Récord histórico nas exportacións da Ribeira Sacra

Nesta campaña 2022 as cifras chegaron aos 280.903 litros, sendo a última mellor cifra desde o ano 2018, cando se superou a barreira dos 200.000 litros. Estados Unidos sitúase como o país que máis demanda, seguido por Noruega, Dinamarca e Reino Unido

Publicidade
Récord histórico nas exportacións da Ribeira Sacra

O viño da Ribeira Sacra bateu cifras históricas nas ventas internacionais, o que confirma un maior recoñecemento

As cifras de exportacións da Denominación de Orixe Ribeira Sacra baten un récord histórico nesta campaña chegando aos 280.903 litros de viño vendidos a países do estranxeiro. Ata chegar a este punto pasouse por unha evolución que parte do 2015 “cando as ventas internacionais comezan a ser importantes con 173.917 litros”, amplían desde o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. No 2018, superaron a barreira dos 200.000 litros, chegando aos 213.693. Sen embargo, o ano previo á pandemia e durante o 2020 e 2021 rexistrouse unha baixada que deixou cifras en torno aos 162.000 litros, 151.000 litros e 190.000 litros, respectivamente.

Fonte: Consello Regulador D.O. Ribeira Sacra

Gráfico sobre a evolución das exportación na Denominación de Orixe Ribeira Sacra

Os países que máis demanda tiveron de viño da Ribeira Sacra foron Estados Unidos, con 105.848 litros; Noruega, con 22.459 litros; Dinamarca, con 21.440 litros; Reino Unido, 20.087 litros; Canadá, con 14.633 litros; Suecia, con 13.684 litros; Corea, con 90029 litros; Suíza, con 8654 litros; Alemaña, con 7053 litros, e finalmente, Australia con 6073 litros; segundo as cifras do Consello Regulador. “Estes datos de exportacións representan o 8% do total de ventas desta campaña, a porcentaxe máis alta da historia da Denominación de Orixe”, explican desde o Consello Regulador.

“Estes datos de exportacións representan o 8% do total de ventas desta campaña, a porcentaxe máis alta da historia da Denominación de Orixe” (Consello Regulador)

“Para poder exportar o viño ben e estar aí necesitas, primeiro, que te coñezan e despois que teñas un nome de garantía. A imaxe é imprescindible”, desta maneira destaca o esforzo exportador das adegas e “a importancia de participar nas feiras internacionais” o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra José Manuel Rodríguez.

“Para poder exportar o viño ben e estar aí necesitas, primeiro, que te coñezan e despois que teñas un nome de garantía” (José Manuel Rodríguez)

A nivel nacional
A maior parte das vendas nesta campaña déronse en Galicia, con 2.910.053 litros vendidos, seguidos por Madrid, con 110.844 litros; Cataluña, con 95.634 litros; Valencia, con 63.510 litros, e Castela e León con 46.973 litros. Deste xeito, o 80%, aproximadamente, das vendas nacionais corresponden a Galicia, e o 13%, aproximadamente, ao resto do territorio nacional.

En Galicia os datos de vendas mantéñense sen cambios significativos respecto ao 2019, antes da pandemia. Ourense é a provincia galega na que máis se vende viño da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, 1.249.048l, seguida de Lugo, 686.531l; A Coruña 534.351l e Pontevedra, 345.251l. “Consume máis do noso viño a provincia de Ourense porque é unha provincia vitícola, ten 4 Denominacións e hai unha maior cultura de viño. A provincia de Lugo na parte norte estivo influenciada no mercado por viños doutras zonas. É unha cuestión cultural e unha realidade; hai un maior consumo dos nosos viños na metade sur de Galicia que no norte, e a nivel de España un maior consumo no norte que no sur”, sinala José Manuel Rodríguez.

Cabe destacar que durante os dous anos da pandemia, 2020 e 2021 nas provincias nas que se atopa o territorio da Denominación aumentaron significativamente as vendas, superando en Lugo os 800.000l e en Ourense os 1.600.000l. “Houbo unha aposta maior polo mercado de proximidade, a xente apostou máis polo seu e iso fixo que houbese unha maior implantación dos produtos de cada territorio”, explica José Manuel Rodríguez.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información