Recomendan renovar os tratamentos contra o mildeu e controlar os caracois

Publicidade
Recomendan renovar os tratamentos contra o mildeu e controlar os caracois

Síntomas de mildeu. Foto: Estación do Areeiro

Os viticultores de Rías Baixas deberían renovar os tratamentos contra o mildeu nos próximos días, debido ás previsións meteorolóxicas que anuncian temperaturas suaves e precipitacións, e tamén a que se achega o inicio da floración.

Así o aconsellan os últimos boletíns fitosanitarios tanto da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, como da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) dependente Consellería do Medio Rural.

Ata o de agora, as condicións climáticas coas precipitacións rexistradas favoreceron a infección xeneralizada do fungo do Mildeu, pero “a intensidade e severidade das infeccións é, en xeral, baixa e obsérvanse principalmente en folla e nalgún acio illado”, aseguran dende a Evega.

De cara aos vindeiros días, dende a Estación do Areeiro recomendan que “se o seu viñedo aínda se atopa dentro do período teórico de protección do tratamento anterior -en torno a 10 ou 11 días- poden atrasar o tratamento. Pero non esquezan que é importante manter o viñedo protexido neste período para evitar danos á colleita potencial”.

Danos dos caracois
Por outra parte, dende a Evega advirten de que “en plantas novas detéctanse algúns focos con importantes danos producidos por diferentes especies de caracois que se alimentan das follas novas, xa que as temperaturas moderadas e a humidade ambiental favorecen a actividade destes gasterópodos”.

A este respecto, recomendan que en videiras novas con presencia de caracois, “deben eliminarse de forma manual ou aplicar molusquicidas, como os cebos de Fosfato férrico, para evitar os danos que produce a praga”.

Black Rot
En canto ao Black Rot, dende a Estación do Areeiro confirman que “esta semana vimos un incremento dos síntomas desta enfermidade (…) debido a que en varios días houbo condicións de elevada humidade”.

“A receptividade dos acios a este patóxeno aumenta sensiblemente dende a floración, pero na actualidade non se estima necesario realizar ningún tratamento, dado que a presenza de manchas non é significativa”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información