Recomendan renovar os tratamentos contra o mildio

Publicidade
Recomendan renovar os tratamentos contra o mildio

Acios afectados por mildio. // Foto: Estación Fitopatolóxica de Areeiro.

As néboas que cubriron boa parte do territorio galego durante esta última semana xeraron unhas condicións propicias para a aparición de mildio. Ademais, a previsión de chuvieiras para os próximos días leva a que dende a Estación Fitopatolóxica de Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, recomenden no seu último boletín sanitario renovar os tratamentos fronte a esta enfermidade.

Os técnicos insisten tamén en que, aínda no caso de xa ter aplicado un tratamento contra o mildio, a protección pode verse reducida se finalmente se rexistran chuvias, co que sería recomendable repetilos nos próximos días.

“Se o tratamento foi feito só con cobre e se rexistran chuvias abundantes, é probable que se lave e haberá que tratar novamente. Se a intervención foi cun produto penetrante unido ó cobre, o tempo de protección reducirase”, concretan os técnicos de Areeiro.

Ademais, para previr unha maior afección dos viñedos, consideran prioritario levar a cabo labores culturais como despuntes, esfollas e rozas, para facilitar a ventilación das viñas e reducir a incidencia do patóxeno.

Alerta por mildio larvado

Nesta última semana, en Areeiro recibiron un gran número de avisos de profesionais que detectaron nos seus viñedos danos por mildio larvado en moitas viñas. Nalgúns casos, con ataques de máis do 25% dos acios, mentres en xeral a folla estaba sa. Porén, nas parcelas examinadas polo persoal da Estación Fitopatolóxica polo momento non se apreciaron este tipo de danos e só observaron manchas nos gromos terminais, pero as uvas, en xeral, atópanse nun estado excelente.

O persoal especializado de Areeiro valora que estes danos detectados nos viñedos se deban a un inadecuado mantemento das viñas nalgún momento da campaña, tendo en conta que os episodios reiterados de humidade e altas temperaturas provocaron un gran desenvolvemento de vexetación que dificulta a ventilación dos acios.

Tamén sinalan que estes danos por mildio larvado se poden deber a unha elección inadecuada do funxicida ou as condicións de aplicación pouco convenientes para conseguir que o produto protexa a viña. Mesmo, danos identificados inicialmente como mildio resultaron ser consecuencia de golpes de calor.

Aínda que as condicións meteorolóxicas rexistradas nesta semana son propicias para a aparición de oído, o estado fenolóxico no que se atopan os acios fan que sexan xa pouco sensibles a esta enfermidade. “Só observamos síntomas puntuais nalgúns grans de viñas onde xa se observaran danos previos”, concretan os técnicos. Con todo, inciden en avaliar a eficacia dos tratamentos xa dados e se as viñas presentan síntomas recentes recomendan aplicar un novo, que será probablemente o último que precisen nesta campaña.

Tamén están a rexistrarse unhas condicións favorables para o desenvolvemento de black rot, porén apenas detectaron polo momento danos por esta enfermidade. Pese a iso, naquelas viñas máis sensibles a este patóxeno recomendan manter aínda a vixilancia e, no caso de incrementarse os danos, aconsellan aplicar un último tratamento contra o patóxeno.

Polo momento, as viñas tampouco presentan danos por botrite, mesmo aquelas variedades máis propensas. O risco increméntase co aumento dos niveis de azucre nas uvas se se combina con condicións meteorolóxicas favorables como as desta semana. Así, dende Areeiro inciden en manter un bo estado sanitario das uvas e incrementar a vixilancia onde haxa danos ou feridas nos acios.

Na Estación Fitopatolóxica tamén aconsellan supervisar as viñas para evitar danos de Lobesia botrana, pola incidencia directa das penetracións das eirugas na aparición das podres. Por agora apenas capturaron exemplares, pero recomendan manterse alerta. Tampouco detectaron ata o momento moita presenza de cicadelios.

Por outra banda, recomendan cortar as plantas afectadas por enfermidades da madeira e que non sexan recuperables, retirando os restos da madeira da contorna dos predios para evitar a transmisión destes patóxenos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información