Fusionar a olería e a viticultura, dúas das actividades tradicionais da Ribeira Sacra, foi o obxectivo co que no ano 2016 nacía o proxecto da adega Rectoral de Gundivós SL. Os seus catro socios, Elías, Manuel, José e José Antonio querían facer uns viños diferentes e, para conseguilo, apostaron por recuperar os recipientes nos que desde os tempos dos romanos se fermentaba o viño nesta zona.
Aquela primeira colleita do 2016 daba forma a unha idea traballada desde facía varios anos entre os catro socios, dous deles con moitos anos de experiencia no sector. Manuel Verao é o responsable técnico da adega, con puntuais asesoramentos de enólogos da súa confianza. El e máis José aportan o coñecemento vitícola e a experiencia no mundo dos viños.
Elías González é a outra das patas necesarias. É o propietario da reitoral onde se ubica a adega e o alfareiro do grupo, encargado de confeccionar as ámboas de barro, os grandes recipientes que servían no pasado para a fermentación e almacenamento do viño e que esta adega recuperou para os seus viños de autor actuais. “É un proxecto en conxunto dun alfareiro con persoas que se criaron debaixo das viñas”, di.
No ano 2016 sacamos a primeira añada e empezamos un proxecto para poñer en valor a alfarería e o viño de Amandi, unha idea traballada desde facía varios anos entre os catro socios
“A nosa filosofía é tentar mesturar historia, terra e paisaxe, para facer un viño o máis natural posible, conservando así a tradición dos nosos antepasados que con tanto sacrificio lograron facer estes caldos desde épocas romanas. Foron eles os que organizaron as escarpadas ladeiras do río Sil en bancais, con pendentes que en ocasións superan o 75% de desnivel e que dan o seu nome á famosa viticultura heroica da Ribeira Sacra”, explican.
Dúas hectáreas de viñedo propio
A adega conta con case dúas hectáreas de viñedo propio situadas nas ladeiras do Sil, dentro da subzona de Amandi. “Baseamos o noso proxecto nunha viticultura respectuosa co medio ambiente, coa mínima intervención nos viños, limitando as producións por planta para conseguir a máxima expresión dos viñedos e recuperando variedades autóctonas como albarello, merenzao, negreda ou branco lexítimo”, engaden.
As viñas, que pertencen aos socios, son de difícil acceso e están todas na subzona de Amandi
Ás viñas propiedade dos socios engádese algo de uva mercada a outros produtores para unha produción total de 10.000 botellas nas catro marcas que elaboran. Todas levan nomes relacionados coa tradición vinícola e oleira e son producións limitadas.
Do barro ao viño
Elías é propietario da Rectoral de Gundivós e mestre oleiro desta parroquia, que mantén, grazas a persoas coma el, unha das olerías máis ancestrais da península ibérica. Elías é quen se encarga de elaborar as ámboas de cerámica, uns depósitos de tradición milenaria que historicamente servían para fermentar e transportar o viño. “O viño antes transportábase moito en barro, nós inclinámonos por rescatar depósitos dos nosos ancestros e adaptar novas pezas ás novas tendencias actuais do viño”, explica Elías.
Ademais de reproducir depósitos e decantadores tradicionais, contan con novos deseños de enfriadores para o viño feitos en cerámica
Entre esas novas pezas atópanse distintos tipos de enfriadores, adaptados a cada un dos viños que fan. O Adobe, por exemplo, “é un enfriador natural que funciona mediante o efecto botixo, ti mollas o recipiente de barro e a auga tende a evaporarse e deste xeito enfría o viño que hai no interior”, conta o seu autor. No caso do recipiente para o viño branco Ímbrice está pensado como cubiteira, mentres que no Ámboa pode meterse tamén xeo dentro.
Todos os nomes dos nosos viños fan referencia ao barro e á historia da Ribeira Sacra
“Con este proxecto pretendemos fusionar viño e barro para poñer en valor a alfarería e a viticultura de Amandi e facer así unha pequena homenaxe a tanta tradición e historia da nosa terra. Por iso, os nomes dos nosos viños están relacionados con esta práctica”, detalla.
A olería de Gundivós é unha das olerías tradicionais de Galicia que máis se identifica co viño, conservándose aínda hoxe depósitos de fermentación e decantadores feitos en barro, formas de sempre que en Rectoral de Gundivós pretenden axudar a perpetuar deste xeito, cun sentido estético e decorativo actual que se suma á súa funcionalidade práctica orixinal.
