A demanda de animais de cruzamento industrial, tanto de recría como de becerros carniceiros, está a manter en niveis altos os prezos do vacún na poxa semanal da Central Agropecuaria de Galicia en Silleda, cos xatos cruzados de recría por enriba dos 1.000 euros e as vacas de categoría Extra superando os 2.500 euros. No que respecta ao resto de especies gandeiras, segue baixando o porcino e subindo os ovos.
Nos xatos de recría, a escalada de prezos parece non ter fin. Unha semana máis, a tónica xeral foi de revalorización en todas as categorías, tanto nos becerros de raza frisona coma nos de cruzamento industrial, que chegaron a sobrepasar os 1.000 euros para os machos de máis de 50 días, case 100 euros máis que a semana pasada. A ganancia é semellante tamén para as femias de maior idade, que pasaron dos 682€ de media a semana pasada a 819€ esta semana.
No caso dos becerros carniceiros, a poxa deste martes foi desigual, con ascenso claro nos animais de cruce industrial, que gañaron no caso dos machos 230€ e no caso das femias 85€, baixada no gando frisón e mantemento de prezos na rubia galega, con lixeiro ascenso nos machos marcados dentro da IXP Ternera Gallega Suprema.
O vacún maior segue tamén estable en prezos de máximos históricos, coas vacas de categoría Extra por enriba dos 2.500 euros e a categoría Primeira por enriba dos 1.200 euros. Esta semana, a ganancia foi duns 40 euros por animal con respecto ás cotizacións da semana anterior en todas as categorías.

No que respecta ás mesas de prezos do resto de especies gandeiras, rexistrouse unha nova baixada no porcino cebado, que arrastrou tamén aos bacoriños, que perderon esta semana dous euros en leitón. No outro lado da balanza, seguen situándose os ovos, que gañaron dous céntimos a ducia, e tamén o coello, que gañou 10 céntimos e cotiza a 2,60€/kg.
Podes descargar as cotizacións completas no seguinte enlace.
Galego








Control OJD