos, castiñeiros, nogueiras ou freixos, entre outras frondosas autóctonas, foron durante décadas madeiras con gran peso nos aserradoiros galegos. No sector forestal recordan os anos en que o mercado valoraba o emprego de madeira maciza na fabricación de elementos de carpintería, mobles e solos. Daquela existían pequenas serras que fornecían destas madeiras de frondosas a carpinteiros e ebanistas.

Porén, os cambios na sociedade foron facendo que esta forma de traballar se fora perdendo, e se pasara tamén dos pequenos talleres de carpintería e moble á fabricación industrializada, con menor presenza de madeira maciza. En paralelo, o piñeiro, que hoxe en día é a principal madeira serrada en Galicia, foi gañando terreo ás frondosas autóctonas nos serradoiros.

Troncos-castinheiro-

Madera de castiñeiro nun antigo serradoiro especializado nesta frondosa, situado en Lalín.

Por que deixou de empregarse a madeira de frondosas autóctonas no serrado?

Dende a Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) apuntan algúns factores determinantes á hora de analizar o progresivo abandono do serrado de madeira de frondosas autóctonas:

-O primeiro deles podería ser a necesidade das fábricas industrializadas de dispor de madeira de frondosas en cantidade e calidade estable, e con prezos competitivos. A entrada de madeira en tronco e madeira serrada doutros países fíxose máis competitiva que transformar e procesar a madeira local.

A escaseza de madeira de calidade e en cantidade, así como a falta de industrialización e de remuda xeracional son factores que están detrás do abandono do uso das frondosas autóctonas nos serradoiros galegos

– Outro factor, foi que non se acadou unha industrialización e modernización da industria de serrado tradicional de frondosas, como ocorreu por exemplo cas empresas que se adicaban a procesar madeira de frondosas de importación e madeiras tropicais.

-En numerosos casos, a falta dun futuro claro e o carácter familiar de moitas destas industrias, fixeron que gran parte delas pecharan pola falta de remuda xeracional.

Recuperar o aproveitamento das frondosas autóctonas

Co actual auxe da bioeconomía e o aumento da demanda mundial de madeira, desde o sector pensan que sería posible e viable establecer unha pequena industria de transformación e serrado de madeira de frondosas autóctonas. “A madeira de frondosas, especialmente a de carballo, segue mantendo prezos interesantes para o propietario forestal, e aínda temos unha certo número de empresas que seguen transformando ese tipo de madeira, pero recorrendo ó abastecemento de madeira en tronco doutros países”, analizan dende Xera.

Estímase que un terzo do monte galego son masas de frondosas autóctonas que non están producindo madeira

No sector forestal sinalan que para recuperar esa industria de transformación de frondosas sería necesario transmitirlle a toda a sociedade a necesidade de pór en valor esas masas forestais que, na maior parte dos casos, están sen aproveitar ou sen ningunha actuación silvícola, mantendo só un valor ambiental. Estímase que un terzo do monte galego son masas de frondosas autóctonas que non están producindo madeira e que se están cortando de xeito mínimo e sen un plan forestal.

“Cada ano estase cortando menos do 15% da madeira de frondosas que medra no monte anualmente, é dicir, menos dun 15% do que se podería cortar cun aproveitamento sostible e renovable. Ademais, esa madeira de frondosas que se corta carece dunha cadea de valor que a aproveite como debera. Segue habendo grandes exemplares que só se aproveitan para leña”, apunta Jacobo Feijoo, responsable da Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga).

“Se queremos que exista unha industria que empregue as frondosas autóctonas é necesario dispor dun mínimo de produción de madeira de calidade, que garanta o subministro de madeira á industria”, explican dende o sector.

Para que isto poida suceder, no sector inciden tamén en que é necesario que os propietarios forestais teñan seguridade xurídica sobre a posibilidad de valorizar as súas masas forestais. É dicir, que cando a árbore cumpra o obxectivo estipulado, poida ser cortada sen trabas, e dar paso a que o resto de individuos dese bosque continúen medrando e mantendo a súa sostibilidade.

“En 20 anos pode volver a entrar madeira de frondosas autóctonas nos serradoiros galegos a un ritmo sostible”: Jacobo Feijoo, Asefoga

Outra cuestión a ter en conta é a silvicultura. “Cando se comece a facer silvicultura nas masas de frondosas non se logrará madeira boa, pero os exemplares que vaian quedando para conformar fustes retos e engordar poderán dar madeira de calidade. As frondosas autóctonas poden chegar a ser outra fonte de madeira para os serradoiros nun prazo de 15 ou 20 anos, conseguindo que este tipo de madeiras entre nos serradoiros cun ritmo sostible”, argumenta Feijoo.

Dende o sector tamén indican que, mentres non sexa posible dispoñer dese subministro mínimo de madeira de calidade, sería moi importante avanzar no desenvolvemento de produtos industrializados feitos con madeira de frondosas caducifolias de pequena dimensión, co obxectivo de poder acadar uns ingresos intermedios para os propietarios, ata que poidan dispor de exemplares en idade de corta.

