A recuperación da liña leiteira da Rubia galega demóstrase con potencial para queixos

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo xa identificou 1.054 animais de aptitude para a produción de leite e trabállase co 25% deles, os que presentan mellores indicadores xenéticos. O obxectivo é poñer a disposición dos gandeiros vacas que permitan a elaboración de derivados do leite e de exemplares para cruzamento con frisón que aporten facilidade de parto

A recuperación da liña leiteira da Rubia galega demóstrase con potencial para queixos

Touros de Rubia galega que participan no proxecto de recuperación da liña leiteira da raza.

Dende o 2021, o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), en colaboración coa empresa Xenética Fontao, traballa na recuperación da liña xenética de Rubia galega máis apta para a produción de leite. E tamén para que esa liña poida ser empregada en cruzamentos industriais con vacas frisoas nos animais non destinados á recría das propias granxas.

Nun encontro con representantes da Asociación Gandeira da Rubia Galega do País, presentáronselles ós gandeiros as liñas do labor desenvolvido ata o de agora e as primeiras conclusións das investigacións e probas.

Traballo xenético
Alejandro Fernández, da área de selección e mellora xenética de Fontao, sinalou que na Rubia galega estase a traballar con poucos touros, o que leva a unha sobrepresenza dos mesmos xenes e a que cada vez haxa máis risco de consanguinidade.

“Estamos detectando que os animais son cada vez máis pequenos e máis culóns. En parte débese a unha abundancia da miostatina, que leva a un exceso de desenvolvemento muscular. E, consecuentemente, a partos cada vez máis difíciles e a xatos que mesmo teñen problemas para mamar pola conformación da lingua. Para tentar compensar a xenética da raza estamos a participar neste proxecto. E facémolo co uso de doses de seme de touros xa falecidos e que tiveron o seu apoxeo a comezos dos anos 90”, explicou o técnico de Fontao.

A raza embarcouse nun camiño de xatos cada vez máis pequenos e culóns, con partos difíciles e animais con dificultades para mamar. O uso de seme de touros dos anos 90, xa falecidos, permite recuperar características perdidas

Con todo, Fernández cre que o futuro non pasaría tanto polas doses antigas (escasas e con menos eficacia) como por traballar sobre os exemplares vivos. Localizándoos primeiro e medíndoos xenéticamente despois.

Desde a Área de Investigación de Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), organismo no que se encadra Mabegondo, Manuel López Luaces explicou os eixes do “Proxecto 2021-09. Recuperación das características de aptitude maternal das vacas de Raza Rubia Galega”.

No relativo á produción de leite, sinalou que na investigación empregáronse vacas tanto de centros vencellados ó CIAM como de ganderías particulares, e sempre con femias que tiveron pouco contacto cos touros máis empregados no que vai de século.

Reunión da Asociación de Rubia do País con Mabegondo e Xenética Fontao.

Reunión da Asociación de Rubia do País con Mabegondo e Xenética Fontao.

“O primeiro paso foi recoller mostras dos 50 exemplares do rabaño do CIAM que máis leite producían e inseminar esas vacas con seme dos touros Lindo VII e Pitelo, xa falecidos pero que mantiñan marcadores xenéticos leiteiros. Nesas vacas analizamos os marcadores moleculares SNP e xenotipamos as proteínas lácteas e a miostatina.”, sinala López.

Tamén se analizaron parámetros de cualidades maternais (facilidade de parto, taxa de preñez, docilidade, lonxevidade…); de rendemento (consumo de alimento, ganancia diaria e pesos) e da canal (tenrura, marmoreado da graxa, lonxitude…).

Produción de leite
Unha vez nacidas as crías resultantes das inseminacións, fíxose unha dobre medición. Por un lado, empregouse o sistema W-S-W, que consiste en pesar os xatos antes e despois de mamar durante 20 minutos. Con eso faise unha estimación do peso gañado. Por outro lado, fíxose unha muxidura estándar con máquina na manga de manexo.

O leite recollido foi enviado ao Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL). “Os resultados da análise do leite sinalaron porcentaxes de ata un 4,04 de graxa e un 3,85 de proteína. Uns niveis que supoñen un bo punto de partida e que poden mellorarse co traballo de selección xenética que se faga nos vindeiros anos.”, indicou o representante de Agacal.

