Récord de prezo dunha vaca en Silleda e depreciación dos becerros carniceiros

O peche do mercado de animais vivos con destino a Marrocos deixouse notar na sesión deste martes, na que o vacún maior mantivo as cotizacións e a recría repuntou

Vaca mestiza de 4 anos procedente dunha explotación de Boimorto e vendida en 7.789€

Vaca mestiza de 4 anos procedente dunha explotación de Boimorto vendida en 7.789€

A Central Agropecuaria de Galicia rexistrou este martes o maior prezo pagado por unha vaca neste mercado. Se ben o récord da categoría de vacún maior en Silleda sitúase nos 10.498€ acadados o 8 de outubro de 2024 por un boi de raza mestiza, en canto ás femias desta categoría o maior prezo estaba até o de agora nos 7.728€ pagados en marzo de 2024.

Así, desde esta semana, o maior prezo pagado por unha vaca pasa a ser de 7.798€, pagados por unha vaca mestiza nacida en febreiro de 2021 e pertencente a unha explotación de Boimorto (A Coruña), a cal foi adquirida por Frigoríficos Bandeira.

O resto da sesión caracterizouse pola caída dos becerros carniceiros, a suba da recría e o mantemento de prezos do vacún maior.

Na recría, subiron os animais pintos de todas as idades, tanto machos como femias, mentras que nos cruzados subiron as femias e os xatos máis pequenos e corrixiron 35€ os machos de 21 a 50 días e de máis de 50 días, que foran os que subiran nas anteriores sesións. Na rubia galega, os becerros de dous meses seguen pagándose por enriba dos 1.300 euros, aínda que nesta semana caeron 100€ como consecuencia da maior oferta de animais pasteiros a medida que se achega o inverno. 

Silleda 21-10-25 recriaNos becerros carniceiros a tendencia foi a contraria que na recría, con caídas importantes en todas as categorías, de máis de 200€ nos becerros frisóns e de 100€ nos de cruzamento industrial. O mercado segue moi inestable como consecuencia dos brotes de Dermatose Nodular Contaxiosa en Cataluña, que obrigou a pechar os mercados exteriores de animais vivos, fundamentalmente con destino a Marrocos e a Libia, o que xa se está a deixar notar na caída da demanda, obrigando a recolocar ese gando no mercado interno.

Silleda 21-10-25 becerros carniceirosO vacún maior, sen embargo, segue a aguantar polo de agora as cotizacións, cunha corrección á baixa nas vacas de categoría extra, debido a unha maior afluencia de gando con respecto á semana pasada e un lixeiro ascenso nas vacas de categoría Primeira, que seguen por enriba dos 1.200 euros. 

Silleda 21-10-25 vacun maiorNo que respecta ás mesas de prezos do resto de especies gandeiras, continúa a caída en picado dos últimos meses do porcino, que unha semana máis afectou aos animais cebados, librándose nesta ocasión os bacoriños, que mantiveron as cotizacións da semana anterior. No lado oposto da balanza seguen os ovos, con subas de 10 céntimos en todas as categorías esta semana. O bo momento do sector avícola trasládase tamén ao prezo das galiñas de desvelle, que subiron nesta sesión dous céntimos en quilo, tralo céntimo gañado a semana pasada. 

Silleda 21-10-25 mesas de prezosPódese descargar o pdf coas cotizacións completas neste enlace

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información