A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca, que se celebra cada semana en Silleda (Pontevedra), rexistrou este martes o maior volume de transaccións da súa historia, ao sumar as diferentes poxas 701.058 euros e superar así os 660.785 euros que ata hoxe era a maior cantidade, que se rexistrara o 16 de novembro do ano pasado. A esta marca contribuíu outra acadada esta mañá no vacún maior que logrou a maior facturación rexistrada na historia da Central con 505.746 euros que superaron os 457.076 euros, que ata o momento eran a cifra máis elevada acadada e que tamén se rexistrara o 16 de novembro do 2021.
En canto ós prezos medios, que serven de referencia ó sector, esta semana a recría cotizou á baixa, mentres que nos becerros carniceiros se apreciaron subas en tódalas seccións con respecto da semana anterior. No vacún maior destaca a suba dos prezos medios dos animais cos selos da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Vaca e Boi de Galicia. Con todo, nestas variacións semanais, inflúen outros factores como a calidade media que poidan ter os animais (canais, quilos, etc).
Nas mesas de cotización de porcino esta semana volveron rexistrarse subas tanto no porco cebado como nos leitóns. Tamén cotizan á alza os ovos e mantense sen cambios o coello.
No repaso pormenorizado por seccións, a recría acusou baixadas en boa parte das categorías, aínda que tamén houbo excepcións. Nos becerros de raza Frisoa, os tenreiros máis novos cotizáronse a 109 euros, o que supón 3 euros máis con respecto do prezo medio da semana pasada. Mentres, nos animais de entre 20 e 50 días, que son ademais a sección con maior afluencia do mercado, houbo unha baixada de 5 euros e quedan nos 120 euros. Nos machos de máis de 50 días o prezo medio foi de 142 euros, o que deixa unha baixada de 21 euros.
A tendencia foi semellante nos cruces industriais, aínda que as variacións non se produciron nas mesmas seccións. Así, os animais máis novos neste caso descontaron 22 euros con respecto da semana anterior e o prezo medio queda nos 191 euros. Pola contra, os tenreiros de entre 20 e 50 días tiveron un prezo medio de 286 euros, o que supón 16 euros máis. Os becerros de menos de 50 días cotizáronse a 300 euros, 43 euros por debaixo do marcado a semana anterior.
Os prezos medios das distintas categorías do becerros carniceiros rexistraron esta semana subas. Nos tenreiros frisóns o incremento foi de 255 euros e o prezo medio situouse nos 836 euros. Os becerros de cruces industriais experimentaron unha suba de 37 euros e o prezo medio acada os 947 euros. Nas femias desta sección o valor incrementouse 45 euros e conseguen os 792 euros de media. Nos tenreiros de Rubia Galega houbo un aumento de 35 euros no valor de referencia, que se sitúa esta semana nos 975 euros. Nas femias a suba foi de 47 euros e o prezo medio queda nos 822 euros. Mentres, os becerros co selo da IXP Ternera Gallega cotizáronse de media esta semana a 852 euros, o que supón unha baixada de 75 euros.
No vacún maior, que logrou un récord absoluto das transaccións, o incremento máis destacado nos prezos de referencia produciuse naqueles animais que se comercializaron baixo o selo da IXP Vaca e Boi de Galicia. O valor medio foi de 2.985 euros, o que supón un incremento de 1.105 euros con respecto da semana anterior. Por categorías, as vacas da sección extra tiveron un prezo medio de 1.972 euros, o que supón 50 euros menos. O prezo de referencia para as vacas de primeira situouse nos 1.163 euros, e amósase un incremento de 11 euros. Nas vacas de segunda apréciase unha variación mínima, ó descontar 2 euros o prezo medio que se atopa nos 777 euros. Nas vacas de desfeito o valor medio foi de 461 euros, é dicir, 26 euros máis que na última feira.
Subas no porcino
Esta semana as mesas de prezos do porcino acordaron de novo subas tanto no porco cebado como nos leitóns. Así, o porco selecto e o normal tiveron un incremento de 0,04 euros e pasan a cotizarse a 1,155 e 1,130 euros o quilo, respectivamente. A suba máis destacada, ó igual que nas últimas semanas, produciuse nos animais de Canal II, que tiveron un incremento de 0,52 euros e agora sitúanse nun prezo de 1,468 euros o quilo. Os animais de descarte tiveron unha suba de 0,05 euros e agora cotízanse entre os 0,37 e os 0,43 euros o quilo.
Nos leitóns, produciuse unha suba de 1 euro. Deste xeito, os exemplares procedentes dunha única granxa acadan os 49 euros (cun prezo de 2,45 euros o quilo) e os animais chegados de varias ganderías cotízanse a 44 euros e teñen un prezo por quilo de 2,2 euros.
No mercado do ovo houbo subas de 0,08 euros en tódalas categorías. Así os ovos da XL cotízanse a 1,80 euros a ducia, os ovos da L teñen un prezo de 1,51 euros, os da M están a 1,33 euros e os da S atópanse a 1,11 a ducia. As galiñas de descarte seguen a cotizarse entre os 0,22 e os 0,29 euros por quilo.
O coello mantense sen cambios e está a cotizarse a 1,95 euros o quilo na Lonxa de Madrid.