A produción media de leite foi de 8 litros por vaca, con ata un 4’04 de graxa e un 3,85 de proteína. Son datos esperanzadores, pero falta camiño para chegar ós 19,5 litros que chegou a producir a raza nos anos 50

Por outra banda, a produción máxima diaria foi de 9,5 litros, quedando a media en 7,97 nos 155 primeiros días. “Unha cantidade que aínda está lonxe dos 19,5 litros diarios que producía a raza nos anos 50 do século XX, cando se fixeron os primeiros controis leiteiros en Galicia. Pero este tipo de proxectos levan o seu tempo e agardamos que os resultados cheguen con el”.

Visita de campo en Mabegondo para ver os animais que participan no proxecto.

Visita de campo en Mabegondo para ver os animais que participan no proxecto.

Potencialidade para queixos
Co leite recollido e analizado, deuse o seguinte paso cara a elaboración de derivados. Iso fíxose na Aula de Produtos Lácteos de Lugo (Campus Terra USC), onde se elaborou un queixo de tipo Arzúa-Ulloa co leite das mellores vacas que se utilizan no proxecto.

Os principais parámetros que se mediron foron a capacidade coagulante e as características fisico – químicas, físicas e sensoriais. Ademais, fíxose unha comparativa cun queixo de igual elaboración pero no que se empregou leite de frisoa. Nos dous casos elaborouse un queixo prensado, de pasta blanda, con leite pasteurizado, cunha maduración mínima de dez días e coagulación mixta.

As probas con queixo de Rubia galega lograron unha peza que semella mellorar as características organolépticas, de textura e cor dunha peza elaborada con leite de frisoa

Os resultados amosaron que o de Rubia galega tiña un 0,3 máis de graxa e un 0,4 máis de proteína ca o de frisoa. Ademais, comprobouse que o de Rubia era máis amarelo e cunha textura máis consistente, aínda que cunha menor evolución posterior.

Tamén se percibiu no de Rubia un sabor máis limpo e menos lácteo e unha menor acidez en boca. En todo caso, as probas con novas mostras de leite e con outro tipo de elaboracións van continuar. E sempre co obxectivo de poñer o recurso a disposición das IXP e DOs galegas. De feito, dende o CIAM subliñaron que xa hai granxas de leite que traballan coa raza Jersey que están interesadas en futuros cruzamentos coa rubia galega polas similitudes nas características do leite.

Cruzamentos industriais
Nun contexto de escaseza de xatos e de carne (nos últimos cinco anos o censo de femias rubias baixou un 27,64%), faise preciso traballar non só para aumentar a produción, senón tamén para que non se perdan exemplares nos partos ou eficacia nas doses inseminadas.

Con ese fin, dentro do proxecto fíxose unha selección de exemplares para cruzar con vacas frisoas en explotacións que non fan recría.

As primeiras probas cos touros rubios seleccionados por Mabegondo sinalan que a facilidade de parto está en niveis similares ou superiores nalgúns casos aos de razas como a Limousin ou a Angus, que están consideradas as mellores nese parámetro.

Nos cruzamentos industriais, estase lograr unha facilidade de parto equiparable á que se obtén con Limousin ou Angus

As probas van continuar co obxectivo de crear un catálogo unificado que permita ós produtores de leite dispoñer de toda a información posible sobre as características que aporta cada exemplar nos cruzamentos industriais. Unha ferramenta que tamén sería de utilidade para as IXP Ternera Gallega e Vaca e Boi de Galicia.

En resumo, e máis alá das primeiras avaliacións, estase a traballar na creación dun núcleo estable de xermoplasma (vacas e touros vivos, embrións, doses de seme) que permita ampliar o número de cabezas de aptitude leiteira e materna dentro da raza Rubia galega.

Dende o CIAM teñen pensado organizar durante a primavera unha xornada informativa para dar a coñecer os resultados obtidos ós gandeiros que desexen aproveitar as características desta liña da raza. E tamén está programada unha poxa na que sairán á venda algúns dos exemplares xa xenotipados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información