Récord de compravenda de terra agraria no ano 2021 en Galicia

Realizáronse case 67.000 transaccións correspondentes a 18.800 hectáreas, das que un terzo eran terras e dous terzos monte, cun prezo medio de 1,91 €/m2 para a superficie agraria útil e de 0,82 €/m2 para os terreos forestais

paisaxe montaña Córneas (Baleira)No ano 2021 acadáronse en Galicia os valores máximos de mobilidade de terras rústicas por compravenda dende o ano 2008. En total, transaccionáronse 18.820 hectáreas, das cales 6.124 son de superficie agraria útil e as 12.696 restantes de monte.

Así o reflicte o último informe elaborado polo Observatorio Galego de Mobilidade de Terras que foi presentado este martes no pazo de Quián, no marco dunha reunión presidida pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé. Neste informe analízase a situación do mercado de terras rústicas na comunidade entre os anos 2008 e 2021.

A superficie media de parcela agraria mobilizada é de 0,25 hectáreas

Segundo este informe, ao comparar o período 2020-2021 co bienio previo, o incremento da superficie transaccionada foi dun 54%. Neste senso, o Observatorio Galego de Mobilidade de Terras indica que no bienio 2020-2021 realizáronse 66.926 operacións de compravenda, das cales 24.174 foron de superficie agraria útil e 42.752 de monte.

Maior mobilidade de terras nas zonas produtoras de leite

No relativo á taxa de mobilidade, no conxunto de Galicia situouse nun 0,94% no ano 2021, polo que experimentou un incremento notable dende o ano 2019, cando estaba no 0,57%. Estas taxas de mobilidade son superiores na metade norte da comunidade, coincidindo coas principais comarcas gandeiras de vacún de leite, e especialmente na provincia da Coruña.

O mercado de compravenda acadou uns 230 millóns de euros no ano 2021

O tamaño medio da parcela involucrada mantívose estable, cunha cifra aproximada de 0,3 hectáreas: 0,25 ha de superficie agraria útil e 0,33 ha para monte. Deste xeito, o mercado de compravenda de terreos rústicos en Galicia acadou un volume de arredor de 500 millóns de euros no período 2019-2021, dos cales 230 millóns corresponden só ao ano 2021.

Prezos

No referido aos prezos, os datos case igualan os máximos de toda a serie analizada dende o ano 2008, na contorna de 1,2 €/m2 de media; con 1,91 €/m2 para a superficie agraria útil fronte aos 0,82 €/m2 para o monte.

O prezo medio pagado é de 1,91 €/m2 para a superficie agraria útil e 0,82 €/m2 para o monte

O Observatorio Galego de Mobilidade de Terras xorde dun convenio de colaboración entre a Consellería do Medio Rural, a Axencia Tributaria de Galicia, o Instituto de Estudos do Territorio, a Fundación Juana de Vega e a Universidade de Santiago de Compostela.

O obxectivo do Observatorio é recoller, elaborar e difundir información anual sobre a mobilidade de terras rústicas en Galicia, co fin de mellorar a transparencia dos mercados e coñecer as dinámicas que se dan sobre estas terras para poder deseñar e implantar políticas públicas e aproveitar mellor a terra e os recursos do territorio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información