A Deputación de Pontevedra lembra esta semana, que, ademais de facer revisións periódicas da viña para protexelas contra o mildio larvado, é fundamental levar a cabo prácticas agronómicas que conduzan a unha mellor aireación das plantas. Malia iso, e grazas á subida das temperaturas e a baixada da humidade, os técnicos da Estación Fitopatolóxica Areeiro non teñen observado nesta última semana avance na súa presencia naquelas viñas nas que xa había, nin tampouco viron síntomas naquelas nas que non estaba presente. De feito, a nivel dos acios tan só hai que destacar a aparición de mildio con frutificación aparentemente activa nalgúns rebuscos de viñas moi afectadas con anterioridade, algo que non debería preocupar debido ás altas temperaturas.
Aínda así, os orballos unidos ás altas temperaturas nocturnas fixeron que na maioría dos predios que non recibiran tratamento nos últimos días as follas novas aparezan con moitas manchas recentes. A mesma aparición de manchas nas follas máis tenras observase nas plantas de diferentes variedades que medran en bordos das estradas ou camiños e en muros de predios e que non reciben tratamentos de ningún tipo. Unha situación que, aseguran desde Areeiro, tampouco debería preocupar.
Por outra banda, nos predios incluídos dentro da zona demarcada establecida pola Xunta a raíz da detección da flavescencia dourada en Galicia son obrigatorias tres aplicacións insecticidas para o control das formas xuvenís (as dúas primeiras) e dos adultos de Scaphoideus titanus (a última). Se ben están aparecendo os primeiros adultos nas trampas, aínda hai bastantes ninfas e, debido a que se debe evitar no posible a dispersión da patoloxía que transmiten, aínda se recomenda a aplicación de insecticida, en particular se non se efectuou o anterior, en calquera viñedo do sur da provincia.
Oídio
No relativo ao oídio, esta semana os técnicos de Areeiro non detectaron síntomas en ningún predio tratados fronte a este patóxeno. En canto ás plantas abandonadas ou as que non foron tratadas unicamente os observaron nas follas, se ben non é xeral. Por iso, recomendan seguir mantendo a vixilancia, aínda que son baixas as probabilidades de danos significativos nos acios. Sen embargo, as temperaturas elevadas destes días si que incrementaron a gravidade dos síntomas das plantas afectadas por enfermidades de madeira, chegando a apreciarse algúns brazos mortos, que poden ir eliminándose para evitar a contaminación de outras cepas.