Recomendan manter a vixilancia para previr o avance do mildio e outras enfermidades das viñas

A Estación Fitopatolóxica do Areeiro lembra ademais que o esfollado, se ben é unha práctica recomendable para favorecer a aireación dos acios, debe facerse de maneira moderada e controlada

Publicidade
Pampos demasiado esfollados. Foto: Deputación de Pontevedra

Pampos demasiado esfollados. Foto: Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra recomenda unha semana máis no seu aviso fitosanitario manter a vixilancia das viñas ante o mildio, sobre todo naquelas que xa presentan mildio larvado, é dicir, as que estiveron ou están peor mantidas a nivel de vexetación e as máis debilitadas. Ademais, os técnicos de Areeiro lembran que o esfollado, que se está a realizar nestes momentos e é unha práctica moi recomendable nas Rías Baixas para favorecer a aireación dos acios, debe levarse a cabo de maneira moderada xa que, de non ser así, os acios poden non ter de onde alimentarse para continuar crecendo e/ou quedar demasiado expostos ao sol.

No relativo ao oídio, esta semana tampouco se observaron síntomas nas plantas tratadas, nin sequera de variedades sensibles, pero si nas follas das plantas testemuña sen tratamento de Areeiro. En principio, este fungo afecta menos ás uvas a partir do peche do acio, pero ten a capacidade de facelo ata o pintado, e por iso debe manterse a vixilancia. Ademais, os síntomas de black rot que os técnicos atoparon a pasada semana nunha planta do Condado non avanzaron a outros acios nin se atoparon noutras plantas.

En canto á flavescencia dourada, as choivas da fin de semana lavaron os insecticidas que anteriormente se tiñan aplicado e, dado que están a nacer os adultos de Scaphoideus titanus, o cidadelido transmisor da enfermidade, na zona demarcada establecida pola administración autonómica recoméndase renovar as aplicacións. Hai que ter en conta que a flavescencia dourada é unha enfermidade de corentena cuxo control é obrigatorio, e este hai que facelo, en pleno campo, mediante o control do vector, o arranque das cepas enfermas e tamén a eliminación das viñas abandonadas.

Areeiro tamén recomenda manter a vixilancia ante a posible aparición de avelaíña da uva e, debido ás altas temperaturas dos primeiros días do mes e o cambio producido despois na climatoloxía, notouse un importante no número de plantas que manifestan síntomas de alteracións de madeira e os primeiros acios con golpes de sol.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información