Récord histórico do prezo medio dos becerros carniceiros en Silleda

Na sesión deste martes na Central Agropecuaria de Galicia acadouse o maior prezo medio na categoría dos becerros carnicerios. Tamén o gando maior rexistrou unha suba mentres que no gando de recría houbo unha baixada, ó igual que no leitón

Récord histórico do prezo medio dos becerros carniceiros en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia Abanca acadou esta mañá o seu récord histórico no prezo medio da categoría de becerros carniceiros, situándose nos 918,08 euros. Ata hoxe a marca estaba nos 884,17 euros que se rexistraran o 22 de maio do ano pasado. Na sesión contabilizouse unha afluencia de 94 becerros carniceiros e deles adxudicáronse 84, logo de ser rexeitados 10 deles.

Na xornada de hoxe tamén se rexistrou unha suba do prezo do vacún maior mentres que no gando de recría, tanto nos de raza frisón como nos cruces industriais, a tendencia xeral foi á baixa. Tamén se produciu unha baixada do prezo dos leitóns, mentres que o porco cebado e os ovos se mantiveron sen cambios con respecto á feira pasada.

En canto ós prezos dos becerros de recría, nos de raza Frisoa a tendencia foi á baixa. Así, os becerros de menos de 20 días, situáronse nos 114 euros, 6 menos que a semana anterior. Porén, o prezo das femias nesta categoría incrementouse en 22 euros ata acadar os 77 euros.

Tamén houbo unha mínima baixada do prezo dos animais de entre 20 e 50 días, a categoría máis numerosa e representativa deste mercado, e situouse nos 137 euros, fronte ós 138 euros que se pagaron a semana pasada. Tamén o prezo das femias foi máis baixo, acadando os 88 euros, 4 euros menos.

A única suba dos machos frisóns produciuse nos becerros de máis de 50 días, ata os 175 euros, 8 euros máis co martes anterior. Porén, as femias desta categoría tamén experimentaron unha baixada do prezo ata os 86 euros, 15 menos que a pasada feira.

No referido ós becerros de cruces industriais, a categoría máis numerosa, a de entre 20 e 50 días, rexistrou unha caída do prezo ata os 327 euros, fronte ós 366 que se pagaran a semana anterior. Foi a única sección na que houbo unha baixada das cotizacións.

Así, nos becerros de menos de 20 días o prezo incrementouse en 3 euros ata os 251 euros e no caso dos animais de máis de 50 días, a suba foi de 9 euros ata os 465 euros.

Pola súa banda, nos becerros carniceiros, á marxe de acadar un récord do prezo medio, produciuse unha suba de 85 euros nos tenreiros de cruce industrial, que acadaron os 991 euros, mentres que nos de raza Frisoa houbo unha caída de 70 euros ata situarse nos 527 euros.

Vacún maior

O vacún maior tamén experimentou nesta sesión unha suba dos prezos que continúa a tendencia á alza da feira pasada. Así, o prezo medio das vacas de primeira categoría incrementouse en 20 euros ,ata os 1.099 euros, e nas de segunda a suba foi de 14 euros, ata situarse nos 734 euros. Tamén nas vacas de desvelle se rexistrou un incremento do prezo medio chegando ós 484 euros, 26 euros máis que na sesión da semana anterior.

25_06_2019-Central-Agropecuaria-Galicia-Silleda-Vacun-

 

Baixada dos leitóns

En canto á mesa de cotización do porcino, o porco cebado mantívose sen cambios nesta sesión. Así, o selecto e o normal quedan nos 1,485 e 1,460 euros o quilo, respectivamente. Na categoría de Canle II o prezo manténse en 1,896 euros o quilo e na de desvelle o prezo continúa entre os 0,72 e os 0,78 euros o quilo.

Os prezos do leitón baixan 2 euros. Así, a cotización do bacoriño de 20 quilos queda nos 67,50 euros para os animais que proceden dunha única granxa e nos 62,50 euros para os chegados de varias ganderías. O prezo por quilo é de 3,375 e 3,125 euros respectivamente.

Nesta xornada non houbo variacións no prezo dos ovos que se manteñen estables en tódalas categorías. Deste xeito os de clase XL cotízanse a 1,31 euros a ducia, a L está en 0,99 euros, a M en 0,96 euros e a S a 0,81 euros. A galiña de desvelle tampouco experimentou cambios e atópase nun intervalo de 0,09 e 0,17 euros o quilo.

Por último, de novo o prezo do coello continúa sen variacións na Lonxa de Madrid, cun prezo de 1,85 euros o quilo.

25_06_2019-Central-agropecuaria-Silleda-porcino-

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información