Récord de facturación das ganderías galegas de vacún de leite: 1568 millóns de euros no 2022, un 35% máis

Os bos prezos acadados o pasado ano, unha media de 0,45 euros o litro, levou ás arredor de 6.000 granxas galegas de vacún de leite a lograr unhas cifras récord por venda de leite: 1306 millóns de euros

Récord de facturación das ganderías galegas de vacún de leite: 1568 millóns de euros no 2022, un 35% máis

O sector produtor de vacún de leite reafirmou o pasado ano o seu papel de motor económico do rural galego. As arredor de 6000 ganderías de vacún de leite que quedan en Galicia facturaron en 2022 un total de 1568 millóns de euros, un 35% máis que no 2021, segundo os datos facilitados a Campo Galego pola Fundación Juana de Vega e elaborados a partir da información publicada tanto polo Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) como polo seu equivalente galego, o FOGGA.

O dato é aínda máis meritorio se se ten en conta que as apenas 6.000 granxas galegas, concentradas na súa maior parte no interior das provincias da Coruña e Lugo, dispoñen de pouco máis que 200.000 hectáreas de base territorial, só o 8% do territorio galego. Para ilustralo mellor, o segundo sector económico en importancia do rural galego, o forestal, facturou por venda de madeira o pasado ano 348 millóns de euros, pero dispoñendo de máis de 500.000 hectáreas de superficie forestal ordenada.

Detrás destes bos datos das ganderías de vacún de leite de Galicia, que obtiveron 339,8 millóns de euros máis de ingresos que no 2021, están fundamentalmente os bos prezos acadados polo leite en orixe. Así, malia que as entregas de leite á industria baixaron lixeiramente o pasado ano en 16.941 toneladas menos (-0,57%), quedando nas 2.971.400 toneladas, o 40,85% da produción nacional -datos do último informe da asociación Terra e Leite- o prezo medio ponderado coa produción no 2022 foi de 45,28 c/L.

Deste xeito, as vendas de leite reportaron ás ganderías galegas o pasado ano un total de 1.306,3 millóns de euros. A isto habería que sumarlle os 56,87 millóns de euros da axuda extraordinaria do Ministerio de Agricultura polo impacto da guerra de Ucraína, pero tamén ingresos pola venda de animais (becerros, animais para vida e para desvelle), as subvencións da PAC e a variación do inventario e outros ingresos. No caso da venda de animais, a Fundación Juana de Vega fai unha estimación de 76 millóns de euros en vendas, para as axudas da PAC 96,22 millóns e para o terceiro capítulo calcula uns 33,56 millóns de euros, sumando en total 1.568,95 millóns de euros.

Unha ano de moi bos resultados para as ganderías e malos para a industria láctea

O 2022 non só será recordado por un volume de facturación récord para as granxas galegas, senón tamén de moi bos resultados de beneficios para os produtores. Pola contra, e de forma excepcional, a industria láctea por primeira vez non foi quen de trasladar o encarecemento do leite no campo aos prezos de venda dos produtos lácteos á distribución, o que perxudicou notablemente as súas contas.

Así se reflicte no informe sobre o sector lácteo elaborado polo Observatorio Galego da Cadea Alimentaria. Se ben é certo que os custos de produción das ganderías de vacún de leite se incrementaron o pasado ano nun 11,76% (tal e como se desglosa na táboa), sen embargo o prezo do leite pagado pola industria aos produtores galegos subiu de media un 48,88%, un incremento que en realidade foi maior pois o informe recolle só os datos de xaneiro a outubro de 2022, mentres que foi en novembro e decembro cando se rexistraron as maiores subas do prezo do leite no campo.

INFORME LACTEO COSTES 2022

Pola contra, os prezos do brik de leite e derivados lácteos (queixo, iogures, manteiga…) nos lineais dos supermercados incrementáronse menos da metade: un 22%. É dicir, a industria só foi quen de trasladar á distribución a metade do incremento do prezo da súa materia prima, o leite.

Fonte: Fundación Juana de Vega

Así, as conclusións do informe son reveladoras:

-Os incrementos dos prezos do leite pagado aos produtores no 2022 máis que compensou o incremento dos custos de produción, polo que as marxes das gandarías de Galicia melloraron no 2022 con respecto ao ano anterior.

‣ Os prezos nos lineais en 2022 incrementáronse menos en termos porcentuais que os pagados aos produtores.

‣ A industria láctea, especialmente a orientada á fabricación de leite en brik, deteriorou as súas marxes por non ser capaz de repercutir nos prezos de venda á distribución o incremento dos custos que está soportando, tanto pola compra de leite, como polo incremento dos custos da enerxía

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información