Recomendan tratar ao viñedo contra o mildeu despois das choivas

Publicidade
Recomendan tratar ao viñedo contra o mildeu despois das choivas

As primeiras manchas de mildeu soen observarse na base do gromo. Foto: Estación do Areeiro

A Estación Fitopatolóxica do Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, recomenda no seu boletín deste venres realizar un tratamento contra o mildeu despois das choivas, así como aplicar algún produto cicatrizante naqueles viñedos nos que o vento provocou roturas de pámpanos.

En concreto, en canto ao mildeu, dende Areeiro recordan que “as diferentes previsións meteorolóxicas consultadas anuncian choivas ata o luns, pero mantendo as temperaturas nocturnas baixas e un baixo risco de infección, pero subirán a partir de mércores, co que se incrementará o risco”.

Con esta previsión, os técnicos da estación aconsellan que será recomendable facer un segundo tratamento fronte ao mildio que, “caso de existir a posibilidade (por dispoñibilidade de tempo), poderá atrasarse ata despois das choivas, sobre todo se estas se producen de forma continuada e non son tipo chuvasco”.

“No caso de que non sexa posible pospor a intervención ou se hai chuvascos, lembren que con que a viña estea seca e non chova ata unha hora despois das precipitacións, as plantas quedan protexidas polas materias activas sistémicas ou penetrantes que levan os produtos que se usan nestas fases iniciais da campaña. Con todo, o período de protección verase reducido se continúan as choivas”, precisan dende a Estación Fitopatolóxica.

Ademais, recordan que estes días houbo ventos moderados-fortes e que as aplicacións feitas nestas condicións, especialmente na etapa inicial de aínda relativo desenvolvemento dos gromos, “pérdense ao ser arrastrados os fitosanitarios fóra das zonas a tratar, co que non son eficaces e polo tanto non protexen as plantas”.

Cicatrizante contra as roturas provocadas polo vento

Os ventos destes días están a provocar a rotura dalgúns gromos nas viñas, sobre todo nas zonas máis expostas. Neste sentido, dende Areeiro recomendan que “nos casos nos que a súa incidencia o aconselle pola contía de varas afectadas deben elixirse, ó facer a seguinte aplicación fronte ao mildio, funxicidas que leven folpet, materia activa cicatrizante”.

Por último, en canto ás couzas do acio (Lobesia botrana, Eupoecilia ambiguella) recordan que ue cando se van instalar as trampas “é conveniente abrir o envoltorio do difusor 24 horas antes para que libere o exceso de feromona, xa que de non facelo pode haber un exceso de capturas que pode inducir a un tratamento innecesario”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información