Recomendan manter controlada a vexetación das viñas para reducir o risco de mildio e oídio

Publicidade
Recomendan manter controlada a vexetación das viñas para reducir o risco de mildio e oídio

Grans de Albariño afectados por oídio. //Foto: Estación Fitopatolóxica de Areeiro.

No último aviso fitosanitario emitido pola Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, inciden na importancia de manter os viñedos aireados para reducir o risco de mildio e oídio. As condicións climáticas que se prevén para os próximos días aínda poden provocar infeccións, en especial de mildio.

Os técnicos aconsellan seguir vixiando os viñedos e continuar coas labores culturais de podas en verde, esfollados e rozas que contribúen ó aireado das viñas e poden reducir o risco de contaxio do patóxeno. Ademais, recordan que naquelas viñas onde sexa preciso aplicar un novo tratamento contra o mildio debe optarse por un funxicida con diferente modo de acción ó último aplicado.

Ademais alertan de que prácticas como a mestura de funxicidas, aplicar doses maiores ás recomendadas ou tratamentos moi consecutivos pode ser contraproducente para o viñedo. “Son prácticas totalmente desaconsellables, non só porque non se coñecen os efectos das mesturas senón porque poden ter menor eficacia e provocar que o patóxeno se volva resistente ós funxicidas”, explica o persoal especializado de Areeiro.

Ante o risco de danos por oído tamén insisten en extremar a vixilancia dos viñedos e ter presente que o exceso de vexetación favorece a aparición do patóxeno. Dado que as condicións meteorolóxicas para os próximos días poden ser favorables para a aparición do fungo, tamén recomendan aplicar tratamentos naqueles viñedos nos que finalizase a protección ou estea próximo a cumprirse dito período.

As condicións climáticas dos últimos días tamén están sendo favorables para o black rot polo que nas viñas afectadas, os tratamentos antimildio e antioídio deben facerse con funxicidas indicados tamén para este patóxeno e debe procurarse usar produtos con modos de acción diferentes. Ademais, recordan que as viñas abandonas próximas a outras cultivadas, deben ser eliminadas porque supoñen unha fonte de contaxio.

Tamén detectaron un elevado número de capturas de machos de avelaíñas do acio nas trampas de feromonas da zona do Condado, así como noutras trampas localizadas en distintos puntos da provincia. Por iso, apuntan que é probable que a vindeira semana sexa o momento ideal para aplicar un tratamento, seguindo as directrices do control integrado e sempre que tamén se supere o limiar de tratamentos por presenza de síntomas nas uvas.

Ademais, nas trampas do mosquito verde que teñen repartidas polas distintas comarcas detectaron algúns exemplares, pero non é necesario tratar polo momento.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información