A recuperación de oliveiras autóctonas achega novas posibilidades ao sector agrario galego

Os resultados da investigación do grupo Vior, pertencente ao Csic, identifican vinte variedades de oliveiras autóctonas únicas no mundo. A súa recuperación supón a reaparición dun recurso agrario con gran futuro e traxectoria produtiva en Galicia

Publicidade
A recuperación de oliveiras autóctonas achega novas posibilidades ao sector agrario galego

Mostra dalgunhas das oliveira recuperadas polo CSIC. Foto: Arquivo

O grupo de Viticultura, Oliveira e Rosa (Vior), pertencente ao Csic, finaliza a primeira fase da liña de investigación sobre a recuperación, descrición e recoñecemento de antigas variedades autóctonas de oliveiras de Galicia. A Fundación Juana de Vega financiou a totalidade do proxecto, ata o momento. Os resultados materializáronse na identificación de 20 variedades autóctonas únicas no mundo. O Consello Superior de Investigacións Científicas iniciou o proceso de rexistro de 11 delas, de gran interese comercial, e proseguirán coa certificación de varios clons de cada unha.

Resultados e potencial futuro

A diversidade natural galega amplía horizontes a partir dos resultados obtidos polo grupo Vior, abrindo un novo campo de traballo con futuro. O presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez, afirmou que “hoxe comezouse a recuperar algo que co tempo se foi perdendo: unha gama de variedades autóctonas de oliveira que agora cómpre poñer en valor”.

A xefa do grupo de investigación, María del Carmen Martínez, anunciou que “a diferenciación destas variedades, descoñecidas ata o momento, contribúe a ampliar a diversidade do patrimonio agrario común”. Deste xeito, “Galicia pasa a ser, xunto con Portugal, unha das zonas olivareiras máis occidentais do continente europeo”, expuxo.

“Trátase de variedades únicas e diferentes que producen aceites de diferentes calidades, que ata agora estaban desaparecidas”, informa a xefa do grupo de investigación. “A partir dunha subida de impostos do Conde Duque de Olivares, en Galicia cortáronse moitos pés, pero quedaron repartidos por todo o territorio exemplares destas variedades”, detalla Martínez.

Con este proxecto de investigación o grupo Vior percorreu todo Galicia, “atopando oliveiras centenarias mesturadas en montes de castaños e en espazos moi plurais”, relata a xefa do grupo. Estas oliveiras non tiñan nome, estaban sen rexistrar, “só se conservaban por tradición oral os nomes de ‘brava galega’ e ‘mansa galega’”, aínda que en ambas denominacións albergábanse variedades diferentes pola folla, o froito ou o perfil de ADN, entre outras”, amplía. Isto levou á necesidade de “darlles un nome, unha descrición e rexistralas; requisitos indispensables se se quere proceder á súa plantación nun futuro”, explica Martínez.

Paralelamente, para achegar estes resultados á sociedade e aos produtores, o que fixeron desde o grupo investigador foi “multiplicar planta dalgunhas destas variedades para transferirlla a cinco viveiros, a partir da colaboración da Asociación de Viveiristas do Noroeste (Asvinor) e da Asociación de Produtores de Aceite e Aceituna de Galicia (Apaag)”, avanza Martínez.

A pesar de que estas oliveiras estaban repartidas por todo o territorio, existen zonas de maior protagonismo como “Quiroga, a zona do Ulla, Ourense, Verín, Tui, e incluso a zona do Ribeiro”, especifica a investigadora. O xeito de abordar este traballo foi “ir recollendo mostras por todo Galicia, facendo descricións botánicas, e establecendo unha serie de códigos rexistrados”, comenta a xefa do grupo.

Os retos máis próximos que se achegan a esta liña de traballo pasan pola multiplicación a gran escala das variedades descritas ou á súa adaptación a diferentes zonas de Galicia. Ademais, isto pode supoñer o xermolo dunha Denominación de Orixe de aceite galego debido a que “temos todos os ingredientes para conseguila”, comenta Martínez.

Pola súa parte, o delegado do Csic en Galicia, Javier Rei, destaca “a súa convicción de que os aceites galegos teñen un futuro inmellorable e que, ademais de promover o consumo de kilómetro cero, teñen unha altísima calidade”. A este respecto, a investigadora fai fincapé de novo na “diversidade, e nos toques aromáticos propios de Galicia” que puido identificar nun par de probas realizadas.

Inicios e próximas colaboracións

 Este proxecto parte do 2012. Inicialmente o grupo de investigación do Csic estaba enfocado ao aceite de semente de uva ata que, unha colaboración coa empresa desaparecida Invatia Research cambiou o foco de investigación á oliveira. Este cambio deu lugar a apertura dunha nova liña de traballo centrada na recuperación de variedades autóctonas.

No 2017, a colaboración da Fundación Juana de Vega consolidou o proxecto de ‘Apoio á consolidación no mercado de aceites galegos de calidade, mediante o uso de variedades de oliveira autóctonas’. O interese do proxecto motivou recentemente a apertura de conversacións coa Xunta de Galicia para o establecemento de campos de ensaio que permitan unha caracterización agronómica das diferentes variedades, así como a multiplicación da planta de cara a trasladala ao sector produtivo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información