Recomendan protexer as viñas contra a botrite tralos danos das fortes choivas

Publicidade
Recomendan protexer as viñas contra a botrite tralos danos das fortes choivas

Danos por botrite nunha folla de cepas de Alvariño. // Foto de arquivo da Estación Fitopatolóxica de Areeiro.

A inestabilidade meteorolóxica da última semana está a incrementar os riscos de enfermidades fúnxicas coma o mildio ou a botrite nos viñedos. Así o recolle o último aviso da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra.

Na súa revisión semanal, os técnicos atopáronse unha variada situación dos viñedos en canto á afección do mildio, dende predios completamente sans, coma outros relativamente atacados, con entre un 10 e 20% dos acios afectados. Nestes casos, os danos localizábanse en predios que tiñan os pampos demasiado longos ou frondosos, así como en cubertas vexetais que acadaban a altura das viñas, co que se reduce a ventilación e se favorece o desenvolvemento do patóxeno.

As fortes choivas e tormentas acompañadas de episodios de saraiba que se produciron en moitas zonas da provincia de Pontevedra e en áreas de Lugo e Ourense afectaron ás viñas provocando feridas, que coas condicións actuais de humidade e temperatura poden favorecer a aparición de botrite. Os técnicos recomendan ós viticultores que vaian realizar tratamentos contra o mildio, que procuren que o funxicida leve tamén unha materia activa que protexa fronte a este fungo.

En canto ó oídio, aínda que as altas temperaturas e as néboas persistentes rexistradas nalgunhas zonas podían resultar favorables para o patóxeno, as choivas que se rexistraron a finais de semana están a disipar o risco. Con todo, recordan que nos atopamos nun momento fenolóxico no que os acios son moi vulnerables, co que é primordial permanecer atentos á aparición de posibles síntomas.

Tamén inciden en seguir vixiantes ante a aparición de síntomas doutros patóxenos como black rot. Ademais, esta semana detectaron un lixeiro incremento de cicadelidos e máis síntomas de erinose de verán, ó tempo que continúan as capturas de Lobesia nas trampas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información