Recomendan seguir revisando os viñedos ante o mildio

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro fai esta recomendación ante o tempo inestable destes días, aínda que polo momento non se observan síntomas graves da enfermidade

Publicidade
Recomendan seguir revisando os viñedos ante o mildio

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro publicou un aviso fitosanitario no que indica que a situación dos viñedos está controlada, debido a que a maioría recibiron tratamento antimildio antes do episodio tormentoso da pasada semana. Así, non se atopan síntomas graves de mildio, tan só atoparon algún acio disperso con grans con fructificación e algunha mancha non ben curada, onde xa levaba arrastrando unha infección mal controlada.

As temperaturas máximas e mínimas da semana pasada e o tempo despexado e luminoso propiciaron o desenvolvemento dos acios, mesmo algúns dos máis expostos en predios moi asollados mostran grans que case alcanzan o tamaño guisante. Ante o tempo inestable, desde Areeiro recomendan seguir pendentes do estado dos viñedos, sobre todo daqueles predios menos ventilados, con restos de infeccións anteriores non ben controladas e/ou nos que estea próximo a concluír o período de protección do tratamento anterior, renovando a aplicación cando o tempo o permita se aparecesen novos síntomas. No caso de viñas en zonas onde caese saraiba , se hai que renovar a aplicación recomendan usar un funxicida que leve folpet na súa formulación.

No relativo ao oídio, os técnicos de Areeiro non atoparon novos síntomas esta semana, pero se as precipitacións previstas son en forma de orballo o fungo aínda se verá máis favorecido, ademais de que a viña está nun período de alta sensibilidade ao patóxeno. Por iso, hai que manter a vixilancia, en especial se a viña está composta por variedades sensibles.

Esta semana xa se observaron os primeiros acios afectados polo black rot nunha viña do Condado que ten próximas varias plantas de vide abandonadas que presentan síntomas desde hai tempo. Por iso é fundamental eliminar todas estas plantas, pois son vías de entrada de enfermidades aos predios. Ante o novo episodio de precipitación, recomendan continuar vixiando, e, en caso de realizar unha aplicación, utilizar funxicidas con actividade conxunta fronte a black rot, mildio e oídio nas parcelas sensibles. Por último, esta semana atopáronse brotes con acariose.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información