Recomendan tratar as maceiras contra o verme, moteado e oídio

Publicidade
Recomendan tratar as maceiras contra o verme, moteado e oídio

Couza do verme da mazá

A Consellería de Medio Rural ven de publicar este venres o boletín fitosanitario, no que recomenda tratar as maceiras, tanto de sidra como de mesa, cun insecticida fronte ao verme da mazá, así como cun funxicida que as protexa fronte ao moteado como fronte ao oídio.

O feito de ter superado o limiar de tolerancia do Verme da mazá (Cydia pomonella) en todas as estacións (Sada, Ortigueira e Chantada) fai necesaria a aplicación dun tratamento insecticida-larvicida para esta praga que está na primeira xeración das dúas que ten no ano.

Para acadar unha boa actividade insecticida, cómpre efectuar a aplicación antes do nacemento das larvas, requirindo un coñecemento exacto do estado evolutivo da praga en cada parcela. Este tratamento tamén terá eficacia contra o pulgón verde.

As condicións meteorolóxicas cambiantes, como presencia de humidade relativa alta, xunto com brétemas e orballo, abócanos a unha situación de perigo respecto dos fungos (moteado e oidio), polo que se recomenda un tratamento a base dun funxicida de contacto (infeccións secundarias) que pode ir unido ó insecticida recomendado.

Dende a Xunta recomendan tamén que “deberemos ter en conta que os funxicidas de contacto perden o seu efecto a partir dunha choiva acumulada de 15 l/m2, fronte ós insecticidas sistémicos, que son independentes da choiva
caída”.

Asemade, lembran que hai que ter en conta a duración da efectividade do produto usado, segundo utilicemos un produto ou outro. Así, en agricultura convencional e integrada, cando se emprega insecticidas de síntese, en xeral, os formulados usados teñen una duración da efectividade entre 15/21 días, mentres que en agricultura ecolóxica, na que os produtos non son os mesmos que no caso anterior, é de 7/10 días (virus da granulopse da carpocapsa).

Por último, recoméndase alternar materias activas co fin de evitar a aparición de resistencias.

Situación das distintas pragas:

Pulgón cincento (Disaphys plantaginea):

Menor incidencia deste pulgón, xa que está rematando o seu ciclo. So é perxudicial en maceira. Cara fináis de xuño aparecen as femias aladas, que migran á Correola (Plantago sp.), onde desenrola varias xeracións, voltando a fináis de outono a poñer os ovos na maceira para pasar o inverno. É unha especie heteroécica, polas súas costumes alimentarias, xa que alterna hospedadores: o seu hóspede primario é a maceira e a correola o secundario.

Pulgón verde (Aphis pomi):

Obsérvase un incremento importante na incidencia deste pulgón, con moitos gromos atacados. Estamos en período crítico de ataque deste pulgón. Contrariamente ó caso do pulgón cincento, este áfido completa o seu ciclo vital na propia maceira (especie homoécica).

Non é tan perigoso como o anterior, xa que non provoca deformacións nin nos gromos nin nos froitos. Nas novas plantacións, onde se está a facer poda de formación, é conveniente mantelo baixo control. Debemos evitar todas as medidas culturais que favorezcan o desenvolvemento de pulgóns en xeral, como son o abonado nitroxenado e poda excesivos, a rega sen control, etc, é dicir todo o que favoreza o crecemento excesivo das nosas maceiras.

Pulgón lanixero (Eriosoma lanigerum):

Incidencia alta. Estamos en pleno o periodo crítico para a maceira, que vai de maio a agosto. Comeza a observarse a presencia de Aphelinus mali parasitando este pulgón. As boas condicións meteorolóxicas axudan ó desenvolvemento deste insecto. En poucos días veremos como cae a la que o protexe e, posteriormente, as momias do pulgón parasitado co orifico de saída do parasitoide.

O aumento da temperatura que estamos a ter, provocou o adianto na aparición do seu parasitoide específico Aphelinus mali. En consecuencia, a partir deste momento, debemos ser moi coidadosos no uso dos insecticidas.

Verme da mazá (Cydia pomonella):

Cydia pomonella é un lepidóptero cuxo verme fai galerías no interior do froito de maceiras e pereiras. Tamén ataca ás nogueiras, marmeleiros e albaricoqueiros. Lémbrese que para que se produza o primeiro voo anual dos primeiros adultos debemos acadar 400 grados/día, segundo a fórmula bioclimática.