Enoturismo como xeito de aproveitar a historia que ten a Ribeira Sacra
A Ribeira Sacra, candidata a Patrimonio da Humanidade da Unesco, conta con elementos históricos, paisaxísticos e patrimoniais de indubidable valor. O proxecto de Rectoral de Gundivós pretende aproveitalos. “Moitas empresas gastan miles de millóns de euros en inventarse un relato histórico co que vender os sus produtos, nós aquí temos ese relato sen ter que inventalo e iso é algo que temos que aproveitar”, defende Elías.
“Nas nosas viñas aparecen restos de tégulas romanas, por iso o noso viño branco, Ímbrice, fai referencia co seu nome a esa época romana. Así era como denominaban os romanos a peza de cerámica que tapaba a unión de dúas tégulas”, explica.
Moitas empresas gastan miles de millóns de euros en inventarse un relato histórico co que vender os sus produtos, nós aquí temos ese relato sen ter que inventalo e iso é algo que temos que aproveitar
Do mesmo xeito, as ámboas eran os recipientes de barro onde se fermentaba e transportaba o viño na época romana e medieval. “É evidente a grande importancia desta zona na Idade Media, como atestiguan os mosteiros románicos que hai salpicando toda a Ribeira Sacra, e dise que a viticultura nesta zona comezou porque os romanos empezaron a plantar vides e a levar os viños desde aquí en ámboas para os césares de Roma. Será lenda ou realidade, pero temos un potencial histórico tremendo que temos que aproveitar”, di.
Pódense concertar visitas conxuntas á adega e ao obrador de cerámica da Rectoral de Gundivós, con demostración de olería en vivo e degustación de viño
Os viños son só unha parte máis no proxecto de recuperación etnográfica, cultural e patrimonial iniciado fai xa case 20 anos. No ano 2003 foi adquirida a edificación da vella Rectoral de Gundivós e no 2007 rematouse a restauración e comezáronse a facer visitas guiadas ao museo e demostracións de olería en vivo. Súmaselle agora a adega e a elaboración dos viños e das pezas feitas en barro que os acompañan.
“Buscamos a diferenciación incluso dentro da Denominación de Orixe Ribeira Sacra”
Se algo tiñan claro Elías, Manolo, José e José Antonio cando se lanzaron a este proxecto é que querían que fose diferente. “Buscamos a diferenciación incluso dentro da Denominación de Orixe Ribeira Sacra”, aseguran. Malia ser unha adega de nova creación, o seu viño conta unha historia, a que hai detrás da tradición.
Adobe é o viño principal da adega, o máis característico da Ribeira Sacra, no que se respecta a mencía como variedade principal da zona e á que se lle mesturan outras como merenzao, brancellao e garnacha, que lle aportan cor e acidez e os matices que cada unha delas teñen desde o punto de vista organoléptico.
Facemos un viño de autor respectando como se facía antes e usando o mínimo de produtos químicos tanto na viña como na adega
Ámboa é un viño de pizarra, con máis mineralización e cun lixeiro pase por barrica para darlle máis lonxevidade no tempo. É o viño de finca de Rectoral de Gundivós, con uvas procedentes de O Lombo e Lobeiras, con pendentes moi pronunciadas nas que instalaron un elevador para poder sacar a uva. Trátase dunha produción limitada de 1.200 botellas que teñen a particularidade de estaren lacadas á man.
Nos recipientes de barro a temperatura nunca sobe dos 20ºC, producíndose unha fermentación controlada de xeito natural
Ámboa Lútum é o proxecto estrela da adega. Un viño tinto que fermenta nas ámboas de barro, cunha fermentación controlada de xeito natural. “Nas ámboas nunca se superan os 18-20ºC sen necesidade de ningún tipo de frío artificial, cando o aceiro, por exemplo, chega a acadar os 30ºC se non o corrixes”, explica Manolo. Deste xeito o viño consegue características e matices moi distintos. “Quixemos xogar con algo único que había na zona, cun recipiente vinculado ao viño cunha forma milenaria e unha capacidade duns 200 litros cada unha”, engade. Logo da fermentación nas ámboas, o viño pasa a barricas madeira de carballo durante 6 meses para que estabilice e teña máis percorrido.
Están a recuperar a branca lexítima, unha variedade autóctona da zona que lle aporta acidez e condición aromática ao godello
Ímbrice é o nome que leva o viño branco que elaboran. Tamén unha edición limitada de 1.200 botellas feita a base de godello e outras castes, como treixadura, dona branca, ou branca lexítica, unha variedade da zona que se está recuperando e que lle dá acidez ao godello e unha condición aromática floral moi particular que non ten ningunha das outras castes.