Os biocombustibles poden ser un aproveitamento puntual mentres non se logra unha produción de madeira de frondosas de calidade.

“Ao igual que veu facendo durante os últimos 30 anos, a industria de serrado de Galicia terá que ir adaptándose á dispoñibilidade das materias primas locais, sendo posible que unha parte da industria actual teña que ir mudando para adaptarse progresivamente a outros tipos de produtos ou especies de madeira”, valoran dende Xera.

A gran cuestión é como se vai xestionar o territorio rural sen xente (Jacobo Feijoo, Asefoga)

“O gran desafío non é só do sector da madeira de serrado, senón do rural. A gran cuestión é que se vai ter que xestionar o territorio tanto agrario como forestal sen xente, cun 10 % da poboación actual, o que implicará esforzos importantes en melloras tecnolóxicas, mecanización e automatismos do proceso. Imos ter que xestionar o mesmo territorio, pero con menos xente, un reto non só de Galicia senón de todo Europa”, conclúe Jacobo Feijoo.

Tres visións sobre as frondosas desde o sector forestal

España é un enorme importador de madeira de frondosas, especialmente de carballo; e Galicia é tamén un dos grandes consumidores, xa que é unha madeira que gusta para decoración, solos ou en certos segmentos de moble. Porén, case toda a madeira que se utiliza é de importación, segundo indican dende o sector. Esta madeira de carballo estase vendo moi afectada pola guerra de Ucraína e Rusia, xa que unha gran cantidade dela procede tanto destes dous países como de nacións próximas como Romanía. Dado que agora o carballo procedente de Ucraína e Rusia non está a chegar ao mercado, xérase unha gran presión noutros mercados como o romanés, francés ou americano.

No caso do castiñeiro, a produción de mobiliario e de superficies decorativas a nivel nacional é un sector que está desabastecido. Ademais, a escasa produción de táboa para mobiliario e decoración que se transforma en Galicia está afectada por importantes problemas fitosanitarios desta especie, que inflúen directamente na súa calidade.

“Para obter frondosas de calidade, precisaríase silvicultura e un bo material xenético” (José Carballo, Fundación Arume)

“A pesar da importante superficie de frondosas que hai en Galicia, salvo meritorias industrias que se están esforzando por darlle un aproveitamento, esta madeira non está a ser aproveitada máis que para leña, en parte porque falta realizar unha silvicultura axeitada e dispoñer de bo material xenético que permita obter madeira de calidade”, valora José Carballo, presidente da Fundación Arume. Como sinalan dende Arume, a coxuntura actual de demanda de frondosas podería ser unha gran oportunidade para retomar a produción e o aproveitamento deste tipo de madeira en Galicia.

“Hai anos, Galicia contaba con empresas dedicadas a desdobrar a madeira para facer chapa de frondosas, como o carballo ou o castiñeiro, pero son empresas que remataron desaparecendo ante a falta de materia prima galega para abastecelas”, recorda Elier Ojea, presidente da Federación Empresarial de Serradoiros e Rematantes de madeira de Galicia (Fearmaga).

“En Galicia houbo empresas adicadas a desenrolar chapa de carballo ou de castiñeiro, pero desapareceron pola falta de materia prima galega” (Elier Ojea, Fearmaga)

Hoxe, o sector mira a oportunidade perdida nas frondosas e á que outros países como Francia souberon sacar partido co aproveitamento dos seus soutos e carballeiras. “En Francia hai unha gran ‘cultura do bosque’ moi arraigada entre os propietarios e un forte apoio das administracións ó sector forestal. Así, hai importantes superficies que se dedican a abastecer as necesidades dos grandes consumidores e outras centradas na produción de madeira de calidade, que logo terá uns usos e uns prezos moi diferentes”, explica Ojea.

En Galicia, unha das industrias que leva tempo apostando pola transformación e o aproveitamento da madeira de frondosas autóctonas, como o carballo e o castiñeiro, é Maderas Maderbar, situada en Baralla (Lugo). Esta empresa familiar converteuse nun dos maiores referentes ó aproveitar a madeira de frondosas autóctonas como o carballo para a fabricación de pezas de toneis, que se exportarán a fabricantes de whisky de Irlanda. Nos últimos anos tamén están a probar co aproveitamento do castiñeiro para esta fin.

“Importamos moita madeira de frondosas porque aquí non a hai de calidade. En canto a consigamos, hai moitas posibilidades de aproveitamento” (Gabriel Fernández, Maderbar)

Con todo, boa parte da madeira de frondosas que transforman é importada, xa que a que conseguen mercar en Galicia non cubre as súas necesidades. “Falta madeira de frondosas de calidade en Galicia. En canto consigamos madeira de calidade, hai moitas posibilidades de aproveitamento tanto para tonelería, como para a construción, ebanistería… hai moitos usos”, apunta Gabriel Fernández, xerente de Maderbar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información