Así, os 400 grados/día acadáronse o día 13 de maio, mentres que o ano pasado foi o 7 de abril, feito que evidencia a importancia da meteoroloxía na evolución e ciclo anual das pragas.

Por outra banda, para a aplicación dos tratamentos débense acadar as dúas capturas de adultos/trampa x semana, así como que comezamos a contar grados/día cando a temperatura crepuscular (temperatura do ocaso + 2 horas) sexa maior a 15’5 ºC durante dous días seguidos.

As primeiras dúas capturas tiveron lugar o día 10 de maio en Bergondo e o día 1116 en Aranga (A Coruña), o día 14 na escola de Ponteareas , e o día 20 na Estrada (Pontevedra). A temperatura crepuscular maior de 15’5ºC acadouse os días 18 e 19 de maio, polo que se cumplen as condicións para o inicio do ciclo reproductivo desta praga, comezando a contar os grados/día. Así, cando academos 60 grados/día, trataremos cun insecticida-ovicida e, cando academos os 90 grados/día, trataremos con insecticida-larvicida.

A primeira xeneración comenzou o 20 de maio, o día 31 de maio acadamos os 60 grados/día e os 90 grados/día o 6 de xuño (a semana pasada).

Estas capturas corresponden á primeira xeración, que é a máis perigosa das dúas que ten esta bolboreta, polo que debemos esforzarnos no control da mesma a fin de reducir o número de adultos para a segunda xeración. Cando se acaden os 600 grados/día desde o primeiro vóo do ano, comenzará a segunda xeneración. A día de hoxe levamos acumulados 300,8 grados día.

Enfermidades fúnxicas:

É importante suliñar a necesidade de manter unha boa aireación nas plantacións froiteiras, para minimizar os efectos dos fungos nas mesmas. Para elo, debemos manexar moi ben parámetros como: poda, fertilización axeitada, marco de plantación..etc.

Moteado (Venturia inaequalis):

Estamos rematando a época máis crítica para que se produzcan as infeccións primarias. A partir do mes de xullo, poden aparecer as infeccións secundarias, sempre que se dean as condicións axeitadas. O moteado está causado por fungos do xénero Venturia.

As infeccións prodúcense sempre que se dan condicións favorables para o fungo. Seguimos a estar nunha época de perigo potencial. De todos os xeitos, nos meses de xullo e agosto a Venturia amosa unha incidencia cada vez menor, podendo acadarse infección secundarias, sempre que as condicións meteorolóxicas favorezan o seu desenvolvemento, como son: temperatura óptima 16-22ºC e alta humectación (disposición de auga libre en contacto coas esporas do fungo). Polo tanto, pasamos dun periodo crítico de infeccións primarias (agretamento do froito), a un periodo máis benigno de infeccións secundarias (pequenas motas negras no froito).

As peritecas son as formas invernantes do moteado. Éstas evolucionan e van formando ascosporas maduras, capaces de producir a infección primaria en condicións favorables á infección (humidade e temperatura) e un estado sensible da maceira. Sería moi interesante contar con estacións meteorolóxicas automáticas de control que nos medisen temperatura, chuvia, humidade relativa e tempo que a folla permanece húmida. Con estes datos evaluaríamos o risco de infección mediante a Gráfica de Mill’s.

Detectáronse infeccións primarias no mes de xuño. As chuvias caidas estes días, xunto coas temperaturas suaves, poden provocar o desenvolvemento de novos ciclos da enfermidade.

Oidium (Podosphaera leucotricha):

Fungo externo que se manifesta como un pó branco, de aspecto fariñoso, recubrindo os gromos. Este recubrimento é o micelio do fungo, que afecta principalmente a gromos e follas novas.

A partir do estado fenolóxico E/E2 (botón rosa), poden empezar a producirse as infeccións primarias. Tras éstas, aparecen os conidios, que producen as contaminacións secundarias durante o resto do proceso vexetativo.

Esta enfermidade desenvólvese mellor en condicións de humidade e temperatura elevadas, ainda que, ó contrario que outros fungos, non se ve favorecido pola chuvia, xa que é capaz de xerminar sin auga.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información