Recomendan manter a vixilancia dos viñedos ante a proximidade da vendima

Publicidade
Recomendan manter a vixilancia dos viñedos ante a proximidade da vendima

Manchas de mildio recentes en follas novas de viñas. // Imaxe. Estación Fitopatolóxica de Areeiro.

O último aviso fitosanitario emitido dende a Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, incide sobre a importancia de manter vixiados os viñedos para atallar de forma rápida os problemas que poidan xurdir. Co inicio do pintado dos acios comeza tamén a conta atrás para a vendima, polo que os viticultores deben ter en conta tamén os prazos de seguridade de ser preciso aplicar produtos fitosanitarios para o tratamento de pragas coma o mildio. No caso de que as adegas xa estableceran datas límite para o emprego de fitosanitarios cómpre consultar cos técnicos as solucións para atallar as patoloxías.

A vaga de altas temperaturas e a escaseza de chuvias segue a propiciar unha boa sanidade dos viñedos. A medida que avanza o pintado das uvas diminúe tamén o risco de danos por pragas como o mildio. “Co pintado a sensibilidade do acio ó patóxeno do mildio é mínima, polo tanto xa non se producirán danos e só se verán afectadas as uvas máis atrasadas nas viñas que aínda non acadaron este estado fenolóxico”, recolle o boletín de Areeiro.

As previsións de que se manteña o tempo seco para os próximos días fan prever que tampouco evolucionen as manchas que se poidan producir noutras partes verdes da planta, coma os brotes terminais ou naquelas zonas menos accesibles para os tratamentos. Con todo, recomendan manter a vixilancia, sobre todo naquelas viñas menos vigorosas, xa que precisan conservar a suficiente superficie foliar para manter a colleita, polo que é preciso controlar a incidencia para que non se cheguen a producir defoliacións.

O risco de danos por oídio e black rot tamén está a ser mínimo. No caso do oídio poden aparecer síntomas do fungo nas partes verdes da viña e nos acios rebuscos, pero co pintado a sensibilidade da uva é mínima. O mesmo acontece co black rot, xa que ó entrar na fase de pintado xa non hai risco de danos á uva. A partir destes momentos, nas plantas con síntomas as uvas terminarán co momificado, como xa observaron esta semana o persoal de Areeiro en cepas abandonadas.

As elevadas temperaturas tamén reduciron a incidencia de avelaíña do acio, sen apenas capturas de machos nas trampas dispostas pola Estación de Areeiro e sen danos do insecto nos acios. Tampouco agardan problemas derivados das perforacións das eirugas da avelaíña nos próximos días se se mantén a previsión de seca.

Nas súas revisións dos viñedos da provincia, o persoal de Areeiro segue a detectar danos por golpes de calor nos acios e plantas con alteracións da madeira e con síntomas de estrés hídrico así como un repunte da erinose de verán.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información